Hugo e Yhadira arrasan nas listas arxentinas cunha canción en galego

Hugo e Yhadira
Hugo e Yhadira.

Música para todos, sen fronteiras. Estes dous mozos galegos andan lanzados a conquistar o mundo cantando no seu idioma a canción ‘Luar a luar’. Cando menos prometen.

Hugo e Yhadira arrasan nas listas arxentinas cunha canción en galego

Somos dados a pensar que se un cantante quere triunfar fóra do seu país debe empregar o inglés. Hugo Torreiro (A Coruña, 1990) e Yhadira García (Santiago de Compostela, 1993) están demostrando que non ten porque ser así.

Hugo e Yhadira coñecéronse no programa Luar da Televisión de Galicia, pero alcanzaron máis visibilidade tras pasar polo concurso La Voz de Telecinco. Os dous mozos forman unha parella de cantautores que interpretan a súa música principalmente en galego. O primeiro tema que cantaron xuntos xa significou unha declaración de intencións, presentando a lingua galega como princesa durmida que agarda un bico diario para seguir viva. Foi con motivo da campaña “Agasallo para o mundo” na que diversos artistas ofrecían versións dunha canción para espallar por internet, facendo que no Día das Letras Galegas se escoitase o galego polo mundo. 

Nos dous anos que levan de carreira musical, incluíron no seu repertorio outros idiomas ademais do galego. Cantan en castelán, en inglés e mesmo probaron a lingua das illas Tokelau participando nunha pequena aventura de concienciación social. Tampouco faltou o galego medieval colaborando con Carlos Núñez na gravación das Cantigas de Martín Codax

Co seu natural encanto e discreción, Hugo e Yhadira están acadando na actualidade un logro histórico que os analistas deberán valorar como corresponde. Velaí o exemplo:

O programa Elegidos 45, líder da radiofórmula na Argentina, está liderado polos cantantes galegos unha semana máis. Hugo e Yhadira levan tres meses no máis alto do ránking dos máis votados cunha canción en galego, Luar a Luar. Comezaron asomando nos últimos postos e, grazas ós votos dos oíntes, foron escalando posicións ata conseguir estar 5 semanas no número 1.

Na táboa xeral do 2013 soamente están superados por David Bustamante e polo galán das telenovelas latinas Fausto Miño.

Hugo e Yhadira non teñen detrás unha discográfica que os apoie, tampouco teñen un gran respaldo mediático que os impulse. Son dous artistas que pasiño a pasiño loitan e traballan por un soño pero que son xa un exemplo de compromiso co idioma galego, unha clara demostración de que o galego non limita para triunfar polo mundo adiante con naturalidade e autoestima.

Hugo e Yhadira arrasan nas listas arxentinas cunha canción en galego
Comentarios