COUSAS MIÚDAS

Feijóo non foi aos Goya

Seis cousas miúdas sobre Feijóo, Marlaska, Yeremay, Iñaki Alonso, Inés Rey e Altman.
Alberto Núñez Feijóo, presidente del PP. / Partido Popular
Alberto Núñez Feijóo, presidente do PP. / Partido Popular

Cousa I

Feijóo non foi á gala de entrega dos premios Goya para non agasallarlle todo o espazo facha a Abascal.

Feijoo fai case todo condicionado por Abascal, o representante de Trump e agora de Orban (o amigo de Putin!) na reserva espiritual de Occidente.

Cousa II

Na SER Galiza entrevistan o ministro de Interior, Grande Marlaska, quen afirma que o noso país non é tan epicentro do tráfico de drogas na península como o foi nas décadas dos 80 e dos 90 do pasado século.

A resposta de Alfonso Rueda, en X, é case inmediata. “Vemos con preocupación como se ten incrementado o consumo de drogas e o narcotráfico, así como a delincuencia vinculada a este problema”.

Até aquí, normal.

Mais a seguir engade: “Non podemos mirar cara outro lado e debemos redobrar esforzos ante esta lacra que desgrazadamente a sociedade galega coñece ben de tempos pasados”.

Home, se cadra Rueda tería que taparse algo máis cando fala destes temas.

Ana Pontón rapidamente retrucou, tamén en X: “A sociedade galega si que coñecía o problema no pasado. Toda a sociedade galega? Quizais o xefe de Rueda non tanto”.

Cousa III

Visto o Dépor-Almería, a alguén lle pode estrañar que Yeremay estea no punto de mira de clubes da Premier e do Fútbol Club Barcelona? E non creo que falte moito para que no radar dos grandes apareza tamén Mella...

Cousa IV

As administracións comezan a pór na axenda a cuestión da vivenda. Non foi sen tempo. O asunto é que non a poñan para facer que fan, o asunto é que a cousa non fique no terreo da propaganda. Cómpre estarmos moi atentos e  tamén aprendermos de experiencias como as que impulsa o arquitecto Iñaki Alonso, promotor da cooperativa que ergueu o edificio Entrepatios, en Madrid.

Cousa V

Cuestión de confianza na Coruña. Sen sorpresas. Inés Rey e a súa equipa están en minoría na cámara municipal e nestes momentos non teñen a  confianza da formación política, o BNG, en virtude da cal a socialista chegou á alcaldía.

Ou quizá si houbo unha sorpresa: despois de emparentar Jorquera con Puigdemont, o PP dedicou boa parte da sesión a facerlle as beiras ao portavoz do BNG, a quen instou unha e outra vez a que apoiase unha moción de censura encabezada polo xefe das filas conservadoras en María Pita, Miguel Lorenzo.

“O problema é que tampouco confiamos en vostede, señor Lorenzo”, retrucou Jorquera.

Sería interesante saber que pensa Rueda –ou Feijóo–- das desesperadas chamadas do PP coruñés a un pacto cos nacionalistas galegos na Coruña.

Cousa VI

A predicción de Marx é que ao final da escapada -cando o proceso de concentración e de monopolización chegue ao seu límite- ficarán moi poucos capitalistas e que o salto ao socialismo será simples: bastará con os expropriar e socializar os seus medios de produción, tan avanzados que producirán infinitas riquezas. Nos EUA, na cúspide xa só hai dous: Musk e Altman, aquel a querer mercarlle OpenAI a este, este a lle replicar a aquel cunha oferta retranqueira por X. @mundiario

Comentarios