A marcha de Feijóo xera no PPdeG unha crise de lexitimidade no exercicio

Alberto Núñez Feijóo, presidente de la Xunta. / @FeijooGalicia
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta. / @FeijooGalicia
As eleccións galegas do pandémico 2020 formuláronse por Feijóo dun xeito absolutamente personalista, a xeito de referéndum sobre a súa presidencia.
A marcha de Feijóo xera no PPdeG unha crise de lexitimidade no exercicio

Malia que calquera deputado do PPdeG investido polo Parlamento galego teña lexitimiodade de orixe abonda para suceder Núñez Feijóo, a súa -segura- falla de liderado global e máis os termos plebiscitarios e personalistas cos que Núñez Feijóo formulou nas pasadas eleccións nacionais galegas o seu-incumprido- compromiso con Galicia xerarán moita inestabilidade política e unha grave crise de lexitimidade no exercicio.

Alberto Núñez Feijóo, por obriga estatutaria do PP, haberá demitir como presidente do PPdeG por ser éste un cargo incompatíbel coa presidencia estatal do PP, á que accederá no congreso do 1 e 2 de abril. Xa que logo, o  PPdeG haberá elixir á persoa que desenvolva o cargo, para o que hai dúas vías: congreso extraordinario ou elección por proposta da executiva galega pola xunta directiva, máximo órgano entre congresos. Esta persoa, despois de elixida, será, automáticamente-por disposición estatutaria interna do PPdeG-, candidata á presidencia da Xunta.

Xurídicamente, en troques, Núñez Feijóo pode compatibilizar a presidencia estatal do PP coa presidencia da Xunta até as vindeiras nacionais galegas (ás que concorrerá como candidata a persoa que o substitúa na presidencia do PPdeG). Non só isto, senón que podería manter este cargo e a súa cualidade de deputado no Parlamento galego e ser elixido senador pola comunidade autónoma, de existir vacante pola demisión dalgunha das persoas actualmente no cargo. Deste xeito podería debater co presidente do Goberno do Estado no Senado, na súa cualidade de xefe da oposición.

Mais, sendo compatíbel xurídicamente, é incompatíbel na praxe política e Nuñez Feijóo xa o recoñeceu implícitamente, ao garantir que continuará no seu cargo á fronte da Xunta polo menos un mes”. Xa que logo, demitirá á fronte da Xunta e será substituído por algún dos deputados populares no Parlamento, dos que só pertencen ao Goberno os seus vicepresidentes, Alfonso Rueda e Francisco Conde. O que sexa eleito (quer Rueda, quer calquera outra solución de síntese, mesmo temporal) gobernaría con maioría absoluta os máis de dous anos que fican por decorrer nesta lexislatura. Desfrutará, pois, dunha total leximidade de orixe, ao abeiro da legalidade estatutaria galega.

Outra cousa moi diferente sería a lexitimidade de exercicio dese hipotético novo Presidente da Xunta. Porque as eleccións galegas do pandémico 2020 formuláronse por Núñez Feijóo dun xeito absolutamente personalista, a xeito de referéndum sobre a súa presidencia e, nomeadamente, sobre a súa xestión da primeira ondada da pandemia. Formuláronse agachando da súa propaganda electoral tanto aos líderes do PP estatal como á propia marca da organización política, o PP. Definíronse como Feijóo 2020.

Velaí que unha nova presidencia da Xunta, con ser lexítima na súa orixe, estará  falta de lexitimidade de exercicio. Esta circunstancia e máis a previsíbel falla de liderado global a respecto do PPdeG da nova Presidencia constituirá, de seguro, un grave factor de inestabilidade a respecto da política galega no resto da lexislatura.

A solución a este problema e máis á fidelidade na conexión da Xunta coa cidadanía requiren do adianto das eleccións nacionais galegas. A oposición do BNG e do PSdeG haberían mallar neste leit-motiv durante os vindeiros meses. @mundiario

A marcha de Feijóo xera no PPdeG unha crise de lexitimidade no exercicio
Comentarios