Temos memoria e queremos xustiza
Por iso pacifismo non é neutralidade. Cincuenta anos despois do falecemento do ditador, é hora de dicir abonda xa de impunidade e abonda de discursos e relatos falsos.
As persoas que defendemos un pacifismo comprometido temos ás veces que enfrontar o discurso de quen en nome do pacifismo practica unha neutralidade que sempre defende o máis forte…, ou o bando vencedor, nunha historia que en demasiadas ocasións se converte nunha loita por gañar o relato. E nada hai máis cruel que xogar a unha perversa neutralidade que converte todo o mundo en sospeitoso ou culpábel. Mais ese discurso é habilmente manexado por unha dereita que nega a posibilidade de coñecer a verdade e difunde falsos bulos para sobrevivir entre as súas miserias. É aterrador escoitar hoxe que hai maltrato israelí mais tamén responsabilidade do pobo palestino. Ou aproveitar espazos de intervención pública para defender unha paz en abstracto, un concepto que na súa raíz fondamente filosófica podemos partillar e que nos levaría a traballar por unha resolución pacífica dos conflitos, en calquera lugar e situación.
Con todo, o pacifismo é unha corrente que naceu vinculada á xustiza social, unha forma de loita con armas diferentes: a palabra, a desobediencia civil, o silencio, a insubmisión, a obxección de conciencia… O pacifismo é unha forma de combater a inxustiza e en ningún caso pode supor fuxir de sinalar as responsabilidades de quen abusa do seu poder ou pon en marcha unha política xenocida. E falamos tanto do que está a acontecer en Gaza como do xenocidio que practicou o réxime franquista nos 40 anos de ditadura militar.
O vindeiro ano cumpriranse os 90 anos do golpe de estado de 1936, da sublevación militar que se levantou contra o réxime político legalmente estabelecido. Noventa anos dese terríbel verán en que a brutalidade franquista puxo fin á democracia, á liberdade e á legalidade e eliminou as ilusións dunhas xeracións que soñaban cun mundo mellor e máis xusto. O que Franco impuxo foi a desaparición de toda idea diverxente da oficial, con castigos exemplares e unha lei do silencio que imperou nas familias e conseguiu que en moitos casos unha ou máis xeracións vivisen sen coñecer a verdade. “Como lles ía dicir eu aos meus sobriños que xogaban coas crianzas de quen asasinara o seu pai?, para que serviría?”, afirmou unha mestra que, co paso dos anos, si quixo falar do acontecido.
Non debería ser preciso a estas alturas lembrar que na Galiza non houbo guerra, non houbo batallas con dous bandos armados. O que Galiza viviu foi unha terrorífica represión contra toda persoa disidente ou sospeitosa de selo, despois de caer do bando franquista en poucos días. E esa represión que eliminou fisicamente centos de persoas e silenciou outras moitas, mandándoas ao exilio, ao cárcere, eliminándoas dos seus postos de traballo ou obrigándoas a padecer un exilio interior durou décadas. Non rematou en 1939. Nunca debemos esquecer que o ditador morreu asinando condenas a morte.
Cincuenta aniversario do asasinato de Moncho Reboiras
Lembramos este 2025 o cincuenta aniversario do brutal asasinato de Moncho Reboiras, por defender a nosa terra, a liberdade e a democracia, en mans da policía franquista, no mesmo agosto en que Franco pasaba o seu último verán en Meirás. E este 2025 declarouse como "ilexítima e nula" a condena a morte de Xosé Humberto Baena ditada tamén en 1975. O último fusilado do franquismo era galego e sería asasinado apenas dous meses antes da morte de Franco.
Cincuenta anos despois, pedimos xustiza para quen padeceu a represión franquista. Cincuenta anos despois da morte de Franco apostamos por recuperar a memoria, como prioridade política, para alertar tamén contra o fascismo, para que non se repita. E, cincuenta anos despois, reclamamos o fin da impunidade. Franquismo, nunca máis!
No próximo setembro, neste 2025, recibirán sepultura na Coruña, os restos do pintor Francisco Miguel, asasinado tamén nese verán dramático. A súa muller, Syra Alonso, deixou por escrito a memoria da represión na cidade e iniciou despois un exilio en México do que non regresaría nunca, nin ela nin os seus tres fillos, que desenvolverían xa a súa vida tan lonxe da súa cidade, alén mar, onde nacerían os seus netos e netas. Enterrar unha persoa case noventa anos despois de que lle deran fin a súa vida é terríbel, dificilmente explicábel. Case noventa anos despois, terá a súa tumba e o seu nome nunha sepultura mais son moitos os corpos que fican aínda sen identificar, e son hoxe tamén un símbolo dunha ferida sen pechar, dunha historia que non foi contada na súa totalidade e dunha restauración que ten aínda moitos capítulos abertos. Pasaron demasiados anos para moitas cousas, entre outras, para ter, a estas alturas, tantas materias aínda pendentes na recuperación da nosa memoria.
