A actividade económica galega mantivo o seu forte crecemento no remate do 2024

O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica de Galicia medrou un 3,4% en termos interanuais no mes de decembro.
Un trabajador industrial. / Janno Nivergall en Pixabay
Un trabajador industrial. / Janno Nivergall en Pixabay

O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica de Galicia rexistrou no mes de decembro un incremento interanual do +3,4%. Isto supón unha moi leve diminución dunha décima respecto da taxa de crecemento dos dous meses anteriores. 

Cos datos do conxunto do ano compróbase que a evolución ao longo de 2024 foi de menos a máis, empezando en xaneiro no 2,9% e rematando cinco décimas por riba. O promedio nos doce meses foi dun crecemento dun 3,2%, mentres que no último trimestre ascendeu ao 3,4%.

O Indicador Abanca reflicte un bo comportamento da economía galega intensificado dende a primavera, onde sobresaen o comportamento do sector da automoción xunto coa boa marcha da cifra de negocios na industria. Tamén segue unha tendencia parella ao crecemento do PIB galego estimado polo Instituto Galego de Estatística e do PIB de España actualizado polo Instituto Nacional de Estatística (3,4% interanual no terceiro trimestre do ano).

No que atinxe á evolución individual das variables recollidas no Indicador, son oito as variables recollidas cun crecemento negativo (tres máis que o mes anterior).  Entre as que mellor comportamento amosan destacan as turísticas (transporte de viaxeiros e viaxeiros en hoteis) cun incremento próximo ao 5% interanual.  No lado negativo, como xa acontecera o mes anterior, situase o comercio internacional (nomeadamente as importacións), cunha evolución negativa nestes últimos doce meses.  

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica. Máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega. @mundiario

Comentarios