As leis interpretábeis

Parlamento de Galicia. / Mundiario
Parlamento de Galiza. / Mundiario

Se a interpretación e, polo tanto, a aplicación dunha lei pode crear situacións case antitéticas, é moi posíbel que o problema de orixe se atope na lei, e non na idiosincrasia do intérprete.

As leis interpretábeis

O excelso labor –e, polo tanto, o seu resultado– dos membros do noso poder lexislativo pode ser obxecto de comentario. Se o poder xudicial interpreta, e, interpretando, aplica as leis existentes; se o poder executivo executa as leis existentes, as leis en si mesmas deben ser bastante importantes para garantir a calidade democrática das nosas relacións sociais no seu conxunto, porque as relacións sociais, nunha democracia, están atravesadas, entreveradas, de normas legais de distinto rango: desde as leis orgánicas até os regulamentos da comunidade de viciños case non hai nada que se poida facer sen o paraugas dunha lei ou dun regulamento. De aí que sexa tan necesario ter boas leis, ter leis que sexan facilmente entendíbeis (non estamos a falar das normas de seguridade dunha central nuclear nen do regulamento de xestión de produtos financeiros en moeda extracomunitaria), en primeiro lugar polos atinxidos e, en segundo lugar, que oferezan moi pouca marxe de manobra para que as distintas interpretacións do poder xudicial non sexan quen de crear máis inxustiza da que se pretende na aplicación do acto de xulgar.

Se a interpretación e, polo tanto, a aplicación dunha lei pode crear situacións case antitéticas, é moi posíbel que o problema de orixe se atope na lei, e non na idiosincrasia do intérprete. Por estas razóns interrogámonos acerca de onde reside a orixe das leis e das súas diferenzas.

Se acordamos que o lexislador, o que conforma o Parlamento, goza da lexitimidade que outorgan as eleicións, só grazas a un novo Parlamento –mellor conformado– sería posíbel elaborar leis mellores. Mentres esta convicción non forme parte da escolla eleitoral dos cidadáns eleitores, haberá que cargar coas consecuencias dun corpo lexislativo de cativa calidade.

A ruindade relativa de leis feitas só por interese grupal do lexislativo de turno é moi mal negocio para a pervivencia de relacións sociais sas e creadoras de benestar en lugar de desacougo, e, paradoxalmente, acaban volvéndose como ‘boomerang’ contra quen as promoveu. Non dá bon resultado, mesmo en traballo parlamentar, traballar mal ou con cativeza de miras porque o mal elaborado sempre traerá consecuencias negativas para o grupo promotor en último caso.

Se hai leis que teñen na súa redacción expresións do tipo “poderase” quérese dicer que tamén se poderá o contrario, o contraditorio, o do medio e o lateral dereito. Imaxinemos –para non utilizar un caso real– que unha lei de caza dixese: poderase cazar mesmo de noite aínda sen lúa chea: supón que se pode cazar de día, a calquera hora, días bretemosos, festivos e de diario, en inverno e en verán, con focos de luz e ás escuras…., é dicer, a redacción está mal feita e debemos sospeitar que só se debe a telo feito así, á mantenta, por exemplo, porque a lei está orientada por uns responsábeis parlamentares con intereses directos na caza e no seu mantemento.

A calidade do bon lexislador non ten a ver tampouco coa pericia xurídica dos elixidos en cámara lexislativa, xa que contan con todo o asesoramento preciso para chegar a redixir en condicións. A única calidade precisa é ter claridade de ideas, perseguir o ben común e o trato a todos e a cada un de forma igualitaria: á luz deste esquema de actuación moito se podería adiantar en democracia. @mundiario

As leis interpretábeis
Comentarios