A galeguización das festas implica recuperar para eses espazos de lecer a tradición cultural

Treixadura.
Treixadura.

Este ano  a proposta das Mil Festas réndelle homeaxe ao grupo Treixadura que inclúe un concerto. Será o próximo día 20 no auditorio municipal de Vilagarcía.

A galeguización das festas implica recuperar para eses espazos de lecer a tradición cultural

Este ano  a proposta das Mil Festas réndelle homeaxe ao grupo Treixadura que inclúe un concerto. Será o próximo día 20 no auditorio municipal de Vilagarcía.

Se eu formase parte dunha comisión de festas había ter ben presentes algúns aspectos fundamentais. 1º) A festa deberíase organizar co criterio da orixinalidade, respectando sempre os valores patrimoniais de cadanseu lugar, enxalzándoos para estimular a querencia polo propio. 2º) Utilizar os recursos económicos axeitadamente con imaxinación na procura dun programa atractivo, dándolles un sesgo de singularidade para diferenciala  das outras.  Debe ser unha festa integradora, pensada para todos os gustos e xeracións; unha festa con fondas raíces na nosa cultura e tradicións, incorporando ao programa o imaxinario popular da parroquia, todo aquelo que é patrimonio común para que as novas xeracións aprendan a valoralo e saiban preservalo. O contrario, que é o que por desgraza  abunda, é abrir unha fenda entre os vellos e os novos; entre a malchamada modernidade e a tradición. Que isto sexa asi é responsabilidade das empresas de espectáculos que ofrecen programas anodinos nos que priman espectáculos de elevados custos económicos, e que as comisións de festas dean por bos.  Para evitar esas  programacións esterotipadas e carentes de interese os concellos galegos deberían organizar actividades para orientar ás comisións de festas nas súas programacións coa axuda de etnógrafos, historiadores,etc.

En terceiro lugar, a súa galeguización lingüística. O noso idioma debe estar presente nos programas, cartelería, repertorio das orquestras, actos litúrxicos,etc. E, ademais, utilizando unha exquisita delicadeza na utilización dos nosos símbolos tal e como establece a lei que os recoñece e protexe, evitando agravios comparativos con outras enseñas de maiores dimensións e numericamente superiores.

Estas e outras propostas recóllense na iniciativa MIL FESTAS MÁIS PARA A LINGUA GALEGA que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia vén programando desde hai ben anos. As accións e contidos desta campaña en edicións anteriores podense ver en www.galeguizargalicia.com e www.galeguizargalicia.tv.

Este ano  a proposta das Mil Festas réndelle homeaxe ao grupo Treixadura que inclúe un concerto. Será o próximo día 20 no auditorio municipal de Vilagarcía. Pola súa meritoria biografía son merecentes deste e doutros recoñecementos, porque ninguén como eles tratou o noso patrimonio musical con tanto mimo e delicadeza. A fidelidade á tradición  orfeonística, que en Galicia tivo épocas de esplendor, e as logradas harmonizacións son as causantes do entusiasmo que suscitan no público nas súas actuacións. Poderíase dicir que Treixadura hoxe reencarna a enxebreza da nosa música tradicional que tivo en Perfecto Feijóo, Xoán Montes e Pascual Veiga os máis preclaros cultivadores. Con eles o noso cancioneiro popular volve aos beizos da xente moza, que é a esperanza dunha Galicia  máis galeguizada. As comisións de festas teñen nas súas mans un inmenso poder para que a nosa identidade cultural non se perda.

Comentarios