O modelo de partido e as bases do ideario socialista en Galicia

IdeaGalicia[lab], laboratorio de ideas del PSdeG-PSOE. / Mundiario
IdeaGalicia[lab], laboratorio de ideas del PSdeG-PSOE. / Mundiario
A ponencia que establece que o PSdeG se define como herdeiro da tradición “liberal-progresista” non representa a sensibilidade dunha militancia que se define herdeira da tradición socialista e galeguista.
O modelo de partido e as bases do ideario socialista en Galicia

Os congresos do PSdeG, ademais de elixir os órganos de dirección e participación dos e das socialistas galegos, son o lugar e o momento establecido para debater o modelo de partido e as liñas ideolóxicas da nosa organización. As ponencias marcan a liña proposta pola nova dirección e poden ser emendadas pola militancia de base nas agrupacións de cada localidade para ter ao final un texto que integre as sensibilidades maioritarias da nosa organización.

Baixo a opinión de alguén que leva participado activamente en multitude de congresos, hai varios aspectos preocupantes a modificar: que a ponencia estableza que o PSdeG se define como herdeiro da tradición “liberal-progresista”, entendo que non representa a sensibilidade dunha militancia que se define herdeira da tradición socialista e galeguista do noso país. 

A aceptación do modelo de tratamento de residuos aplicado polo PP en Sogama non atende a posición defendida en multitude de ocasións polos compañeiros do grupo parlamentario, e concretamente dos do Barbanza e A Coruña, cando pedimos a potenciación das plantas de proximidade. 

A falla dun rexeitamento ao decreto do plurilinguismo falaz de Feijóo que impide o impulso do galego no ámbito educativo e que afoga a nosa lingua non resposta tampouco á nosa posición e identidade galeguista.

Por outra banda, débese profundizar nun modelo de partido que se estruture de abaixo a arriba, coa militancia como base do PSdeG antes que institucións e dirixentes, e non ao contrario. Debemos convencer a dirección federal para que manteña o modelo de estrutura do socialismo galego ante as intencións centralistas que tratan de impedir que o Comité Nacional Galego siga elixido na maior parte da súa composición nas asembleas de todas as agrupacións locais, que deberan estar representadas independentemente do seu tamaño no máximo órgano do PSdeG.

Debemos seguir avanzando tamén na recuperación da nosa estrutura comarcal, que no anterior congreso federal baixo a presión galega e valenciana conseguimos que volvese a aparecer e que nos estatutos federais actuais finalmente propicien o seu desenvolvemento.

Debemos avanzar para que a igualdade entre homes e mulleres sexa unha realidade, tamén na cobertura de vacantes en cargos institucionais, respectando a orde de presentación das persoas integrantes nas listas electorais e facer cumprir que os compañeiros e compañeiras que teñan a honra de representar o partido en cargos institucionais e obter un salario por dita labor, cumpran coas súas obrigas de achegar proporcionalmente as súas asignacións á nosa organización para o seu funcionamento.

Estes son algúns dos retos para quen cremos nun socialismo galego na esquerda, no compromiso  ecoloxista, feminista e claramente galeguista. @mundiario

           

Comentarios