Bóveda, máis aló do símbolo da Galiza Mártir

Bóveda e Castelao en A Nosa Terra.
Bóveda e Castelao en A Nosa Terra.

Que Alexandre Bóveda non deixara publicada en libro obra de carácter literario ou doutrinal como si deixaron Vicente Risco, Ramón Vilar Ponte ou Castelao, seguramente levou a que aínda hoxe moitas persoas só vexan na figura de Bóveda o símbolo por excelencia da Galiza Mártir. É como se o seu importantísimo traballo como facendista, como máximo responsábel da construción, dirección e expansión do primeiro partido político propiamente nacionalista de Galiza, o Partido Galeguista, e como principal redactor do Estatuto de Autonomía que aprobou o pobo galego en 1936 tivese menos importancia para o nacionalismo galego e para o país que a publicación dun libro de doutrina política.

Partindo desa constatación, temos necesariamente que facernos varias preguntas: ¿Até que punto é xusto concederlle máis valor á obra teórica que levaron a cabo Vicente Risco, Ramón Vilar Ponte e Castelao que ao traballo práctico que desempeñou Bóveda durante cinco intensísimos anos da súa vida para dotar ao país dunha forza política propia e de institucións de seu? O novo nacionalismo galego dos anos sesenta, que lle tributa por primeira vez a Bóveda unha homenaxe nun acto público en Pontevedra o 17 de agosto de 1976, que tamén nese ano funda na cidade da Coruña unha asociación cultural que leva o nome de Alexandre Bóveda e que a través de Edicións Xistral crea a colección Alexandre Bóveda, ¿non tardou con todo demasiado tempo en reivindicar a obra política de Alexandre Bóveda, é dicir, o PG e o Estatuto de Autonomía do 36? Estamos aínda hoxendía a facelo con toda a atención que a figura de Bóveda merece, máis aló das homenaxes do 17 de agosto? Non é tamén inexplicábel e vergoñento que o Parlamento galego, máis de corenta anos despois da súa constitución, siga sen aprobar a rehabilitación política de Alexandre Bóveda e sen declarar o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir, algo que xa a Irmandade Galega de Buenos Aires fixo en 1942?

DESCUBRINDO A BÓVEDA

Para achegarnos á personalidade de Alexandre Bóveda na década dos setenta e até mediados dos oitenta, e á marxe do retrato que escribira con tanta coraxe don Ramón Otero Pedrayo para O Libro dos Amigos, só dispoñiamos do libro Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, de Xerardo Álvarez Gallego, editado en Buenos Aires en 1972. Talvez foi un artigo de Darío Álvarez Blázquez nas páxinas de La Voz de Galicia en 1977 (“Bóveda, o noso capitán”) o primeiro texto publicado na prensa galega que reivindicou a figura de Bóveda. Realmente tivemos que esperar ao libro de Xosé Manuel Beiras Por unha Galicia liberada, publicado en Xerais en 1984, para descubrirmos en toda a súa dimensión o Bóveda político, economista e facendista, e fixémolo a través do ensaio “Alexandre Bóveda e a Galicia como ensoñación”. Cómpre dicir aquí que dous anos antes, en 1982, Xosé María Álvarez Blázquez entregou para a imprenta unha biografía de Bóveda que non se chegou a distribuír até dez anos máis tarde porque a propia entidade bancaria promotora que lla encargara (Banco del Noroeste) secuestrou o libro, que finalmente sairía en 1992 en Ir Indo.

Mais o que de verdade marca un punto de inflexión no coñecemento social de Alexandre Bóveda é o extra 5-6 de A Nosa Terra, dedicado a Castelao e a Bóveda, unha publicación que foi coordinada por Cesáreo Sánchez Iglesias, Fernando Cuñarro e Xan Carballa. Ademais dunha conversa de dúas longas horas con Amalia Álvarez Gallego, viúva de Alexandre Bóveda, que realiza Xan Carballa, ese número monográfico recolle importantes traballos de Marcos Valcárcel, Ramón Martínez López, Xosé Manuel Beiras, Francisco Fernández del Riego e Francisco Carballo. Pecha a parte do extra dedicada a Bóveda unha biografía-cronoloxía e o “Diario dun Secretario do Partido Galeguista”. Ilustran tamén a personalidade de Bóveda e emocionan fondamente “As cartas na madrugada dun fusilamento” e o abundante material fotográfico que se ofrece.

