Galicia: Tempo de frear a megaminaría para evitármonos o desastre

El profesor Santiago Lago.
Indicador de Corcoesto.
Ouro, estaño, tántalo, niobio, litio, itrio, escandio, feldespato, latánidos e terras raras. Eses minerais escasos e cotizados son a causa dos proxectos de megaminaría contaminante que ameazan o territorio.
Galicia: Tempo de frear a megaminaría para evitármonos o desastre

Ouro, estaño, tántalo, niobio, litio, itrio, escandio, feldespato, latánidos e terras raras. Eses minerais escasos e cotizados son o motor e causa dos proxectos de megaminaría contaminante que ameazan o noso territorio.

O principal é o de Corcoesto, onde unha empresa transnacional (Edgewater) pretende explotar minas de ceo aberto na procura das 34 toneladas de ouro que albergan as entrañas dunha das máis valiosas paraxes naturais do noso país. En nome dese propósito e coa falacia da creación de postos de traballo, preténdese arrasar unha superficie equivalente a 700 campos de fútbol, dos que 540, isto é 392 hectáreas serán voadas con 4300 toneladas de cianuro. O seu resultado serán preto de dez mil toneladas de velenoso arsénico -o que fará que na zona haxa unha concentración desa substancia 12 veces superior ao máximos permitido- e 17 millóns de toneladas de residuos contaminantes. Unha ameaza real para o medio natural, mais tamén para a saúde pública aumentando o risco de cancro, malformacións, afeccións respiratorias e mesmo envelenamento para a poboación dos arredores. Por non falar dos seus efectos na agricultura por mor das filtracións a acuíferos, regatos e ríos. E todo a cambio de que? De menos de 300 empregos temporais, nas mellores estimacións, dos que segundo denuncian apenas 20 serán para persoas do lugar. Como denunciaba o BNG hai varias semanas o resultado é ben nítido: “lévannos o ouro e déixannos o arsénico”.

Unha ameaza patrocinada polo goberno galego, quen destinou unha partida de 800.000 euros para financiar o 80% das prospeccións mineiras que realicen as empresas. A Xunta de Feijóo a través do plan sectorial de actividades extractivas estimula este tipo de explotacións, poñendo a nosa riqueza mineral ao servizo do lucro do grande capital foráneo. De feito o executivo galego vén de converter a práctica totalidade do noso territorio, o 62% para sermos exactos, nunha potencial e xigantesca mina. Desta maneira retírase en moitos casos a protección ambiental que até hoxe evitara que o grande capital fendera enteiros os nosos montes, abrindo as portas de par en par á desfeita mineira.

Ao marxe do feito (escandaloso) de que unha moi grande parte dos eventuais beneficios económicos desta agresión ambiental a gran escala vaian parar ás contas de resultados de trasnnacionais privadas, nun novo espolio da nosa riqueza natural, cómpre termos en conta no balanzo os efectos e consecuencias a medio e longo prazo que este tipo de explotacións teñen desde o punto de vista ambiental. Asemade, non semella razoábel colocar a minaría como un sector sobre o que propiciar o desenvolvemento económico, toda vez estamos a falar da extracción de materiais moi escasos e non renovábeis. Temos na nosa historia o exemplo do volframio.

Por sorte a megaminaría conta cun amplísimo rexeitamento social no noso país. Mais non abonda con asinar a petición que foi pendurada na Rede, como por outra banda xa fixemos 193.000 persoas. Este domingo, 2 de xuño, ás 12 desde a Alameda de Compostela estamos chamados para erguermos máis unha vez o berro do “Nunca Máis” en defensa do noso medio natural. Pero desta, para evitármonos o desastre en troques de nos lamentar logo del. @contradiscurso

Comentarios