Feijóo afástase da moderación cun desaquelado ataque ao galego como lingua vehicular do ensino

Alberto Núñez Feijóo. / Mundiario
Alberto Núñez Feijóo. / Mundiario
O máis grave desta desaquelada opinión presidencial é que achega o PPdeG ao extremismo lingüístico de Vox, Cs e do PP de Madrid.
Feijóo afástase da moderación cun desaquelado ataque ao galego como lingua vehicular do ensino

Moitos analistas que salientaban a moderación amosada por Feijóo no semestre anterior ás eleccións nacionais galegas do 12-X non dan entendido a súa desaquelada reivindicación do castelán como lingua vehicular do ensino para todo o Estado, o que reduce a autonomía da política educativa e lingüística da Xunta e limita substancialmente o desenvolvemento das ferramentas  de promoción do galego que cómpren neste País. Feijóo ven de enviar unha mensaxe nidia de que non está pola promoción do galego, pola súa discriminación positiva. Mesmo nin por normalizar o seu uso. Deste xeito, Feijóo alíñase coas posicións extremistas e radicais en política lingüística propias de Vox, Cs ou o PP de Madrid.

Cando Núñez Feijóo acadou outra maioría absoluta este verán, moitas das análises de fóra da Galicia, mesmo non poucas de medios cataláns e vascos, sinalaban como unha das chaves a suposta priorización do país sobre a sinaléctica PP (“Galicia, Galicia, Galicia”) e máis unha mensaxe aparentemente afastada do mainstream españolista do PP madrileño, de Vox e de Cs, verbalizando sen maiores compromisos reais  un esvaído discurso de aceptación do galego como parte do patrimonio da galeguidade. Velaí que extrañara, dende esa caste de enfoques, a chocante agresividade do presidente galego fronte á solución lexislativa pactada no Congreso que permite a cada Administración autonómica a escolla da súa lingua vehicular, suprimindo a obriga do castelán para todo o Estado que impuxera a Lei Wert,  aprobada só cos votos do PP na lexislatura 2012-2016.

Analisada no contexto político actual a actitude de Feijóo é chocante. A emenda aprobada no Congreso non lle impón á Administración galega ningunha solución. O que lle da é máis  marxe de manobra. Pode ir cara un sistema de inmersión lingüística, mais tamén pode seguer co fracasado modelo actual. Por outra banda, o castelán é omnipresente e non precisa de protección ningunha, fronte ao galego que se atopa nunha grave situación de minorización, xerada en boa parte polas restricións normativas estatais e autonómicas ao seu pleno status de oficialidade. De feito o Consello de Europa ten denunciado o incumprimento da legalidade europea (“Carta Europea das Linguas”) por parte da Xunta, que veta na práctica o galego no ensino infantil e prohíbe dar aulas de matemáticas, física e química en galego.

Xa que logo, neste contexto a actitude de Núñez Feijóo afástao dos políticos  moderados e útiles, que tentan xerar inclusión e cohesión social, como Urkullu ou os mesmos populares Pedro Puy e Xesús Palmou e achégao aos políticos dos excesos verbais, que xeran división social e non achegan solucións, como Abascal, Rosa Díaz ou Tony Cantó.

A actitude contra o galego de Feijóo enténdese, porén, en clave de distraer a atención da xestión sanitaria que está a desenvolver a Xunta. Porque nesta segunda ondada da pandemia Galicia ten ampla autonomía para desenvolver as súas solucións e botarlle as culpas ao Goberno do Estado xa non é a solución válida para todas as situacións. A evolución epidemiolóxica de Galicia non evolúe ben e soubemos esta semana que a Xunta faltara a verdade cando proclamara contar con 6.000 persoas rastrexadoras; só eran 700. O resto é persoal de atención primaria do SERGAS, totalmente ultrapasado na súa capacidade de resposta. Núñez Feijóo sabe que arestora é él quen está á fronte e que a resposta preventiva ten moitas eivas, nomeadamente nos centros de ensino de nas residencias da terceira idade.

O máis grave desta desaquelada opinión presidencial é que achega o PPdeG ao extremismo lingüístico de Vox, Cs e do PP de Madrid.  E envían a clara mensaxe de que o Goberno galego non está nin polo uso nin pola promoción da única lingua que require de políticas de defensa e promoción neste país. @mundiario

 

Feijóo afástase da moderación cun desaquelado ataque ao galego como lingua vehicular do ensino
Comentarios