O soño de Bóveda, a teima de Castelao

Sen renunciar aos ideais de soberanía política para Galiza, Castelao e Bóveda actuaron sempre con realismo político para lograr un estatuto de autonomía no marco da Constitución española de 1931, como Euskadi e Cataluña.
Portada e interior da edición facsimilar do folleto O Estatuto de Galicia. Antecedentes e comentarios. / Mundiario
Portada e interior da edición facsimilar do folleto O Estatuto de Galicia. Antecedentes e comentarios. / Mundiario

Non é dicir nada novo que foi o nacionalismo galego da posguerra, a partir da creación da UPG, quen restaurou para a acción política o pensamento nacionalista de Castelao. Tan fiel foi o nacionalismo dos anos sesenta e setenta ás súas ideas políticas, que aínda despois de aprobada a Constitución española de 1978, e xa coa autonomía como máximo teito competencial para Euskadi e Cataluña, en Galiza o BN-PG seguiu a defender a alternativa das Bases Constitucionais, autoexcluíndose do proceso estatutario que estaba a nacer. Foi aquela unha decisión, desde logo, absolutamente coherente cos ideais de Castelao e coa traxectoria política do nacionalismo galego desde 1964. Actuaría hoxendía o BNG exactamente igual? Seguramente non.

Castelao, efectivamente, expresou no Sempre en Galiza e noutros textos como o que, case cego e desde o seu leito de enfermo, lle ditou a Rodolfo Prada para ler no acto do décimo terceiro aniversario do referendo do Estatuto, a súa “fe rexa” no trunfo dos ideais nacionalistas, “que non se limitan ao conquerimento dun simple Estatuto otorgado polo Estado Hespañol, senón dunha Autonomía integral para Galiza dentro dunha Confederación Hispana”, e no “desexo de que a terceira República Hespañola sexa federal e asentada no recoñecemento das varias nacionalidades do conxunto peninsular”. Eses eran os ideais aos que aspiraba Castelao no exilio para cando se restaurase o réxime democrático. E esa foi a alternativa que defendeu maioritariamente o nacionalismo galego durante toda a Transición.

A TEIMA DE CASTELAO: APROBAR O ESTATUTO

Hai uns días Miguel Anxo Seixas Seoane puxo nas miñas mans un libriño que editou recentemente o Parlamento de Galicia e a Fundación Castelao e que nos ofrece, ademais dun exhaustivo estudo introdutorio do propio Seixas, a edición facsimilar da primeira edición do folleto Estatuto de Galicia. Antecedentes e comentarios, con introdución e comentarios de Castelao. Teño que confesar aquí que eu ignoraba a existencia daquel folleto que vira a luz en Buenos Aires en 1948. Aínda que pola lectura do Sempre en Galiza ou pola biografía que elaborou Miguel Anxo Seixas podiamos ter un bo coñecemento da difícil travesía que tivo o noso Estatuto despois de ser presentado nas Cortes, o texto que elaborou Castelao en 1948 para aquel folleto creo que ten un grande significado político, primeiro porque foi un dos últimos textos que el escribiu, e segundo porque o fixo para celebrar e reivindicar a efeméride do décimo segundo aniversario do referendo do Estatuto de Autonomía, o que demostra a importancia que Castelao lle concedía á data do 28 de xuño de 1936. Lembremos que incluso foi institucionalizada polo exilio.

A lectura atenta da introdución que Castelao escribiu para o folleto Estatuto de Galicia. Antecedentes e comentarios lévanos a dous planos complementarios e non contraditorios entre si: o plano dos ideais e o plano do marco legal e dos logros reais. Castelao aspira ao “estabrecimento en Hespaña d-unha República Federal, que supere o cativo réxime das autonomías rexionaes, concedidas por gracia do Estado unitario”. Os ideais de Castelao son unha “terceira República Hespañola (…) federal e asentada no recoñecimento das varias nacionalidades do conxunto peninsular”. Pero para Castelao o aniversario do plebiscito celebrado en Galiza o 28 de xuño de 1936 é un acontecemento que “ben merece a nosa reverencia, por ser a derradeira expresión democrática de Galiza, santificada máis tarde por un plebiscito tráxico de moitos miles de mártires”. Máis aló do documento estatutario en si, “forzosamente limitado ás eisixencias da Constitución vixente -que acatamos, pero que non era nin é o tope das nosas aspiracións”, cómpre ver o Estatuto como “o desexo de goberno propio e vida libre que o acto plebiscitario supón”.

