Ábrense novas vías sobre Ence, camiño do Constitucional e do poder xudicial europeo

Ence continua a  influír no territorio galego como ningunha outra industria, aporta contaminación na ría e na atmósfera e determina e planifica o tipo e extensión de repoboación forestal de crecemento rápido e madeira de baixa calidade.
Fábrica de Ence en la ría de Pontevedra. / Mundiario
Fábrica de Ence en la ría de Pontevedra. / Mundiario

O empecinamento de Ence para continuar na Ría de Pontevedra, cando tivo posibilidade de negociar un traslado vantaxoso ou reubicación co goberno central e co autonómico - ambos sempre xenerosos coas grandes empresas-, volve a actualidade. 

O Tribunal Supremo que en febreiro do 2023 fallara a favor de Ence , fallo sin unanimidade cun voto particular que non coincidiu coa sentencia, volve agora en xullo a reiterarse  ante o Concello de Pontevedra e a Avogacía do Estado, considerando que “non procede a nulidade” do fallo anterior.

Tal situación fainos lembrar que a  Audiencia Nacional  fallou, no  2022, en contra de Ence e anulou a prórroga da empresa  ate o ano 2073, prórroga concedida no 2016 por Mariano Rajoy. A Audiencia consideraba que a  permanencia de actividades como a de celulosa  en dominio público  marítimo-terrestre non teñen sentido, si estas poden desenvolverse en outras ubicacións. Posibilidades doutras localizacións son evidentes como se demostra porque a única celulosa  do Estado asentada  en dominio público marítimo-terrestre é a de Pontevedra. 

O Tribunal Supremo considera  que se poden prorrogar as concesións anteriores a Ley General de Costas de 1988, sempre que consten informes medioambientais favorables e di que aquí  constan  informes favorables  da Administración e mesmo apunta -febreiro do 23- que  Ence prevé unha inversión de 135 millóns en actuacións de carácter medioambiental como contrapartida a ampliación do prazo da prórroga. Como se entende se os informes eran favorables  que necesite unha inversión de 135 millóns para o mesmo fin cun contrapago en inversións en medio ambiente?

Seguramente Europa verá contradicións da xustiza española e moi raros algúns argumentos do Supremo como por exemplo  “non procedía a apertura dun proceso de libre concorrencia  con outros axentes “ou que unha empresa poda ter captacións de  auga procedente do río Lérez  realizadas en virtude de  concesións outorgadas polo Ministerio de Obras Públicas o 8 de marzo de 1958 e o 27 de novembro do 1968 con un caudal máximo de 1,5 m3/s (129.600 m3/día ou 47 millóns de m3 ) pensando na actualidade con sostenibilidade ambiental. Non esquezamos que Ence consume 13 millóns de m3/ano de auga e ten vertidos con contaminantes da orde de 10 millóns de m3 a ría de Pontevedra.

Agora, coa sentencia do Supremo, de novo, aplaudirán Ence e a Xunta, que coinciden plenamente en querer perpetuar a celulosa  na ría, a coincidencia de intereses é grande por non dicir total. Mentres os cidadáns ven contradicións e dubidosa xustiza, Ence continua a  influír no territorio galego como ningunha outra industria, aporta contaminación na ría e na atmósfera, repercute na nosa saúde e determina e planifica o tipo e extensión de repoboación forestal de crecemento rápido e madeira de baixa calidade que se fai na Galiza. 

A metade da madeira que se corta no Estado procede do noso territorio, pero outras comunidades teñen fábricas de papel e cartón e moitas  empresas centradas na industria transformadora da madeira e na fabricación de mobles. Estas industrias das que carecemos darian mais postos de traballo, máis valor engadido, consumen menos auga e xeran menos contaminación que as celulosas. @mundiario

Comentarios