O mito das estacións e o santuario do Libredón antes de todo o escrito

Betterlight_491, 11/21/13, 6:19 AM, 16C, 6000x8000 (0+0), 100%, Repro 2.2 v2,  1/20 s, R88.0, G85.5, B126.0
Oso.

A creación deste mundo crebou a quietude do silencio, mais logo a felicidade agromou ata a desgraza do exceso para que, finalmente, a morte nos fixera orar o acontecido.

 

 

O mito das estacións e o santuario do Libredón antes de todo o escrito

Antano, o inverno imperaba perpetuo. Había un oso que hibernaba no Libredón que escollera aquela chaira para impoñerse aos ventos. Así, fóra da confusión que as xistras outorgaban ao animal, o frío caiu dos ceos para conformar corpos de xeo, belas fadas que, a canto máis a chuvia se deslizaba por elas, máis gañaban en beleza. Así, cando un manto de neve cubriu o Libredón por mor dunha severa xistra, o son do ar que respiraba condenouno ao apetito, de xeito que, na súa soidade, berroulle ao ceo pola fame e o seu espírito convertiuse no Sol. Mais, aínda que o lugar foi enchido de abundantes seres sometidos a este oso, a calor fixo que as fadas de xeo se derretiran.

Antes de sentirse desgrazado pola desaparición das súas amantes, brotaron do chan abundantes flores concebidas pola auga que resultara daquel amor.

Embelesado polas cores e a lixeireza con que o vento abaneaba as flores, aquel vento suave murmurioulle cantigas de amor. A tal son, o oso adicouse a cercar aquel campo con pedras que carretou coa súa forza animal para que ningún daqueles seres que emanaran do seu espírito pisara ás súas fillas.

Mais as árbores que permanecían de antano tiñan grosos talos e grande sabedoría, e eran de semellante perpetuidade que tiñan o seu propio son cando zoaba o vento.

Nun carballo orgulloso, instalouse un enxamio de abellas, as cales, conducidas polo espírito do seu dono o oso, beberon do néctar daquelas flores. Así, con toda felicidade, as abellas concedéronlles novos fillos ás fadas do Libredón, os cales traizoaron os sentimentos do oso namorado. A chaira encheuse de fillas espúreas de insultantes cores, bañada pola luz do sol que, ante a ultraxe do oso antergo, escureceuse e xordeu a noite, pois o seu espírito fora danado.

O ar que o acariñaba, lonxe de contarlle un novo enigma, achegoulle un camiño seguindo os aromas da floresta cara a aquel enxamio impío. O son do ar naquel carballo ameazou o seu orgullo, ou ben o oso xa carecía de espírito… Así que tomou a súa forza para derrubar o carballo coas súas garras e, entón, moreas de abellas voaron cara ao ceo escuro, no que se incrustaron e quedaron mortas á vista do oso, mais aquelas mortas tamén tiñan espírito e por sempre alumearían a noite en forma de estrelas.

Mais, de meirande enxeño ca unha fada, a abella raíña non quixo fuxir; con xenreira, enfrontouse ao oso co seu veleno. Así, conferiulle un encantamento que o convertiu en trasno, que por sempre tomaría vinganza dos seres da natureza alá onde houbera unha carballeira… Pola súa banda, a abela raíña faleceu no acto en forma de muller, de xeito que o Libredón acollería as súas reliquias mais, o seu espírito, nunca tería sido equiparado en forma desde o tempo dos xeos, nin habería cantiga que igualara en grandeza a súa fazaña.

O mito das estacións e o santuario do Libredón antes de todo o escrito
Comentarios