A partir de aí si podemos falar dunha progresiva aparición de traballos moi diversos sobre a figura de Alexandre Bóveda. En 1986 a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda concede o 1º Premio de Ensaio a Eduardo Gutiérrez por Alexandre Bóveda en “A Nosa Terra”, que posteriormente edita nun dos seus cadernos. En 1999 Francisco Carballo publica en A Nosa Terra, nunha edición moi fermosa, a biografía Alexandre Bóveda. En 1990 nace formalmente a Fundación Alexandre Bóveda baixo a presidencia de Manuel Beiras García, que en 2007 impulsará a Cátedra Alexandre Bóveda na Universidade de Vigo e, no marco desta, o Centro de Estudos e Documentación Alexandre Bóveda, que en 2010 edita o catálogo Alexandre Bóveda nos seus documentos.

Coincidindo co centenario do nacemento de Alexandre Bóveda, celébrase en 2003 o Congreso “A Galiza de Bóveda”, impulsado polo Concello de Pontevedra e a Fundación Alexandre Bóveda, con Luís Bará e Xosé Lois Bóveda como presidentes do Comité Organizador. Será o selo editorial Difusora quen se encargue en 2009 da publicación das Actas do Congreso A Galiza de Bóveda, un libro coordinado polo historiador Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, que en 496 páxinas recolle máis de trinta achegas. Tamén en 2003, a revista Terra e Tempo dedica monograficamente o seu nº 22-23 a Alexandre Bóveda, un especial coordinado por María Pilar García Negro, que representa outro paso moi importante para o (re)coñecemento desta destacada figura do nacionalismo galego. E en 2011 a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda aborda a figura de Bóveda a través de dúas canles: por unha parte, co volume Perspectivas sobre Bóveda, unha valiosísima obra de carácter coral baixo a edición de Xosé Manuel Sánchez Rei, e logo, na web da propia entidade, coa biografía visual Alexandre Bóveda: vida, paixón e morte por Galiza.

Hoxe, como podemos ver, a bibliografía relativa a Alexandre Bóveda é abundante para quen queira aproximarse á súa personalidade. Nada a ver coa que tiñamos á altura do momento político da Transición. Mais seguimos a pensar que a figura de Bóveda, tan extraordinaria e tan fundamental para o nacionalismo galego e para o país, non a acabamos de ver máis aló do símbolo da Galiza Mártir. E nin Castelao merece a nosa atención só porque morreu no exilio nin Alexandre Bóveda a debe merecer unicamente porque foi unha vítima da barbarie fascista do 36. Claro que a merecen pola represión fascista que os dous sufriron, un tendo que vivir fóra da súa patria e outro sendo fusilado, pero tamén a merecen pola traxectoria humana, intelectual e política de cada un deles, por unha entrega tan extraordinariamente xenerosa e fundamental para o país.

A REHABILITACIÓN INSTITUCIONAL DE BÓVEDA

Sería incompleta esta crónica sobre a recuperación da figura de Alexandre Bóveda se non fixésemos tamén aquí referencia ao traballo que se levou a cabo nos parlamentos e no campo institucional municipal. Foron os deputados do BNG os primeiros en presentar iniciativas para instituír o “Día da Galiza Mártir” e para reclamar a anulación do Consello de Guerra sumarísimo a que foi sometido Alexandre Bóveda. A primeira iniciativa fora unha proposición de Lei presentada na Cámara galega en xullo de 1991 e debatida en xuño de 1992. Xosé Manuel Beiras, como portavoz do grupo parlamentario nacionalista, foi o encargado de facer a súa defensa. Pola súa parte, o 28 de febreiro de 2006, Francisco Rodríguez intervén igualmente no Pleno do Congreso para defender unha proposición non de lei co mesmo obxectivo: rehabilitar institucionalmente a figura política de Alexandre Bóveda. Así como a maioría do PP no Parlamento galego impediu sempre a aprobación da rehabilitación institucional de Bóveda, no Congreso a iniciativa do nacionalismo galego si sería aprobada, aínda que a súa materialización lamentabelmente non se produciu até decembro de 2024, tras ser incluída no pacto de investidura asinado polo BNG co PSOE en 2023.

