DE BOLINA

Hai que seguir a conmemorar do Día Internacional da Lingua Materna

galego 4
Pegatina.
A lingua materna en Galicia é un concepto complexo porque a fala común en Galicia, incluso a que emprega palabras casteláns, está empapada das estruturas e expresións galegas e, por máis, permanece a diglosia e están por valorar todas as situacións de exclusión que xerou e xera o uso da lingua galega.
Hai que seguir a conmemorar do Día Internacional da Lingua Materna

A ONU estableceu o Día Internacional da Lingua Materna cada 21 de febreiro; pretende fomentar o multilingüismo co propósito de acadar a inclusión na educación e na sociedade e resaltando a UNESCO que a formación baseada na lingua materna debe empezar desde os primeiros anos de escolaridade, xa que a educación na infancia inicial é o fundamento da aprendizaxe.

Galicia non só ten lingua de seu, senón que se pode dicir sen medo a engano, que toda a poboación fala e entendede galego, aínda que algunha parte dela traduza permanentemente a castelán. Nótase nese falar espazado, no ton e nas construcións gramaticais e tamén en centos de expresións como "de aquella" , "no doy hecho", "va en el médico"... 

Ás veces resulta simpático escoitar un perfecto galego con verbas traducidas, o que supón tanto un esforzo intelectual como ignorar aquelo de “traduttore, traditore”, cando sería moito máis doado, auténtico e fiable expresarse no galego, que empapa a fala común. Ese xeito de expresarse, sobradamente estudado en ámbitos académicos, está impulsado pola diglosia, un complexo fenómeno lingüistico con aspectos históricos, políticos, sociais, culturais e psicolóxicos, completamente vivos.

O Dicionario da Real Academia galega recolle unha descrición moi gráfica dela: “Situación dun individuo ou comunidade que utiliza dúas linguas, cando unha das cales, polo xeral a lingua inicial, é considerada inferior á outra, e a lingua con máis prestixio se utiliza nas relacións sociais máis elevadas ou formalizadas”. Houbo tempos nos que a diglosia provocou dalgún xeito a exclusión xeral dos galegofalantres.

Na miña experiencia vital vin percibindo moi diferentes períodos: nacín nunha aldea na que o idioma único era o galego.

Os primeiros contactos co castelán viñéronme por varias canles: igrexa, escola, escrita, servizos públicos e institucións na vila e veciños que, dalgún xeito, querían para os fillos un status que consideraban superior e contrapoñían un prurito de finura fronte a unha imaxe rural. Ao relacionarme con algún deses sectores, dun xeito automático, esquecíame da lingua materna e transformaba as palabras galegas en casteláns. A miña formación académica foi integramente en castelán, aínda que cando non había galego como materia de ensino acadei un Certificado que outorgaba o profesor Carvalho Calero por uns cursos de dous anos. Despois, profesionalmente, fun dar coa Administración da Xustiza onde aínda hoxe se manifesta a diglosia triunfante e con crueza porque o uso do castelán é esmagador na escrita, tamén debido á ausencia de inversións da Xunta en programas informáticos que introduzan o galego.

Recentemente, a Irmandade Xurídica Galega vén de publicar o libro “Falando do Dereito, no que colaborei -páx. 128 e ss.-, para conmemorar a primeira, e tan tardía, sentencia ditada en galego polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, fai trinta e cinco anos; un fito que significou que o Poder Xudicial se expresaba no idioma do pobo -de onde emana a xustiza- como semente para arrincar a diglosia. Sen embargo, na actualidade, nese ámbito e noutros, segue o castelán como símbolo claro de lingua de poder.

Convén lembrar, como nos recorda a ONU, que cada dúas semanas desaparece un dos seis mil idiomas do mundo, co que se sepulta todo un patrimonio cultural e intelectual. Fai moitos anos falando cunha moza da aldea que empregaba o castelán pregunteille se sabía o que era un gomo; contestou que claro que si e describiumo. Pedinlle que o dixese en castelán. Non soubo. @mundiario

Hai que seguir a conmemorar do Día Internacional da Lingua Materna
Comentarios