As festas, Leilía e o canto universal das mulleres

Din as Leilía que Compostela as veu nacer como formación musical, que foi nesta cidade onde actuaron no seu primeiro concerto importante e que durante todo este tempo nunca deixaron de ser parte das asociacións de base.
Leilía, xunto a Goretti Sanmartín. / @PazodeRaxoi
Leilía, xunto a Goretti Sanmartín. / @PazodeRaxoi

"Universal é o canto. Non hai pobo no mundo que non teña o seu canto para acompañar os acontecementos importantes, ese canto de raíz que sae da terra, en Galicia ese canto está creado polas mulleres, esas melodías que saen da terra que traballan e acompañan a vida." Estas palabras forman parte do pregón das Festas do Apóstolo 2023 e pronunciounas desde o balcón do Pazo de Raxoi, Felisa Segade, unha das seis integrantes de Leilía. Unha das seis mulleres que levan 34 anos sobre os escenarios, algunha que comezou con 16 anos e agora ten 50. Toda unha vida!

Difícil é acharmos un grupo que se manteña máis de tres décadas en activo coas mesmas compoñentes. E sen poderen vivir só da actividade artística, da música, como acontece en tantas e tantas ocasións. Algo terá que ver o feito de seren mulleres e de respectaren a súa diversidade, de se quereren, de consensuaren todo e de se recoñeceren na diferenza. Toda unha lección! 

Leilía forman parte desas mulleres, homes e grupos que dedicaron innumerábeis esforzos a recuperaren os cantos das mulleres, tirando do esquecemento a figura das pandeireteiras, hoxe recoñecidas nese mundo do tradicional que move milleiros de persoas e que nos reconcilia con quen fomos (coas “tataravoas”) e somos, para ser quen queiramos desde o amor ao noso.

Non era doada a tarefa de daren o pregón, sobre todo se se trata do pregón das festas grandes da capital de Galiza, do lugar onde iniciaron a súa andaina, onde subiron aos palcos e onde teñen un público fiel. Porén, as Leilía acadaron un éxito rotundo. Sen dúbida, o segredo deste éxito, alén das súas contrastadas e premiadas habilidades artísticas, estivo asentado no enfoque colectivo e integrador co que formularon a cita, dirixíndose directamente á veciñanza e no coñecemento de pertenceren a un lugar que sente como nunca a necesidade de se reafirmar para non perder a súa identidade.

Lembremos que son os veciños e as veciñas as primeiras e máis importantes destinatarias de todas as festas que se celebran na cidade. Que na noite en que comezan as máis afamadas da capital do país, a praza do Obradoiro estivese ateigada de persoas, na súa maioría pertencentes a asociacións compostelás e da comarca, que acompañaron o pregón activamente co baile e coreando as coplas, é a imaxe dunha cidade que se proxecta ao mundo desde o orgullo da identidade de seu, desde a proximidade, desde o empoderamento da propia veciñanza.

As integrantes de Leilía, Montse Rivera, Felisa Segade, Merchi Rodríguez, Patricia Segade, Ana Rodríguez e Rosario Rodríguez levaron a música a ese espazo icónico da cidade que é a praza do Obradoiro, nunha declaración de amor a Compostela, ás súas xentes, aos colectivos de baile e música tradicional e, sobre todo, á tradición herdada das mulleres rurais, das mulleres do común, que se reunían ao redor da música e das coplas para se divertiren.

Din as Leilía que Compostela as veu nacer como formación musical, que foi nesta cidade onde actuaron no seu primeiro concerto importante e que durante todo este tempo nunca deixaron de ser parte das asociacións de base. “Delas saímos cada unha de nós. Nelas medramos”, aseguraron desde o balcón de Raxoi. Nunca antes un pregón fora compartido de xeito tan participativo co público, que se erixiu en co-protagonista de seu no arranque das festas: todas as persoas que esa noite bailaron nas rodas e ringleiras no Obradoiro forman parte xa dun acontecemento histórico desta cidade. 

Por iso, nas vésperas do Día Grande de Santiago, do Día Nacional de Galiza, no Día da Patria Galega, quero volver repetir, agora xa para o conxunto desta nación amada, que desexo que a alegría das festas tire de nós esa bailadora que cadaquén levamos dentro. E que, por un instante eterno, sintamos a muiñeira de campás de que fala Castelao na súa Alba de Gloria:

"Por eso a muiñeira de campás, iniciada en Compostela, vai rolando por toda Galiza, de val en val e de coto en coto, dende os campanarios pimpantes da beiramar até as espadañas homildes da montana. E o badaleo rítimico das campás, de tódalas campás de Galiza, en leda algarabía, semella o troupeleo dos cabalos astraes que veñen pola vouta celeste turrando do carro de Apolo, que trai luz e calor ao mundo en sombras… Hoxe é o Día de Galiza, e así comeza!". @mundiario

Comentarios