O debate que non puido ver a cidadanía galega

As galegas e os galegos imos ir votar o domingo despois de escoitar a Gabriel Rufián e a Oskar Matute, que pertencen a organizacións políticas que carecen de representación en Galiza, pero sen poder ver e escoitar nun debate semellante a un representante da segunda forza política galega.

Debate en RTVE. / TVE
Debate en RTVE. / TVE

Resulta absolutamente paradoxo que a cidadanía galega vaia ir ás urnas o próximo domingo despois de poder ver nun debate de máxima audiencia a forzas políticas como Bildu ou ERC, que non se presentan nin teñen un só voto en Galiza, e sen poder escoitar e ver a un representante do BNG nun debate semellante durante toda a campaña. Claro que se nos dirá que se o BNG non estaba no debate de RTVE coas outras sete forzas políticas era porque o nacionalismo galego non ten grupo propio no Congreso. E é certo. Por iso nas eleccións do 23X, Galiza tamén se xoga que nunca máis se poida dar outro debate en RTVE e en prime time nunhas eleccións xerais sen que unha forza política galega como o BNG poida ter a posibilidade de explicar o seu traballo e as súas propostas.

Ter grupo propio en Madrid é, xa que logo, a primeira condición para colocar o noso país, os seus problemas, a súa realidade e os seus proxectos de futuro no centro do debate político e da campaña electoral. Realmente o único galego que participou no debate de RTVE e,por certo, con grande profesionalidade, foi o xornalista Xabier Fortes.

Pero en Galiza existe unha TVG que tiña a obriga de contemplar un debate en horas de máxima audiencia, como o solicitou xa no inicio da campaña a Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, e como si se fixera en 2008, con Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana e Núñez Feixoo. E tiña que promovelo a TVG, por servizo ao país e por respecto ao dereito da cidadanía galega a estar informada e a coñecer cando menos o que as tres forzas políticas que representan á sociedade galega no Parlamento galego lle teñen que dicir sobre o que cada unha delas fixo nestes últimos anos e sobre o que pensan facer na próxima lexislatura en Madrid.

Mais a TVG optou por pechar esa fiestra, fiel á súa súa traxectoria como televisión pública ao servizo exclusivo do Partido Popular. E o resultado é ese: as galegas e os galegos imos ir votar o domingo despois de escoitar a Gabriel Rufián e a Oskar Matute, que pertencen a organizacións políticas que carecen de representación en Galiza, pero sen poder ver e escoitar nun debate semellante a Néstor Rego ou a calquera outra persoa que falase en nome do BNG, que é a segunda forza política na Cámara galega. Creo que isto é para reflexionarmos sobre as condicións obxectivas nas que decidimos o noso voto.

E non se trata de cuestionar aquí, naturalmente, o ben que lle fixo ao conxunto da cidadanía do Estado español e á democracia española poder escoitar o que defende Bildu a través da propia voz de Bildu. Oxalá houbese debates coma ese con moita máis frecuencia. Habería outra tolerancia, outro respecto polos adversarios políticos e outra cultura democrática. O que queremos dicir é que resulta un feito esperpéntico que hoxe, na recta final da campaña, en Chantada, na Coruña, en Ortigueira ou no Carballiño poidamos coñecer moito mellor a través da televisión o que propón Bildu ou ERC para estas eleccións que o que defende o BNG.

Cal sería o impacto electoral para o BNG de poder estar presente no debate de RTVE ou nun debate da TVG en prime time? Non o sabemos, pero cremos que sería moi positivo. Temos a experiencia dos debates de Ana Pontón con Núñez Feixoo nos dous últimos procesos electorais de carácter autonómico en Galiza e creo que podemos afirmar con rotundidade que os dous debates multiplicaron o voto do BNG. Talvez é por iso polo que a TVG non organizou un debate electoral en condicións semellantes ao debate a 7 de RTVE. Un debate ás 10 da mañá, e sen crear previamente ningunha expectación social, como o que fixo a TVG, é un debate que ten escasísima audiencia. Nin sequera esta vez contemplou un debate por provincia.

Estamos seguros de que de poder estar o BNG no debate de RTVE, Néstor Rego diríalle ao PP o que Pedro Sánchez non lle dixo a Feixoo: que segundo o Consello Económico e Social, entre 2009 e 2019 marcharon de Galiza 73.512 mozas e mozos menores de 30 anos; que desde o 2009 desapareceron no noso país 23.213 autónomos; que segundo o Instituto Galego de Estadística nos últimos 15 anos destruíronse en Galiza 39.400 empregos e pecháronse 3.487 empresas; que desde o 2010 perdéronse neste país 15.986 explotacións gandeiras de bovino; que segundo datos da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social e o Instituto Galego de Estadística hai máis de 400.000 pensionistas na pobreza e un 22% en situación de pobreza severa; que desde o 2009  a débeda pública galega incrementouse en 7.760 millóns de euros, un 18,72% do PIB. E podiamos seguir dando cifras da modélica acción de goberno de Núñez Feixoo desde Presidencia da Xunta.

Esta é a Galiza que nos deixa o señor Feixoo, o home que agora disque vai salvar España coa colaboración da extrema dereita. Isto, por suposto, non o puido escoitar a sociedade galega en ningún debate televisivo de máxima audiencia, porque só o BNG, ausente neses debates, está empeñado en colocar no debate electoral a Galiza que nos deixou Feixoo e o que lle sucede a este país. Nin Pedro Sánchez o fixo no debate cara a cara. Como se a traxectoria política de Núñez Feixoo non tivese grande importancia para cuestionar o seu discurso electoral. No fondo o problema é que o que lle acontece a Galiza non lle interesa nin aos que en España son adversarios políticos de Feixoo. @mundiario

Comentarios