A diáspora da Galeguia nun revés astronómico da historia

Só elas, que vivían no Outeiriño, e máis os da casa de Sisán (que vivían á beira do río) percibiran o cambio astronómico por mor de traballaren no agro... / Colección de contos de ciencia ficción
O Carreirón, lugar de A Illa de Arousa.
O Carreirón, lugar de A Illa de Arousa.

A irmá máis vella, con bágoas de rabia nas meixelas, arrastrou un pé levantando arenisca; detívose: “É a miña terra!”─ exclamou, abaneando os brazos, e saloucou.

─Nenas! Quietas, tornar agora─ díxolles a matriarca, cun fío de voz que procuraba ser calmado.

En ringleira, deron a volta.

A branca luz, que ao principio constituía unha esfera no ceo, semellaba ter aterrado e formaba un manto por riba da aldea no horizonte. Cadencialmente, canda a súa andaina, o sol incrementábase.

─Non quedará un recodo do eirado ceibe, veña, bulir!─ arengou a nai.

─Pode cesar, pode que morra...─ rezou a outra filla.

O sinal de alarma fora dado no amencer por todos os canais de radio, mais, naqueles tempos de mentira, a penas a comarca toda fixera caso! Só elas, que vivían no Outeiriño, e máis os da casa de Sisán (que vivían á beira do río) percibiran o cambio astronómico por mor de traballaren no agro, xa que a Mendo de Sisán morréranlle as nabizas, e delo falaran o domingo ás portas da igrexa.

“Chegaremos prantar un piñeiro que acade as nubes, lonxe dos imbéciles e escuros”, adoitaba expresar o finado de seu home, que era moi serio e contemplativo. El morrera nun derrubamento da mina de ouro, de cuxa compensación vivían estas mulleres: Sara, a maior, estudaba filosofía a distancia (xa que non era quen de afastarse da súa casa); a pequena era multiinstrumentista e, a viúva, loitaba contra a depresión e os soños do alén desque perdera ao seu namorado.

Mendo de Sisán partíu polo carreiro tocando unha alborada na gaita, de xeito que, quen aprezou, foi canda el.

Axuntáronse na Frouxeira, onde constaba un merendoiro de pedra. Primeiro, a triste Rosa e Mendo déronse unha aperta que pareceu que axitou as ramaxes. Rosa, chea de morriña, aportou á veciñanza:

─Dun milleiro de anos, quédanos na Terra o tempo dun pampullo. Ben dicían os santos, por nós loitaron as virxes, aquí morreron heroes! Que quedará no universo da miña casiña? Lamentamos agora un solpor, un derradeiro solpor nos nosos ollos. Foi onte o último día do noso país? Este mundo, mundo que xa non é mundo, sen o meu eirado, o meu carro, a miña maceira! Como puido ter tan pouco aprezo do seu pobo? Marchemos, co país no corazón; mais, no mundo que fagan os nosos pés, construamos un novo templo de pedra!

Os poucos veciños que estaban alí xuntos na Frouxeira comezaron a chorar, mirárense e collerse das mans.

─Axiña, medra o día!─ exclamou o Zapateiro.

Ninguén se moveu por un intre. Entón, na pequena lagoa do chan lugar, reflectiuse unha branca luz, na superficie da auga picada. A auga incrementouse lenemente. Semellaba que a lagoa fora enchida de prantos.

“Ollar o Camiño da Vella!”, dixo alguén, sinalando como, efectivamente, aquel empedrado no herbal humidecíase, pouco a pouco era asolagado pola suba do cauce das augas da lagoa. Dunha cor esmeralda como o meirande achádego, e as pallas amarelas peiteando a beira.

─Mamá, non sei o que é o universo, mais sei que estou na Frouxeira─ dixo Sara abraiada.

Por entre as sobreiras da ribeira filtrábase a intensa e branca luz dese sol colosal, ao tempo que a senda ía desaparendo...

O pobo do Outeiriño seguiu andando lonxe de alí, con paso firme e emoción.

Cadora, estes poucos galegos estaban a marchar da Ávalon lendaria que xamáis fora revelada. E non querían morrer, senón chegar a algún outro lugar que, acabadas as súas vidas, pasara a formar parte da Historia.

─Que grande semella agora Galiza, agora que queda soa─ laiábase o Silleiro.

Non quedaban reis nin presidentes, senón labregos e amantes da literatura cuxas artes quedaran sepultadas, quizabes, por mil anos máis…
    

Comentarios