Cincuenta anos da morte de Franco
Eu aínda era unha nena cando morreu Franco. Para nós, o máis relevante naquel día foi que non houbese escola. Foi uns anos máis tarde, aquel 23 de febreiro de 1981, a data do fracasado golpe de estado de Tejero, cando xa tiña consciencia do que supuxera o franquismo e do risco que corriamos de retornar a un réxime ditatorial. Porén, nin nunha nin noutra data eramos aínda conscientes de toda a andamiaxe que, desde o poder, deixara Franco e o franquismo, todo atado e ben atado, preparado para garantir unha continuidade nunha transición que non foi tal. Era verdade que coñeciamos as consecuencias da Lei de amnistía, que deixou sen efecto os asasinatos, delitos e represión da longa noite de pedra. Impúxose o silencio sepulcral, ese que logrou que moitas familias non soubesen a causa de seren asasinados ou represaliadas pais, tíos ou avoas. Ese silencio que tamén blindou as institucións para que nada se movese, como se todo seguise, en demasiadas cousas, igual mais sen Franco. A pesar de todo, a pesar dese terror que vimos en tantos rostros tras o golpe de estado de Tejero, non deixaba de ser certo que queriamos acreditar en que se faría xustiza.
Intuïamos naquela altura os privilexios de que continuaba a gozar a elite que estivera co poder franquista e, moi concretamente, a familia Franco. Con todo, tiveron que pasar longas décadas, e un traballo impagábel das asociacións de recuperación da memoria histórica, para que se gañasen algunhas batallas e ficase acreditado o esforzo de que prevalecese o relato dos vencedores do 36. Para iso utilizaron a manipulación, o terror, o dispendio e unha planificación para se facer con bens materiais que pertencen ao patrimonio popular. Tratábase de blindar que o que puidese acontecer despois de morto Franco non alterase as prebendas e privilexios da súa familia e achegados.
Aínda continúa a ser dramática a impunidade do franquismo e o desenvolvemento dunha “transición” que non reparou as vítimas e deixou que os responsábeis do masacre continuasen gozando dos seus privilexios. Mesmo a día de hoxe, após teren transcorrido 5 décadas do falecemento de Franco, é esperpéntico que haxa quen se manifesta con consignas antidemocráticas e de gabanza dun asasino que deitou regueiros de sangue. Tamén o é que haxa quen escriba as súas memorias afirmando que respecta a Franco e que non permitía que ninguén falase mal del, como acaba de facer o rei emérito.
Hoxe, 50 anos despois da morte do ditador, o pobo galego conseguiu vitorias históricas. E fíxoo após o labor incansábel do movemento memorialístico e do esforzo fóra e dentro das institucións do nacionalismo galego, loitando contra un muro de invisibilidade que, paso a paso, fomos derrubando. Conseguímolo. Investigadores/as, activistas e representantes polític@s presentes nas institucións comprometid@s coa memoria histórica.
Hoxe, 50 anos despois, o mito de Franco xa non é tal e existen numerosas probas da barbarie cometida, a pesar dos intentos de que nada saia á luz.
Un momento especialmente salientábel foi o respiro que supuxo o goberno bipartito á fronte da Xunta de Galiza entre 2005 e 2009. Desde a Consellaría de Cultura apoiouse o labor do movemento memorialístico e realizouse un extraordinario labor coa conmemoración do Ano da Memoria e o desenvolvemento de tres liñas de acción, a de homenaxe, a de investigación e a de difusión. Dese esforzo deriva a recuperación da Illa de San Simón como lugar da memoria, hoxe denigrada por unha Xunta de Galiza que renega do terror alí acontecido e das posibilidades pedagóxicas para relatar a verdade e contribuír ao coñecemento da realidade por parte das xeracións máis novas. Ao mesmo tempo, a declaración como BIC do Pazo de Meirás en decembro de 2008, a instancias do goberno nacionalista do Concello de Sada, abriu as portas a un longo proceso de recuperación que culminaría anos máis tarde, en 2021.
Entre un e outro momento cómpre destacar as marchas sobre Meirás realizadas pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, as investigación de Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo que deron lugar ao volume Meirás. Un caudillo, un pazo, un espolio, editado pola Fundación Galiza Sempre, os informes histórico e xurídico encargados pola Deputación da Coruña nos tempos en que eu mesma ocupaba a Vicepresidencia, baseados no traballo citado, e completados por dous equipos coordinados por Emilio Grandío e Xabier Ferreira, a actuación de popularización internacional do conflito por parte d@s 19 de Meirás e, finalmente, o necesario labor da Avogacía do Estado e a constitución dunha Comisión de persoas expertas por parte da Xunta de Galicia cando xa practicamente todo estaba encamiñado.
Por outra parte, foi excepcional a recuperación da memoria histórica feminina, iniciada xa na etapa do BNG á fronte do bipartito e continuada en concellos como o de Pontevedra ou na Deputación pontevedresa antes da entrada na institución do PP, en 2023, a través do esforzo promotor de investigación e actividades por parte de Montse Fajardo.
Un colofón magnífico a este relato será o retorno das estatuas do Pórtico da Gloria a Santiago de Compostela. O BNG iniciou politicamente o proceso de recuperación das estatuas con preguntas no pleno e outras iniciativas. Foi na etapa de Martiño Noriega á fronte da alcaldía compostelá cando se decidiu levar o procedemento á vía xudicial. E foino neses momentos, a pesar de existir un informe municipal bastante anterior onde xa se relataba a ilegalidade de as estatuas estaren en posesión dos Franco, mais que nunca se chegou a presentar. Será un bo colofón a este 2025 poder devolver as estatuas a quen é o seu lexítimo propietario, o pobo compostelán e, por extensión, o galego. De aí que non se nos ocorra mellor lugar que o propio Museo do Pobo Galego para seren vistas e a través delas lembrar tanta ignominia.
Como dixen no acto máis emotivo que tivo lugar no seu día na Deputación da Coruña, ao homenaxear os membros das corporacións locais asasinados despois do golpe militar de 1936, “queremos contribuír a borrar o esquecemento”. A iso, e a que ninguén poida enganar ningunha persoa co falso relato da doazón de Meirás ao Caudillo, da doazón aos Franco das estatuas do Pórtico da Gloria. A contorna de Franco, non contenta con conservar privilexios e non ser xulgada por todo o acontecido, enganou, simulou unha venda para se facer con bens públicos, baseou o seu relato de feitos no terror que aínda moita xente mantén hoxe mais que en 1975 estaba quente polas balas que asasinaran os derradeiros executados polo réxime. @mundiario



