A xustiza en España, hoxe, digámolo claro, non está moi ben vista pola cidadanía

Togas de abogados.
Togas de abogados.

Un tribunal europeo emenda a plana ós gobernos de España, a este e ós anteriores, por unha lei hipotecaria abusiva para coa cidadanía e excesivamente comprensiva para cos intereses bancarios.

A xustiza en España, hoxe, digámolo claro, non está moi ben vista pola cidadanía

Ás veces xúntanse novas que a un o enchen de satisfacción. Veño de participar nunhas xornadas no Consello Xeral do Poder Xudicial sobre “Cultura de Paz, Dereitos Humanos e Xustiza no s.XXI” dirixidas por Federico Mayor Zaragoza, nas que xuíces e xuízas de todo o Estado, de especialidades ben distintas, voluntariamente, durante tres días, reflexionaron e debateron desde ópticas e miradas non sempre coincidentes.

Polas impresións recollidas, as persoas que alí estiveron, recoñecían non só a calidade dos relatorios senón tamén, e sobre todo, o enfoque, a mirada, non tanto desde o ámbito propiamente xurídico, senón desde a filosofía, os valores democráticos, e a sociedade civil.

Era a primeira vez que, como outros poñentes, falaba para o mundo xudicial, especificamente. Debo recoñecer que tiña certas prevencións. A xustiza en España, hoxe, digámolo claro, non está moi ben vista pola cidadanía. Eles o saben mellor que ninguén. Sen embargo, sobre a xudicatura, como sobre tantas e tantas outras profesións, existen fortes prexuízos construídos con partes de verdade e tamén con moitos lugares comúns.

Recoñezo que non foi a experiencia máis rara na que tiven ocasión de falar sobre Cultura de Paz. A máis inverosímil, para min, foi en Venezuela, si, na Venezuela de Hugo Chávez. Con ocasión do Foro Social Mundial de Caracas en 2006. Durante a segunda xornada, os amigos e colegas venezolanos e o Secretariado Internacional do Foro Mundial de Educación (FME) tíñanme preparada unha intervención fora da capital. Alí fun, por unha estrada infernal que leva á Guaira e que ole a petróleo. A miña sorpresa foi ver que o noso autobús, con lemas inquietantes nos respaldos dos asentos “Dios os guarde”, chegaba por fin, sans, ó seu destino. Nada menos que a unha Academia Militar. Supuxen que sería o lugar elixido polas súas condicións, auditorio, etc. Sen embargo, cando entrei no Salón de Actos, acompañado por un xefe militar de alta graduación, vinme diante de máis de 600 cadetes uniformados que a golpe de cornetín se cadraron, firmes, para logo sentarse entre certa algarabía. Nunca estivera tan “protexido” e “seguro” na miña vida... A medida que pasaban os minutos, collín máis e máis confianza ó ver a atención coa que seguían, aqueles aspirantes mozos, as miñas reflexións. Logo, no coloquio, puiden comprobar como se esvaían, definitivamente, todos os meus temores, construídos sobre unha realidade imaxinada, froito da miña propia experiencia en España, onde nunca tivera a oportunidade de falar e compartir con militares, aberta e masivamente, agás nunha mesa redonda no Castelo de Monjuit e outra con Pepe Fortes, da Unión Militar Democrática (UMD), hai xa moito tempo. Pero desde logo nunca nunha Academia Militar. Para que logo falemos de Venezuela e de Chávez con tanta prepotencia e sectarismo eurocéntrico...

O que quero indicar con todo isto é que os prexuízos, as prevencións, os temores, están profundamente metidos no disco duro de cada quen, son o resultado de construcións dilatadas e alimentadas no tempo, en moitas ocasións, responden só a falsidades e medos. Desde logo, no meu caso, sobre xuíces e militares, o confeso.

Pero retomemos o fío inicial. As dúas novas ás que me refería ó principio son as relacionadas cos desafiuzamentos, nas que un tribunal europeo emenda a plana ós gobernos de España, a este e ós anteriores, por unha lei hipotecaria abusiva para coa cidadanía e excesivamente comprensiva para cos intereses bancarios. A segunda, a do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sobre as axudas ou concertos, ilegais, á 5 centros educativos do Opus Dei, que segregan por sexo.

Con todo, probablemente, a nosa alegría durará pouco, como pasa sempre na casa do pobre, xa que o “magnífico” conselleiro de educación que nos desgoberna, Jesús Vázquez Abad, en colaboración co ministro Wert, que wertgoña!!!, nunha sorte de cabriola xurídica, sortearán a prevaricación, para blindar, nada menos, na nova lei, a LOMCE, os concertos con estes centros sectarios que, en pleno século XXI, separan a rapaces de rapazas, polo seu propio ben, e o fan con diñeiro público, con cartos de todas e de todos, en beneficio privado, o dunha ideoloxía segregadora que vulnera o dereito a igualdade de homes e mulleres, un principio democrático que están obrigados a defender estes gobernantes, prioritariamente, máxime en tempos de estafa, que non de crise.

Pode que, en pouco tempo, blinden “legalmente” estas axudas sectarias (como blindaron as pensións millonarias dos demoledores das caixas galegas) ó tempo que arruínan a escola pública, a de todas e todos, sen rubor, con ese sorriso burlón, cínico, pero máis pronto que tarde, pagarán, porque estas cousas a cidadanía non as esquece, por sempre. @mundiario

Comentarios