Cultura e emprego: Unha viaxe pola "zona de pánico" do noso mercado laboral

Dende a "zona de confort" ata a "zona de pánico".
Dende a "zona de confort" ata a "zona de pánico".
Asistín o venres, na Cidade da Cultura de Santiago, a un obradoiro sobre cultura e autoemprego. Cultura e emprego xuntos? Preguntaríase calquera vendo o noso decadente panorama: auga e aceite.
Cultura e emprego: Unha viaxe pola "zona de pánico" do noso mercado laboral

Asistín o venres, na Cidade da Cultura de Santiago, a un obradoiro sobre cultura e autoemprego. Cultura e emprego xuntos? Preguntaríase calquera vendo o noso decadente panorama: auga e aceite. Neste encontro tratábase, porén, de cambiar o horizonte, de mostrar a cultura e a creatividade como xeradores de valor, de descubrir, en definitiva, as novas formas de traballar –hainas–  na nova economía.

Os expertos en emprendemento cultural sosteñen que, calquera que queira iniciar un proxecto nestes eidos e que desexe (intentar) vivir del, ten que esquecer o medo, e arriscarse. Coller confianza e ollar de fronte. Debe abandonar o que eles chaman a “Zona de Confort” e navegar ata a “Zona de Pánico”, o lugar, din, dos grandes retos. Sen risco non hai sequera camiño.

En principio, isto é evidente: sen apostar en firme por unha idea, e sen loitar por ela, non imos conseguir obxectivos. Confort versus Pánico.  É unha terminoloxía moi estendida polos adestradores das novas ideas, os tamén chamados coachees, os voceiros desa recente disciplina, o coaching, que anda por todo o mundo Occidental ceibando estratexias, espetando as conciencias.

Pero a min quedoume retumbando dende ese día do encontro a palabriña de marras: “pánico”. Porque un cre coñecer ben o seu sentido. É unha zona, chamémoslle, familiar. Non porque un tivera a bravura de navegar ata ela (pode que tamén) senón porque, xa dentro, un semella estar alodado nese territorio, e con moita lama arredor. Tanta que eu falaría doutra zona, terminoloxía que lle presto aos coachees, a “Zona de Lama”.

Penso que isto é o mesmo que lles sucede a centos, a miles de emprendedores culturais.  A todos os que deben loitar contra o tremendo baixón no consumo cultural, e contra a fuxida dos poderes e das administracións, que non só non apoian senón que lexislan contra as industrias culturais, contra a creatividade. A todos os que están inseridos nunha sociedade que –é tristemente comprensible– non sente como primario reclamar Cultura.

Este contexto é o que debuxa outra zona, xa postos a nomear: a “Zona de Baixón”, que é a que moitos dos sectores culturais soportan. A todos eses sectores (cine, teatro, danza, autores, editores, músicos, ilustradores... ), un querería dicirlles, como Pompeyo aos seus mariñeiros, ou como Pessoa nos seus versos: “Navegar é preciso; vivir non é preciso”. E que cada un loite contra o pánico, contra a lama, contra o baixón ata onde as forzas lle cheguen. Que mesmo haberá quen saia. De seguro.

Comentarios