O dispositivo contra os lumes estará mobilizado ata o 1 de outubro

O director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández Couto. / CRTVG
O director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández Couto. / CRTVG

Fernández Couto salientou que “ademais do operativo, son necesarios os avances tecnolóxicos”. Entre as novidades, mencionou as tecnoloxías de control do territorio.

O dispositivo contra os lumes estará mobilizado ata o 1 de outubro

Esta mañá estivo no programa Bos Días da Televisión de Galicia o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández Couto, que, na súa conversa con Marcos Sueiro, avanzou as medidas para este verán na loita contra os incendios.

O primeiro que destacou foi a ampliación do dispositivo de loita contra os lumes, que comezou o 1 de xullo. Segundo Fernández Couto, “manterase ata o 1 de outubro”, polo que setembro se engada aos tradicionais meses de xullo e agosto. O director de Ordenación Forestal sinalou que a medida se debe “ás situacións excepcionais da vaga de incendios do outubro pasado” e que se fai “para garantir a seguridade das persoas”.

Tamén explicou que en Galicia o servizo contra as emerxencias é atípico porque “entre o 70 e o 90% dos incendios están provocados polo home, a maioría con intención criminal”. Tamén engadiu que “o número de incendios desde a estatística anual está nuns 3.500, a terceira parte dos lumes que tiñamos hai 10 anos”.

Sobre os medios técnicos dispoñibles na loita contra o lume, Fernández Couto salientou que “ademais do operativo, son necesarios os avances tecnolóxicos”. Entre as novidades, mencionou as tecnoloxías de control do territorio, “con 44 novas cámaras para vixiar a aparición dos incendios, que permiten un control do 50% de todo o territorio galego e un helicóptero cun equipo de vídeo incorporado para transmitir a situación en  tempo real”.

Outro dos temas principais da entrevista foi o da prevención, exemplificado na obriga de limpar e desbrozar os montes e as parcelas próximas ás vivendas. Arredor disto, o director de Ordenación Forestal explicou que “foron enviadas 19.000 notificacións para informar do incumprimento da limpezas das fincas” e sinalou que “o seguinte paso serán as sancións, de ata 1.000 euros”. Ademais, destacou que “non é unha cuestión de paisaxe ou medioambiental, senón de vida”. Así mesmo, recoñeceu a importancia da implicación cidadá para loitar contra os incendios e a importancia de denunciar, xa que “non pode haber un garda detrás de cada persoa”. @galiciamundiari

Comentarios