Os agresores son os nosos fillos

Mesmo unha profesional como Ana López Suevos, afeita a tratar con casos de violencia machista e agresións sexuais, que coñece polo miúdo a natureza e as causas do feminicidio, afirma que os agresores son os nosos propios fillos.
Una imagen referida a la violencia machista. / Pixabay
Unha imaxe referida a violencia machista. / Pixabay

J.C.E., varón, 41 anos; varón, 22 anos; J.J., varón, 52 anos; varón, 37 anos; A.G.K, varón, 83 anos; A.E.B., varón; varón, 44 anos; varón, 69 anos; C.A. O, varón; D.O., varón; varón, 80 anos; E. F., varón; A. M., varón, 85 anos.  

Unha parte da sociedade asiste horrorizada ao incremento de feminicidios que se produciron no Estado español estes días. E non é por non sabermos que os períodos vacacionais son de risco moi elevado nin por levarmos moito tempo recoñecendo que o principal problema de seguranza das mulleres está no interior das súas casas e nas relacións que manteñen.  Só segundo as estatísticas oficiais foron 48 as mulleres asasinadas este 2022 e 1181 desde 2003. Unha cifra arrepiante. Uns días de insólita dureza coa noticia dunha muller asasinada cada 24 horas nesta última semana do ano. Infelizmente, nada novo baixo o ceo.

Con todo, o tema central a debate é que a metade das últimas vítimas do terrorismo machista denunciaran os seus agresores e, por tanto, existe un síntoma de que hai algo que non funciona. Garantir a seguranza ás mulleres que dan o paso de denunciar é vital para avanzarmos na loita contra a violencia machista. A violencia de xénero é problema de Estado. A seguranza das mulleres, por tanto, unha obriga das administracións.

Ademais, cómpre rematar coa revitimización das mulleres agredidas, con ese tortuoso camiño procesual/xudicial que fai desistir a tantas de denunciar. Neste sentido, foi unha mágoa perder a oportunidade na reforma da lei “do si é si” de aliviar a revitimización secundaria, seguindo protocolos hoxe xa existentes (promovidos por xuízas como Ana López Suevos) para que as mulleres declaren unha soa vez. Coordinación, protocolos claros, recursos humanos e económicos, formación, mais, sobre todo, apoio no ámbito xudicial e eliminación da reiteración na declaración, nese constante ter que revivir o acontecido e contar en pouco tempo toda unha vida ou moitos anos de maltrato continuado. Esa dupla e tripla rebobinación en situación de tensión é un elemento disuasorio para as denunciantes e un ataque á dignidade das vítimas. Porque continuamos a centrar a nosa ollada nese punto do iceberg da violencia que é o feminicidio, mais cómpre reparar –e desvendar- que estamos diante dunha violencia estrutural, padecida día a día. Traducir esa afortunada consigna de que “non son arrebatos, son asasinatos” en que son asasinatos premeditados, calculados, expresión dunha violencia constante que é evidente non só para quen a sofre senón tamén para as persoas que rodean as mulleres que a padecen. E é imprescindíbel reflexionar sobre que hai debaixo do aumento de denuncias por violencia machista e de agresións sexuais.

Terrorismo machista

O BNG leva tempo reivindicando dedicar un 1% do orzamento da Xunta ao combate contra o terrorismo machista. Entre outras cuestións, ten que deseñarse con especial dedicación e enfoque feminista un plan de coeducación para os centros escolares e incluír de maneira central a educación afectivo-sexual. Porque hai que actuar contra o modelo de masculinidade tóxico que nos invade, con cerna na posesión e nos ciúmes, coa interiorización de que eu son o que mando e decide e ti, muller, tes que ser submisa e resignada. Como hai que combater unha visión brutal da sexualidade, baseada nunha pornografía que fai que haxa adolescentes que consideren lexítimo ter relacións non consentidas e con doses de agresividade inauditas. Combater esa masculinidade, mudala, desvendar a visión do amor romántico centrado nunha paixón desmedida e nos celos como elemento central que o sostén debe estar presente en calquera plan educativo e curricular en todas as etapas do ensino. E reforzarse desde as diferentes actividades complementarias que ofertan as diferentes administracións.

Fronte a ese afastamento de moitos varóns, ao se sentiren cuestionados polo feminismo nos seus comportamentos diarios, é preciso traballar noutro modelo de relacións que aposte por novas masculinidades que fuxan dos esquemas tradicionais e rompan a baralla do papel que tamén son condenados a exercer. Só así poderán sentirse parte deste camiño de procura da igualdade até que non teñamos que rematar este artigo como o imos a facer, de maneira intencionadamente provocadora e dolorosa, mais real, como a propia vida. Mesmo unha profesional como Ana López Suevos, afeita a tratar con casos de violencia machista e agresións sexuais, que coñece polo miúdo a natureza e as causas do feminicidio, afirma que os agresores son os nosos propios fillos.

Non podemos fuxir de falar da cultura da violación nin do perigo que supoñen os grupos políticos e referentes mediáticos que negan a violencia contra as mulleres, porque desa maneira non afrontaremos as súas causas. É importante visibilizar todas as ramificacións desa violencia estrutural que o patriarcado impón para non ser condescendentes e non procurar xustificacións particulares para cada caso. Non son un grupo de “tolos” a actuar salvaxemente, como moitas persoas proclaman. Por iso é importante que repitamos frases que poden soar moi duras mais que si van ao fondo do problema. Son as nosas parellas e exparellas, os compañeiros de traballo, os nosos fillos, os nosos cuñados, os nosos tíos, os nosos pais, o meu padriño. @mundiario

Comentarios