DE BOLINA

Fortalecer ao sector público, unha necesidade

Procesión de Sar. / Luis Polo
Unha procesión.
Nestes tempos de pandemia a ninguén se lle ocorre pedir que o sector privado substitúa as prestacións públicas e resulta evidente que esta  peste que afecta a todo o mundo tamén ten que servir para pór en cuestión as ansias privatizadoras do neoliberalismo.
Fortalecer ao sector público, unha necesidade

 O Estado de Benestar levaba tempo en perigo. As andanadas permanentes do neoliberalismo, axudadas pola crise do 2007, danaron ou pexaron moitos dos avances ou, polo menos, cortaron a evolución que se lle supoñía para conseguir achegar as prestacións sociais do sur de Europa aos modelos nórdicos, que é teima xa de vello.

Os criterios economicistas foron o faro para guiar a actuación dos poderes públicos, gobernasen dereitas ou esquerdas. Porque ese parón non foi exactamente ordenado pola dereita, senón que a esquerda participou, no nome dunha especie de receita universal ou orde mundial económica, nesa porfía de recortar servizos e prestacións públicos e mesmo cedendo á iniciativa privada determinadas prestacións de carácter público.

E non está de máis lembrar aquí as residencias privadas para maiores que só deberían existir sempre que houbese prazas suficientes públicas para que quen quixese optar por elas o fixese; pero sempre podendo acceder ás públicas a un custe que en ningún caso puidera chegar ao importe dunha proporción da pensión de xubilación de cadaquén.

Esixencia ao sector público 

Sen embargo, a día de hoxe, no medio da pandemia, tódalas voces, de dereitas e de esquerdas, empresarios e empregados, claman polo público e formúlanlle esixencias vitais. Escóitanse voces culpando aos gobernantes de non adoptaren medidas de control previas á peste, cando non hai tanto eses mesmos predicaban,cando conviña, unha especie de orde mundial empresarial con liberdade de comercio universal. Miren, no 1562 a peste bubónica entrou polo pequeno porto do Grove e estendeuse por toda Galicia causando unha mortaldade impresionante. Daquela o sector público confundíase coa Igrexa e o remedio para tanto doente foi sacar a San Roque e mailo can en procesión.

Non houbo outra actuación pública, porque o Estado, posterior, non existía como estrutura que non fose de natureza recadadora. E así, a xente quedou abandonada á súa sorte, pobre xente, confiando nas súas crenzas porque non había outra cousa en que apoiarse. As mortaldades foron inasumibles para os tempos de hoxe e os historiadores pescudan nos censos para recordarnos cifras realmente arrepiantes. Para non polemizar, non vou dicir que a pretensión do neoliberalismo sexa, ou fose, baleirar o sector público ata reducilo ás épocas das pestes bubónicas.

Hospital de A Coruña. / Mundiario

Hospital de A Coruña. / Mundiario

Ensinanza da pandemia: fortalecer o público

Pero nesta peste do coronavirus todos, todos, todos, confiamos no sector público e demandamos, clamamos e esiximos unha atención adecuada, porque estamos diante dun máis dos exemplos que demostran a imperiosa necesidade duns servizos públicos dotados, potentes, eficaces, que non precisen pór en risco ás persoas físicas que os conforman e que nos salven aos demais.

É necesario facer un parón, reflexionar por se caemos na conta de que o Estado de Benestar, a fortaleza do sector público, é unha necesidade vital que hai que robustecer por tódolos medios: sanidade, servizos sociais, educación e incluso produción industrial para estes sectores. Non deberiamos ter que volver pedir a China subministros básicos, nin tornar aos tempos de sacar a San Roque e mailo can en procesión. @mundiario

Comentarios