Outro conto de lobos: unha camada aleitada pola esperanza ata o final

Cachorro.
Cachorro.

Moitos animais parecen ter sentimentos, mentres que o ser humano se mostra ás veces insensible: vede a condición animal que nos une.

Outro conto de lobos: unha camada aleitada pola esperanza ata o final

Érase unha vez unha loba e un lobo que formaron unha familia. No tempo das queimas, o monte estaba fresco e apracible, os regatos comezaban a trazar o seu curso e a mamá loba recollía follas para o tobo dos seus cachorros. Catro beizóns de ollos idénticos que querían ser coma o seu pai protector, quen ouveaba por eles só para que durmiran despois de que a nai os aleitara e lambera as súas veludas calugas.

Os pequenos deleitábanse perseguindo ratos e a nai amosáballes os recunchos do monte que sempre lles dera amparo, mentres que o pai, un lobo macho, mitigaba os seus instintos en considerables períodos de ausencia.

Un día, a loba quixo ir buscar ao seu amado, pois os seus fillos requerían das súas ensinanzas. Ela aseveroulles aos fillos non abandonar o tobo, mais aquela estanza teríase tornado unha noite infinda, pois algún misterioso destino apoderouse dos pais lobos, que nunca volverían.

Os cachorros alimentáronse de bichos e seguiron xogando con agarimo, mais un deles non paraba de roer herba ata que morreu; outro deles, que contaba co rabo tronzado e unha barriga branca, rompeu unha pata ao efectuar un chimpo e alí quedou. Os dous sobrevivintes, rotos na alma e o corazón, pois xamais viran o mal, fuxiron sen rumbo buscando un porvir. Quedaban un macho e unha femia, dos cales, a pequena, quizais non aturando o sufrimento, quedou cega, e isto lle dixo ao seu irmán:

─ Irmán, agora sei o que é a vida. É unha forma de ser coa que non se pode falar, xa que sempre chega á mesma conclusión. Agora pregúntome se papá, que viviu ata morrer, sabía que chorariamos en vez de ouvear...  Que cruel é a morte, pero que escura é a vida!

O pobre do lobo intacto, no canto de furia sentía tristeza. A tenor de tódolos perigos que se cinguían sobre el, adicábase a pacer alá onde non se escoitaba ou se movía nada. Foi experimentando o paso do tempo, acurtáronse as noites, nas que contemplaba o ceo escuro que vía constantemente a súa irmá.

Entón, un día, uliu o fume outra vez, aquel olor que traía o aire cando el nacera, e sentiu unha especie de instinto que lle levou a pesquisalo.

Atopou unhas cousas brillantes arredor duns penedos incandescentes e máis deliciosa comida no chan, disposta sobre uns mantos de cores. As cousas brillantes, que semellaban astros, descendían o val por un camiño.

Andou e andou baixo o xusticeiro sol, e cómpre dicir que o lobo estaba esquelético e desnutrido para agora estar sedento e exhausto, mais chegou ao seu destino, alá onde topou cun maná de auga infinda e un areal branco e fino ao que se incorporou, novamente feliz, retozando.

─ O lobo! A el! Un lobo na praia!─ berraba un novo ser, do cal, axiña comprobou, había moitos e diversos alí.

Aqueles seres humanos desataron unha furia moi desagradable, e o lobo escapaba dun e doutro, mais, de cada vez, era coma se aquelas voces quixeran incrustárselle na orella.

─ Que medo! Moito medo!─ dicían.

O animal tamén tiña medo, sen saber como demostralo. Confinado na beira do mar, intentou conter o seu coitadiño pranto bebendo aquela auga, que lle soubo peor ca o veleno dunha abella.

Remexéndose so de si, tiráronlle pedras e máis lle tiraron canto máis choraba. Quizais estaba xa moribundo cando o ceo se nubrou, acordou do trance e descubriu que a praia estaba deserta. Camiñou cara alá onde puidera xacer.

De súpeto, un home, acompañado dun son aterrador que emanaba dalgures, propinoulle un disparo que lle desgarrou as vísceras, e así soubo que os homes eran perigosos, e non daba morrido ata que se lle achegou aquel e puido fitarlle nos ollos, escuros coma os do seu pai. Rematouno, o último que viu foi o seu sangue diluíndose no mar.
 

Outro conto de lobos: unha camada aleitada pola esperanza ata o final
Comentarios