Abre en Sarria a primeira axencia de turismo receptivo no Camiño de Santiago
O venres día 8 de marzo Tee Travel abriu a primeira oficina receptivo nacional e internacional no Camiño de Santiago, o que a converte nunha empresa solvente e en pleno crecemento. "Abrimos en Sarria porque é unha localidade de referencia no Camiño, e para así tamén actuar como punto de información e contacto", manifestou a directora da axencia arousá, Mar Rodríguez Meseguer. A delegación atópase moi preto dos míticos e últimos cen quilómetros, a distancia mínima que hai que percorrer a pé para gañar a Compostela.
Ao longo de doce anos de andaina, Tee Travel desenvolveu diversas accións que a consolidaron como un forte receptivo en España no Turismo Cultural, Enoturismo, Cicloturismo e Sendeirismo, especialmente co Camiño de Santiago. Ten como obxectivo a desestacionalización e aumentar o gasto medio, garantindo así o turismo en Galicia durante todo o ano, tendo en conta esta necesidade, creou ex profeso unha nova división dentro das súas categorías, á que denominou Tee Travel Gourmet, e tamén afianzou a súa aposta enolóxica pertencendo á Ruta do Viño Rías Baixas.
No ano 2012 a axencia arousá decidiu enfrontarse a un novo reto: Camino en bici, que naceu como unha nova web de aluguer de bicicletas de Tee Travel, e así cubrir as necesidades detectadas para ofrecer un servizo máis amplo. Os servizos que derivan da web Camino en bici artéllanse desde a experiencia do equipo da axencia ao realizar o Camiño en múltiples ocasións.
Malia que o ano 2012 non foi Ano Santo, o número de clientes da axencia mantívose nunha liña cada vez máis ascendente debido ao importantísimo incremento internacional. Segundo Mar Rodríguez Meseguer, fundadora de Tee Travel, "o incremento na facturación da axencia sucede por ofrecer un servizo ao cliente onde non pode haber nin un só erro, produtos de máxima calidade, moi ampla variedade no catálogo, e estar presente en redes sociais, xa que o peregrino do século XXI cambiou. Hoxe en día, os nosos viaxeiros buscan gozar de aloxamentos peculiares e con encanto, e da gastronomía que o Camiño ofrece".
Esta nova iniciativa é froito do traballo que se veu desenvolvendo desde o inicio da empresa, no ano 2001, até o día de hoxe. Rodríguez Meseguer lembrou cando se constituiu Tee Travel, "eramos dúas persoas, tras uns anos pasamos a ser tres, e así chegamos aos doce en persoal fixo, ademais dos traballadores temporais cos que conta a axencia. Ademais, a inauguración desta oficina receptivo débese ao traballo de todo o equipo humano, no que cabe destacar que figuran dez mulleres e dous homes, co que celebrar este acto o Día Internacional da Muller é dobremente satisfactorio".
Ao acto de inauguración da Oficina receptivo nacional e internacional de Tee Travel no Camiño asistiron o director xerente do Xacobeo, José Paz Gestoso, así como a directora de Turgalicia, Carmen Pita Urgoiti, e o alcalde Sarria, José Antonio García López. Tamén estivo presente parte do persoal que conforma a axencia. Resultou imposible contar con todos os traballadores que forman o equipo humano, xa que algúns tiveron que quedar en Vilagarcía, Oficina Principal, porque o volume de traballo co que contan non lles permite parar a actividade. Pero esa mesma tarde achegáronse todos a Sarria para coñecer as novas instalacións da axencia e gozar dunha xornada lúdica.