No campo institucional municipal debemos recordar que o 31 de xullo de 1999, tras tomar posesión Miguel Fernández Lores como alcalde de Pontevedra, o Pleno do Concello, máis unha vez coa oposición do PP, acordou a celebración do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir e o inicio dos trámites para nomear a Alexandre Bóveda Fillo Adoptivo de Pontevedra e para concederlle a Medalla de Ouro da Cidade, que aínda poderá recibir a súa viúva nun acto cargado de fonda emoción no Pazo da Cultura de Pontevedra o 11 de decembro de 1999. Tamén a Deputación de Ourense, entre outras varias institucións, declarou por unanimidade en 2001 a Bóveda Fillo Predilecto de Ourense.

UNHA VIDA AO SERVIZO DE GALIZA

Bóveda, con 28 anos, fíxose cargo do Partido Galeguista como Secretario Político e tamén da elaboración do Estatuto de Autonomía. Cando se funda o PG, Antón Vilar Ponte -que se incorporaría máis tarde ao Partido- tiña 50 anos, Castelao 45 e Ramón Otero Pedrayo 42. Efectivamente, Bóveda era o irmán menor, pero era o verdadeiro cerebro político do nacionalismo galego, o que traballou arreo para unir nun partido as 32 agrupacións galeguistas locais, o que marcaba o rumbo do PG en cada momento, o que defendía as tácticas necesarias para facer avanzar o nacionalismo galego e o país, o organizador e o pragmático, o que estaba máis pendente dos problemas reais que sufría a sociedade galega que das cuestións estritamente ideolóxicas.

Alexandre Bóveda era o que daba orientacións ás agrupacións locais e aos deputados no Congreso, o que lle escribe con dureza e lealdade a Ramón Suárez Picallo, o que cuestiona publicamente, con claridade e con respecto, a posición política de Álvaro das Casas ou de Xosé Filgueira Valverde, o que replica con firmeza e lucidez as ideas de Royo Vilanova ou de Sánchez Mosquera, o que pronuncia trinta mitins en sete días, o que organiza a primeira oficina da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, o que senta as bases dunha Facenda Pública Galega, o que se pon a traballar desde o primeiro momento con Enrique Rajoy Leloup no proxecto de Estatuto de Autonomía, o que na Asemblea de Municipios Pro-Estatuto de 1932 defende durante moitas horas a ponencia oficial, o que replica a Santiago Montero Díaz e convence aos alcaldes alí reunidos da necesidade dunha política fiscal propia e dun banco público galego,  o que contesta nos mitins, con rigor e con números, ao ministro de Facenda José Calvo Sotelo, o nacionalista galego que, a pesar de que llo piden Castelao e Ánxel Casal, non viaxa a Madrid na comitiva que vai entregar o Estatuto nas Cortes o 15 de xullo do 36, porque para Bóveda antes que esa foto histórica é seguir traballando naqueles días -que infelizmente serán os últimos da súa vida- na reforma fiscal que o país precisaba.

Alexandre Bóveda é, así mesmo, o home que encabeza e dirixe en Pontevedra a defensa da legalidade e o que, con absoluta enteireza, diante do tribunal fascista que o vai condenar á morte tras un xuízo sumarísimo, pronuncia unhas palabras que aínda hoxe nos estremecen: “A miña patria natural é Galicia. Ámoa fervorosamente. Xamais a traizoaría, inda que me concedesen séculos de vida. Adóroa ata máis aló da miña morte. Se entende o Tribunal que por este amor entrañábel debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela. Fixen canto puiden por Galicia e faría máis se puidese”.

Alexandre Bóveda é o mozo de vinte anos, fillo dunha costureira e dun carpinteiro, que aproba co número un as oposicións de Auxiliar de Contabilidade do Estado e que só uns anos despois aproba co número cinco unha das dez prazas de Xefe de Contabilidade. Bóveda é aquel brillante opositor que rexeita o ofrecemento que lle fai chegar o ministro de Facenda José Calvo Sotelo para que se quede nos ministerios en Madrid, e rexéitao porque o seu soño non é outro que traballar por Galiza desde Galiza. Fusilárono contra un piñeiro na Caeira na madrugada do 17 de agosto de 1936 tras un xuízo sumarísimo, cando só tiña 33 anos. Sabían a quen mataban. Como dirá Castelao, “Os que mataron a Bóveda mataron a unha Galiza chea de luz”. O sufrimento e o calvario que lle esperaba desde ese momento a Amalia Álvarez Gallego, viúva e con cinco fillos, é outra historia dramática indisociábel da biografía de Alexandre Bóveda. @mundiario

Comentarios