Antonio Durán 'Morris', a estrela dun coloquio arredor das artes escénicas en Galicia
A Fundación Premios da Crítica de Galicia, en colaboración co Concello de Pontevedra, organiza este xoves día 11 ás 20h na Casa das Campás (Rúa de don Filiberto 9), un coloquio arredor das artes escénicas no que participarán o popular Antonio Durán 'Morris', xunto a Silda Alfaro, Roberto Pascual, Afonso Becerra e Cristina Domínguez.
O acto enmárcase nas actividades conmemorativas do 35 Aniversario dos Premios da Crítica e pretende amosar o proceso de conformación do sector das artes escénicas ao longo destes anos, así como pulsar a súa crítica situación actual a través da confrontación das distintas experiencias dos participantes e mais a través do debate co público asistente.
A Fundación Premios da Crítica de Galicia está a organizar, baixo o título “Culturais”, diversas actividades en distintas cidades de Galicia consistentes, na súa maior parte, en conferencias arredor das distintas facetas da cultura galega, mesas redondas sobre diferentes sectores artísticos, presentacións, etc. Estas actividades culminarán coa gala anual de entrega dos Premios da Crítica de Galicia que terá lugar na cidade de Vigo no outono de 2013.