Non lles pidamos títulos, pidámoslles educación e cultura

Unha sesión plenaria no Congreso. / RR SS.
​Que valores democráticos e propios do humanismo ten unha sociedade que se ve representada nun parlamento por quen utiliza as palabras máis groseiras e máis ofensivas?

Abondaría citar os nomes de Pepe Mujica e Lula da Silva para demostrar que algunhas persoas non precisaron ningún título universitario para ser grandes figuras políticas. Por moi importante que é posuír unha sólida formación académica para desempeñar calquera cargo institucional de representación popular, non o é menos a honradez, a humildade, a responsabilidade, a entrega, a capacidade de traballo, a intelixencia e, sobre todo, a educación e a cultura. Todas estas virtudes as pode atesourar un ser humano, de dereitas ou de esquerdas, con ou sen titulación universitaria, sen necesidade de ningunha licenciatura, ningún doutoramento nin ningún máster.  

Stefan Zweig conta nas súas memorias que na súa familia acordaran que el tiña que estudar na universidade e ser doutor. Non importaba en que facultade. Para a nai, procedente dunha familia de banqueiros, unha muller cosmopolita e que tiña como linguas maternas o italiano e o alemán, e para o pai, que se dedicaba á industria téxtil, o importante era asegurar un título de doutor na familia.

Naquela idade de ouro de Austria todas as familias acomodadas desexaban ter fillos “cultos”, e iso pasaba por ir á Universidade de Viena e obter un ou varios títulos. Mais Stefan non estaba interesado en ningunha carreira universitaria. Incluso “albergaba unha secreta desconfianza cara a toda actividade académica”. Para el a principal referencia era o axioma de Emerson, segundo o cal os bos libros e a autoeducación podían substituír a mellor universidade. Non ignoraba que unha boa parte da creación artística e do avance científico en todos os campos do saber proviña de fóra do mundo universitario. Por iso finalmente a súa elección non foi matricularse na facultade da Universidade de Viena que lle daría máis prestixio social e máis futuro, senón na disciplina académica que lle deixase máis tempo libre para dedicarse á súa verdadeira paixón, que era a literatura.

Oxalá na política e na sociedade de hoxendía houbese moitos Mujicas, Lulas ou Stefans. Con persoas que admiramos polos seus valores humanos e polo seu empeño en mellorar as condicións de vida da xente máis humilde e facer máis libres e máis cultos aos seus pobos é como realmente se nutren as verdadeiras democracias. Non é difícil, pois, decatarnos que neste momento histórico estamos asistindo no conxunto do planeta ao desprezo e á demolición das normas e dos valores máis esenciais dos réximes cando menos formalmente máis democráticos, ao que, por suposto, non é allea a política española. Todo o contrario: é outro epicentro da antipolítica. A expresión desa demolición vai desde a constante utilización da hipérbole, do exabrupto, da agresividade verbal, do odio e da descualificación persoal nas intervencións parlamentarias -que xa non se poden denominar en absoluto discursos parlamentarios- até unha realidade que espanta a calquera ser humano de hoxendía como é esta Europa sen corazón diante do xenocidio de Gaza. Camiñamos cara atrás, cara á deshumanización, cara ao salvaxismo e cara á barbarie. Cara ao fascismo.

Non sei en que momento deixamos de ter aqueles valores que nos engrandecían como persoas, tivésemos ou non título universitario. Ignoro tamén cando foi que comezamos a deixar de comportarnos como cidadáns honestos, solidarios e educados. Descoñezo as razóns polas que preferimos ser deslumbrados polo poder -sempre efémero- a ser iluminados pola beleza duns versos de Petrarca ou por unha pintura de Caravaggio. De que nos serven os títulos se xa perdemos a capacidade de emocionarnos ou de rebelarnos contra a inxustiza e o terror? Que valores democráticos e propios do humanismo ten unha sociedade que se ve representada nun parlamento día a día por quen utiliza as palabras máis groseiras e máis ofensivas? Que responsabilidade ten cada un e cada unha de nós en que a mediocridade intelectual e política e a maldade humana enraizara na praza por excelencia do respecto e do diálogo que debería protagonizar todo debate parlamentario? Poderemos finalmente deter este cancro que avanza sen tregua por toda Europa e polo mundo?

Só o regreso á educación e á cultura nos pode salvar. @mundiario