Son moitas as maneiras en que nos bate a memoria no peito, ás veces como unha pedra fría, un lugar que tripamos e sentimos que nos di: “Por aquí pasou tantas veces o alcalde nacionalista de Compostela, Ánxel Casal, co seu maxín a traballar por unha Galiza e un Santiago mellor”. Noutras ocasións a memoria chéganos a través do incansábel traballo do movemento asociativo e cultural, de colectivos que levan anos empurrando por políticas públicas de memoria e realizándoas directamente alí onde as administracións non cumpren co seu papel. Outras veces son as institucións as que desenvolven traballos de interese. É de xustiza tamén recoñecer que hai vinte anos por vez primeira se desenvolveu unha política pública da memoria desde a Xunta de Galiza, por vez primeira e única, e xusto hai vinte anos, naquel verán de 2005 unha das primeiras decisións do novo goberno foi a declaración de 2006 como Ano da Memoria, inaugurando todo un proxecto rigoroso de traballo no que se avanzou de maneira decidida na recuperación da nosa memoria sepultada polo franquismo con, entre outras iniciativas, o proxecto Nomes e Voces que puxo luz sobre tantos nomes de persoas represaliadas. Ou o traballo feito desde a Vicepresidencia da Deputación da Coruña a prol da recuperación do Pazo de Meirás. Ou o de concellos como o de Santiago en diferentes mandatos para conseguir que as estatuas do Pórtico da Gloria volvan ao lugar de onde nunca deberon saír. Outras veces, a memoria bate en nós en forma de libro, de filme ou de canción.
Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio
O libro Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, de Carlos Babío e Manuel Pérez, marcou un antes e un despois no noso coñecemento sobre o engano e a fraude con que os Franco se fixeron con numerosas posesións. A súa divulgación, a través da Fundación Galiza Sempre, supuxo que mudásemos o relato e xa ninguén poida defender que non hai nada que facer, ou que recibiron algúns destes bens como “lexítimos agasallos” ou “doazóns”. O seu traballo é impagábel. Como tamén o é o esforzo de divulgación realizado por Sermos sobre represión das mulleres, por exemplo coa obra colectiva Foron por elas: mulleres represaliadas polo franquismo, con artigos de especialistas tan rigorosas como Montse Fajardo, Carme Vidal ou Aurora Marco.
O filme Reboiras. Acción e Corazón, de Alberte Mera, foi capaz de transvasar todas aquelas pintadas e carteis que durante décadas vimos para lle pór rostro e narración a unha historia tamén manipulada oficialmente e cuxos protagonistas tiveron ocasión de nos falar directamente. O mestre que prometeu o mar, de Patricia Font, é unha xoia que recupera a figura de A(ntoni) B(aneiges), un mestre que, como A(lexandre) B(óveda) tiña fondos ideais de transformación social polos que deron a vida con tan só 33 anos. O de Baneiges é un dos corpos cuxos restos aínda non foron localizados case 90 anos despois do seu cruel asasinato.
A canción A Capirota, da Banda da loba, lévanos a querer saber máis desa lavandeira de Marín brutalmente asasinada por lle chamar a atención aos que batían nun mozo sen razón ningunha. E a canción dos presos, de que diferentes cantoras e grupos nos ofreceron as súas versións, non só nos pon a pel de galiña cando escoitamos algunha das súas estrofas (Na entrada do cárcere/non te poñas a chorar/onde non me quitas pena/non ma veñas dar) senón que é parte dese elo de transmisión ao recoller a letra Erminda Miramontes, a cantareira de Grixoa, que traballou na casa dun ex preso republicano.
Pensamos nas vítimas, neste agosto, en todos os veráns, e o noso compromiso é a memoria e o recoñecemento, de maneira singular arredor do 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, en homenaxe singular a Alexandre Bóveda. Como ten que ser, desde o tecido asociativo, desde as persoas que investigan o noso pasado, e desde, moi especialmente, as que, durante décadas, gardaron a súa memoria, ás veces, nas propias casas onde as ausencias se facían aínda máis duras nun tempo de opresión en que non estaba permitida nin a queixa.
Cincuenta anos despois do falecemento do ditador, é hora de dicir abonda xa de impunidade e abonda de discursos e relatos falsos. Que recuperar a memoria é restituír os nomes das vítimas e tamén os bens espoliados. Volver, na medida do posíbel, o que foi roubado, o simbólico e tamén o material porque foi xa tempo de máis o que se permitiu que as vítimas fosen as silenciadas e os culpábeis mantivesen os seus privilexios conseguidos a golpe de tantas vidas, de tantos sufrimentos. E temos que darlle, definitivamente, a volta a esta situación. Por iso, pacifismo e xustiza teñen que ir da man. Polo pobo palestino que está sendo aniquilado e contra o xenocidio. Polo dereito dos pobos a viviren en paz nos seus territorios. Para que se escoite alto e claro: Non no noso nome. @mundiario