Como podemos observar, a Castelao os seus ideais de soberanía política plena para Galiza non lle impiden traballar activamente pola aprobación do estatuto desde 1931 ou celebrar como unha consecución histórica moi importante o Estatuto do 36. De feito a teima de Castelao desde o mesmo momento da aprobación en referendo foi axilizar a súa tramitación parlamentaria, e non cesou nese empeño durante toda a guerra e nos anos posteriores do exilio, sempre, ademais, en condicións políticas moi adversas para a defensa da autonomía galega. Foi unha constante preocupación no seu labor como representante de Galiza desde 1936 até os anos finais da súa vida, con momentos moi amargos, como cando os socialistas suprimen a Comisión de Estatutos nas Cortes de Valencia, cando o Oficial primeiro do Congreso dixo que non atopara o Estatuto en Madrid ou cando Castelao descobre que a documentación do Estatuto galego foi queimada con todo o Arquivo da República en París durante os anos da ocupación alemá.

No estudo introdutorio de Miguel Anxo Seixas á edición facsmilar daquel folleto de 1948 queda perfectamente recollido o inxente esforzo que levou a cabo Castelao para conseguir a aprobación definitiva do Estatuto, desde a entrega das actas do escrutinio e doutros documentos ao presidente do Congreso, Diego Martínez Barrio, o 15 de xullo de 1936 -á que seguiu outra reunión dous días despois co presidente da República, Manuel Azaña- até que, o 12 de novembro de 1947, Manuel de Irujo –“o meirande amigo vasco de Castelao”, en palabras de Xosé Estévez- lle comunica que por fin ten no seu haber o Diario de Sesións do 1 de febreiro de 1938 das Cortes de Montserrat onde se acredita que o Estatuto galego foi presentado á Mesa cumprindo todas as formalidades regulamentarias. E aínda en xaneiro de 1948 Irujo lle dará a Castelao outra boa noticia: que xa dispón da certificación que acredita “por testimonio fehaciente la toma de estado parlamentario del Estatuto y la formación de la Comisión Parlamentaria para su informe”.

VENDO COMO OUTROS SE OCUPABAN DA AUTONOMÍA

Lamentabelmente, o nacionalismo galego da posguerra e dos tempos da Transición centrouse case exclusivamente no pensamento político de Castelao, no seu ideario nacionalista, e non lle dedicou a atención que en xustiza merecía a entrega de Castelao á tramitación do Estatuto de Autonomía do 36, como tampoco foi obxecto de estudo por parte do nacionalismo galego naqueles anos setenta o enorme traballo de Alexandre Bóveda no proceso de elaboración e aprobación en referendo daquel Estatuto, máis aló do que se di no libro O Estatuto Galego, da autoría de Xosé Vilas Nogueira, ou na biografía que nos entregou Xerardo Álvarez Gallego en 1972 (Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda). Bóveda, ademais de símbolo da Galiza Mártir, foi outro construtor da nación, e non se pode disociar a súa biografía política do Estatuto de Galiza que aprobou o pobo galego o 28 de xuño de 1936.

No inicio da Transición, cando o nacionalismo galego máis necesitaba presentarse diante da sociedade galega como lexítimo continuador da obra política do vello PG, actuouse cun certo desprezo polo que fora o seu grande obxectivo político na II República. Nalgún voceiro fálase incluso de que había que ser “indulxentes coa alternativa escollida naquela época polo nacionalismo tradicional” e de ”sobradas reservas pra non aprobar a súa posición a favor do Estatuto”. Por outra parte, a data do 28 de xuño, que para Castelao representaba “o cume máis outo da nosa cibdadanía e o arranque dos feitos definitivos que Galiza realizará”, para o nacionalismo dos anos setenta a efeméride era só unha ocasión máis para chamar “a rexeitar plantexamentos trabucados na maneira de afrontar o problema de Galicia”. Nada de fito histórico.

X. L. Méndez Ferrín, nun texto publicado nesa época na revista Teima, chega a dicir que “o PG deixa de profesa-los principios do nacionalismo e o seu conseguinte obxectivo de autodeterminación (…) Non foi preciso máis que a legalidade española ofrecera unha regandixa por onde estraguer unha cativa, misérrima, insatisfactoria autonomía pra que os galeguistas abandonaran o principio de liberación nacional e aceitaran un apéndice constitucional rexionalista, o Estatuto de Autonomía”. Outros importantes autores nacionalistas nin sequera facían referencia nos seus libros ao Estatuto do 36.

Creo que defender unha alternativa política contraria á autonomía -como eran as Bases Constitucionais- nunca debeu de levar ao nacionalismo galego a non reivindicar o avance que significou para o país o Estatuto do 36 e o inmenso labor que levaron a cabo Alexandre Bóveda, Castelao e todas as persoas do Partido Galeguista para dotar a Galiza de institucións propias, semellantes ás que xa tiña Euskadi e Cataluña. Ignorar en toda a súa dimensión histórica a importancia do Estatuto de Autonomía aprobado en referendo o 28 de xuño do 36 e o realismo político que practicaron Alexandre Bóveda e Castelao tras a aprobación da Constitución española de 1931 para así defender con máis claridade no escenario da Transición -certamente confuso e convulso- unha alternativa antiautonomista e de ruptura democrática levou ao nacionalismo a instalarse nuns obxectivos políticos que non lle axudaron a aterrar na realidade social e política daquel momento nin tampouco a mirarse no espello do realismo político que si practicaron Bóveda e Castelao tras a aprobación da Constitución española de 1931.

