Luísa Villalta, unha vida e unha obra que protagonizan esta semana das letras galegas

Luísa Villalta. / Wikipedia
Luísa Villalta. / Wikipedia
A serie Luísa Villalta, a rebelión da palabra está dispoñible xa desde hoxe na nova plataforma dixital AGalega.gal e será emitida pola TVG.
Luísa Villalta, unha vida e unha obra que protagonizan esta semana das letras galegas

A CRTVG volve ser altofalante da celebración do Día das Letras Galegas neste 2024 cunha programación especial arredor da figura da autora homenaxeada este ano, Luísa Villalta. Este luns, a plataforma dixital AGalega.gal estrea a serie documental ‘Luísa Villalta, a rebelión da palabra’, producida pola Real Academia Galega e que será emitida tamén pola G2 o xoves 16 a partir das 23:15 horas.  

A programación especial estenderase ao longo de de maio para divulgar e afondar na figura e a obra de Luísa Villalta e o seu labor intelectual como personaxe do activismo cultural e social, da música e da docencia. Deste xeito, a plataforma disporá contidos categorizados tanto en AGalega.gal como na súa app AGalegaAudio. O público atopará os contidos accesibles, categorizados nas seccións ‘Programas’, ‘Xeración Z’, dirixida ao público máis novo, e ‘Lingua e literatura’, que tamén disporá dun carrusel con contidos divulgativos, reportaxes e documentais como ‘Letras de Galicia’, sobre a historia da literatura galega desde o medievo. 

Ademais, na TVG emitirase ‘Os marcos invisibles’, da serie ‘Soño contigo’, (sábado 18, 14:00 h) que percorre a coñecida como ‘Galicia estremeira’, a franxa na que se fala galego en Asturias, O Bierzo e Zamora; e no prime time do sábado o ‘Quérote Fest’, festival desde Mera (A Coruña) en que participarán grupos musicais emerxentes que están a triunfar con música en galego entre a mocidade; e o domingo (14:00 h) o documental ‘Os Zeta tamén falan galego’. Ademais, o público achegarase á figura de Villalta a través de cortinas divulgativas e de contidos transversais nos espazos en directo como ‘Quen Anda Aí?’, ‘Hora Galega’ ou ‘Xuntos en directo’, e tamén de cine galego. 

Na Radio Galega, recupérase a voz de Villalta nas súas intervencións nos micrófonos da emisora e nos fondos do Arquivo Sonoro, con poemas lidos pola propia autora e por diversas personalidades e amigos dela. Ao longo da semana, ‘Diario Cultural’, nas súas dúas edicións de mañá e tarde, emitirá entrevistas sobre a pegada de Luísa Villalta na literatura galega, con académicos da RAG, membros da familia da autora, expertos na súa obra de ensaio e narrativa, editores, escritores e especialistas no seu ideario. Así mesmo, a RG difundirá, desde o 17 de maio, os oito podcasts gañadores do certame escolar ‘Radio na Biblio’.

Todos os contidos da Corporación atenderán as distintas facetas da autora coruñesa, que cultivou na literatura diversos xéneros, desde o ensaio ao teatro, e, por suposto, a súa poesía. As canles dixitais e  as  redes sociais da CRTVG completarán e ampliarán a difusión dos contidos e, a nivel institucional, a Corporación produciu unha nova #AcciónG de Responsabilidade Social Corporativa cunha campaña de difusión propia e recursos no portal web.

Cobertura especial do Día das Letras Galegas 

A audiencia atopará un completo seguimento informativo na TVG, a Radio Galega e as canles dixitais da Corporación dos actos conmemorativos do venres 17 de maio na Coruña, que celebrarán a Real Academia Galega (RAG) e a Xunta de Galicia. Así, o magazine ‘Galicia por diante’ da RG (09:30-14:00) mudará a súa estrutura habitual e realizarase xunto co ‘Diario Cultural’, unindo equipos, desde A Coruña, a cidade natal de Luísa Villalta, para dar conta dos actos conmemorativos da xornada -o pleno extraordinario da Real Academia Galega, o acto institucional da Xunta de Galicia- e dunha entrevista ao presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, entre outros persoeiros da cultura presentes na Coruña.

A primeira canle da TVG emitirá unha edición especial monográfica do programa cultural ‘Zigzag’ sobre a vida e a obra de Luísa Villalta, despois do ‘Telexornal Mediodía’ do 17 de maio. Nel participarán escritores, editores, músicos, familia, amigos, académicos e estudosos da figura de Luísa Villalta a través dos que se reconstruirá, con imaxes de arquivo e entrevistas, a vida e obra da autora. ‘Zigzag’ percorrerá os seus lugares vitais e convidará aos estudios da TVG a irmá da homenaxeada, Susana Villalta.

Pola tarde do mesmo día, a Radio Galega emitirá o monográfico ‘Letras Galegas 2024 - Luísa Villalta’, realizado polo equipo do ‘Diario Cultural’, en que se debullará a vida e obra da homenaxeada. E neste 17 de maio, a G2 ofrecerá, tamén pola tarde, a serie documental ‘As cinco vilas literarias de Galicia’, un percorrido polos berces literarios do país, orixe de escritores fundamentais non só para as nosas letras, senón tamén para a nosa sociedade, e pola noite, o ‘Concerto das Letras’, organizado polo Consello da Cultura Galega e que terá lugar o 16 de maio no Teatro Colón da Coruña. @mundiario

Comentarios