O vampiro do castelo que quería a súa derradeira vítima apaixoadamente

Castelo de Doiras, en Cervantes, Lugo.
Castelo de Doiras, en Cervantes, Lugo.

Se o poder corrompe, o tempo ponlle un prezo. Eis que a fidalguía aniquilou o país máis do que os Irmandiños… E sempre hai unha voz inocente de testemuña.

O vampiro do castelo que quería a súa derradeira vítima apaixoadamente

Se o poder corrompe, o tempo ponlle un prezo. Eis que a fidalguía aniquilou o país máis do que os Irmandiños… E sempre hai unha voz inocente de testemuña.

Neste cumio no que me erixo disposto ao meu destino, observando o que perdín ao meu redor, estaba o meu Castelo. Por cincocentos anos de vinganza enchín as miñas bodegas de sangue.

A fame e as pestes asolaban aos meus servintes. Con noxo, os monxes carretaban cadáveres e repartían pan. Eu, no meu castelo, deseñaba a miña intervención en Castela, mais descubrín as argucias dos pobres e suxos campesinos cando, desprazándome dacabalo cara ás termas, unha ringleira de crucifixos de madeira recordaba aos mortos. Que gloria esperaban acaso? Non morreran servindo ao seu señor?

Seguín aquel camiño de crucifixos e cheguei a unha cova, e alí unha serpe custodiaba un torque nun altar. Acaso non me pertencía aquela coroa? Así que quixen collela e mordeume a serpe. O veleno tinxiume a pel de branco e os ollos de púrpura, a miña desaparición foi celebrada con excesos e a miña ira foi incontrolable contra aquela revolta popular.

Enganei ao meu pobo coas miñas tretas. Pozos sen fondo, avenidas adoquinadas, cartas falsas… Noites de luxuria nas que tentei a homes e mulleres. Mortes clandestinas e impunes que non me aliviaban.

Cincocentos anos despóis, voltei a pola miña derradeira vítima. Na aldea deserta, quedaba unha moza extasiada pola soidade, característica que me atraía tanto como a súa virxinidade. De longo cabelo trenzado, fazulas coloradas, pernas fortes e finas mans, a moza sempre estaba atarefada. Mantiña unha vaca e galiñas poñedoras coa súa horta, da que se abastecía.

Ela rezaba tódalas noites, excitábame asexar o seu dito e a súa xovialidade cando ese sangue ía correr pola miña gorxa. Dábame a impresión de ser o seu deus todopoderoso ante o inminente asasinato.

A virxe, quizáis sensible a aquela soidade, comezou a sofrer de insomnio… Foi entón cando puiden irrumpir nas súas noites. Debía enganala dalgún xeito para asasinala sen indicio histórico ningún. (Propoñíame gobernar a Historia dende a sombra como vinganza á revolta que aínda agora esperta a miña rabia.)

Entón, nun dos seus sustos, abriu a ventá. Eu sentín o seu medo na cova onde medito, en forma de morcego, e entrei con elegancia no seu dormitorio.

Incorporouse, apoiouse no cabezal. Levantouse para ollarme… Pero riu, baixou á conciña e bebeu un grolo de auga para seguir durmindo.

As mulleres virxes son difíciles de tentar, pensan que o amor é como a fe; ela era inxenua, creu que eu era un soño e, así, librouse de min daquela… Mais desexeina máis aínda, matala por aquel desdén e por que vira do que eu son capaz.

Así que un día matou unha galiña. Chegou a entenrecerme a suavidade coa que lle cortou a gorxa. Preparou o salón e o cociñou para a cea celebrando algún santo ao que eu matei.

Petei na súa porta e me deu entrada. A miña capa ondeaba xunta aos piñeiros coma a bandeira no alto do meu castelo. Baixei as escaleiras. Ela serviume un prato con toda hospitalidade. Ela estaba na idea de que os outros emigraran e que eu fora un crego.

─Agradézolle moito a súa compaña. A soidade entristéceme─ confesou.

─Somos todos servintes dun Deus…─ comenteille.─ Mais é unha mágoa que unha muller coma ti teña que traballar… Non cres?

─Señor crego, eu penso que a decencia é a maior virtude desta velada.

Tratei de comerlle a orella, concedeume un baile. Ela só deixou que a termera da cintura. Ao son da cumbia no tocadiscos, a súa boca semellaba saborosa. Mais ela non entendía a miña intención, igual eu tampouco…

Procurei máis tino, tiña que ser miña. Aquela pel de tacto de algodón sería presa dos meus colmeos. Voltei á noite seguinte. Ela durmía, eu non encontraba xeito de enganala! Suxeiteina polos ombreiros, fíxena miña, mais entendín que estaba facendo o amor cun cadáver.

Foi a primeira vez que matei alguén de pena. Aquela virxe solitaria estaba chea de misterio. Foi unha aparición. A súa voz ecoa polos corredores da casa e as anduriñas levan a súa semente ao trópico…

Seguro que intuídes o meu sorriso, os meus dentes pulcros. Esta defunta perpetrou o meu feitizo e hoxe comezarei a envellecer nesta a miña aldea solitaria…

Comentarios