Como moi ben sinala Manuel Rei Romeu referíndose á posición do PG, “A necesidade de baixar da pureza ideolóxica e das aspiracións máximas á política dos feitos concretos, entendeuna todo o partido, pese á súa curta vida, e xustificouna profusamente como un paso táctico”. Pola contra, na Transición o nacionalismo (agás o POG) quedouse mirando como outros se ocupaban do Estatuto de Autonomía, situándose fóra dese proceso. A situación non puido ser máis paradoxal: os partidos menos autonomistas e que nunca loitaran pola autonomía (UCD e AP) foron os que acabaron liderando politicamente a Galiza autonómica. Desa maneira, e a pesar do seu pasado falanxista e franquista, será Antonio Rosón, como primeiro presidente da Preautonomía, quen reivindique institucionalmente a data do 28 de xuño do 36 e o 25 de xullo como Día Nacional de Galicia.

Non é falsear a historia dicir que a unha parte importante do nacionalismo galego dos anos setenta deulle igual quedar á marxe da redacción do texto estatutario e incluso que tipo de estatuto podía ser finalmente aprobado, porque o que procedía, en coherencia co ideario político, era estar contra a autonomía por caciquil e colonialista. Penso que foi un erro. Bóveda e Castelao contemplaban o Estatuto de Autonomía como un instrumento máis no camiño do autogoberno, e por iso se implicaron desde o primeiro momento en todas as reunións e asembleas que se celebraron antes e despois da aprobación da Constitución de 1931, convocara quen as convocara, a Federación Republicana Gallega, o Concello de Santiago, a Asemblea de Concellos galegos ou a Asemblea pro Estatuto.

O nacionalismo galego dos setenta tiña un bo exemplo de práctica política no nacionalismo dos anos trinta, mais maioritariamente optou por non moverse do campo dos principios políticos, sen espazo para a política posíbel, onde o marco legal, a táctica, a flexibilidade, o diálogo e a negociación deben estar moi presentes. Talvez se priorizou a construción dunha alternativa política nacionalista e faltou unha visión máis de país que de partido, aquela visión de país que si tivo e puxo por escrito Alexandre Bóveda no Diario da Segredaría Xeral do Partido Galeguista: “Os sacrificios que fai o Partido serán bos pra Galiza. O futuro d´ista é o único que intresa”.

Igual que expresamos esta mirada crítica sobre como actuou o nacionalismo galego na Transición a respecto da importancia histórica do Estatuto do 36, creo que tamén debemos ser comprensivos e indulxentes con esa posición. Hai que pensar que as novas xeracións que reorganizaron o nacionalismo na posguerra careceron do apoio dalgunha personalidade do galeguismo do interior ou do exilio que lles fixera ver que o novo nacionalismo, máis aló de asumir o ideario político de Castelao, debería valorar e reivindicar tamén o traballo do Partido Galeguista e seguir a liña do seu realismo político. Un vello galeguista de 77 anos, Valentín Paz-Andrade, dirá por esas datas que a política é saber aproveitar as oportunidades que hai en cada momento: “a política haina que facer ás veces sobor da marcha, segundo vén, xogando coas oportunidades que se presentan”. Pero quen entón no nacionalismo galego escoitaba a Paz-Andrade? Ninguén.

Dos erros de onte sempre debemos aprender para actuar no presente e no futuro. De feito hai moitos anos que o BNG puxo na súa axenda política a efeméride do 28 de xuño de 1936. Como era de xustiza. Sirvan as seguintes palabras de Ana Pontón, pronunciadas na Praza do Obradoiro, diante do Pazo de Raxoi, no 85 aniversario do plebiscito do 36, para demostrar que os erros tamén se deben e se poden rectificar: “Neste pazo forxouse unha das grandes epopeas da Galiza contemporánea: a xeira do Estatuto do 36, impulsado desde os concellos e desde a maquinaria política galeguista, co liderado dun mozo que aínda non cumprira 30 anos e que se chamaba Alexandre Bóveda. Celebramos aquel estatuto precursor, obra dunha xeración única e irrepetíbel, un estatuto avanzado, que en moitos aspectos non foi superado, como o Título IV, que deseñaba os grandes trazos da Facenda e dun Banco Público Galego, un estatuto que non era un punto de chegada, senón un punto de partida, un estatuto que non chegou a aplicarse porque o fascismo español tronzou as ansias de liberdade de Galiza”.

Claro que cómpre reafirmarnos no pensamento político de Castelao. E tamén reivindicar con convicción e orgullo a grande obra política daquela xeración: o soño de Bóveda, a teima de Castelao. Hoxe e sempre. @mundiario

Comentarios