Ence debe abandonar a ría

Fábrica de Ence. / Flickr
Fábrica de Ence. / Flickr
Ten a obriga de buscar outro proxecto de negocio que lle permita conservar os postos de traballo noutro emprazamento.
Ence debe abandonar a ría

Desde o día en que comezou a funcionar Ence en Pontevedra (1957) a hoxe, levan pasado máis de seis décadas; lévanse destragado tantas oportunidades alternativas ao seu funcionamento que resulta impensábel que alguén recorra ao argumento da existencia de dereitos, para defender unha posición de intereses puros, e, aínda por ver, se lexítimos. Os amantes declarados da lei amósanse fieis adoradores das normas, exclusivamente se son favorecedoras dos seus intereses. Pola contra, se o corpo legal non favorece o seu proveito e fortuna, reaccionan violentamente, mesmo inquisitorialmente. É dicir, se as leis defenden a mellora do que se denomina ben colectivo, ben público, ben xeral ou ben futuro —mirando para o porvir das seguintes xeracións— e, pretensamente, afectan os intereses inmediatos dun pequeno grupo, a reacción é lanzarse con armas e bagaxes contra a nova lei, tratando por todos os medios coñecidos, mesmo os violentos, para obrigar ao goberno a modificar o texto dunha lei en debate.

Neste caso Ence enfróntase á lei de cambio climático e de transición enerxética respondendo ao tipo de conduta antidemocrática e cavernícola dos que pretenden manexar o texto da lei ao seu proveito. Ence foi pioneira, non en se constituír como empresa exemplar, senón en utilizar un departamento de propaganda de enorme capacidade para opacar a falta de investimentos innovadores ou con visos de futuro na factoría da súa propriedade: tanto é así que a partir de 2013 autodenomínase biofactoría (??) e declara que o seu lugar no mundo é a sostenibilidade medioambiental. Ence, como unidade de capital de gran tamaño, á parte da propagnada e maquillaxe de imaxe, vén usando de parapeto, de ariete ou de caterva de cancerbeiros aos traballadores, para, dicindo que se defenden os postos de traballo, permanecer nunha posición numantina, de factoría obsoleta, inamovíbel. É sabido que os empregados, os traballadores, non son os donos do capital, e que se coñeza, tamén, é o capital privado o responsábel de investir innovando e adecuando os procesos produtivos aos tempos actuais.

A saúde da ría, dos cidadáns e da parte do planeta do que respondemos precisa que Ence abandone a ría de Pontevedra. Precisamente ao desfrutar dunha prórroga en litixio na 'Audiencia Nacional' determinarase cal vai ser o momento final en Pontevedra. A máis —noutro frente— a empresa presiona agora a opinión publicada e os crentes nos contos de fadas para conseguir modificar unha lei progresista. En Pontevedra, en Ence, hai pouco máis de 500 empregados que desexan conservar o seu traballo, pero o responsábel do investimento e das decisións nas empresas privadas é o titular do capital, é dicir, Ence, nin o alcalde de Pontevedra nin os cidadáns que queremos que abandone Pontevedra nin a ministra.

Ence ten a obriga de buscar outro proxecto de negocio que lle permita conservar os postos de traballo noutro emprazamento. Na Galiza, bastante tarefa queda pendente: recuperar e rexenerar unha ría estresada en contaminación mariña, contaminación dos fondos, da ribeira e do ar, e, non nos consta quen, fóra dos fondos públicos, se fará cargo dos gastos da rexeneración. @mundiario

Ence debe abandonar a ría