A vida democrática dos partidos políticos debe ser algo máis que un procedemento

Urna electoral.
Urna electoral.

Preferir o método da selección participativa sobre a fórmula da designación indirecta non significa postular ningunha caste de fe laica no acerto automático das decisións adoptadas pola afiliación dos partidos.

A vida democrática dos partidos políticos debe ser algo máis que un procedemento

Preferir o método da selección participativa sobre a fórmula da designación indirecta non significa postular ningunha caste de fe laica no acerto automático das decisións adoptadas pola afiliación dos partidos.

Nos últimos días tivo lugar, no seo do partido Podemos, a elección das persoas que van ocupar responsabilidades dirixentes en diversos concellos do Estado. Resultou chamativo constatar que o nivel de participación das persoas inscritas ficou nidiamente por debaixo do 50%. A sorpresa foi, con todo, relativa: nos procesos electivos realizados hai poucas semanas na mesma formación para acordar os principios -éticos e políticos-, o modelo organizativo e a designación da equipa dirixente, a porcentaxe de votantes tampouco superou a metade do censo total existente. Estamos, pois, ante unha realidade contraditoria: a posta en funcionamento dun mecanismo participativo para tomar decisións no seo desta nova forza política non se ve correspondida cunha implicación práctica da grande maioría das persoas que, voluntariamente, se tiñan apuntado para poder estar presentes no procedemento establecido.

Este fenómeno acontecido agora en Podemos tamén se comprobou anteriormente nos procesos rexistrados en Anova e Cerna. E ocorreu algo semellante na tantas veces citada Asemblea do BNG celebrada en Amio nos primeiros días de 2012: o volume de participantes nas relevantes decisións tomadas naquel encontro non foi mais alá da metade da afiliación existente na organización nacionalista. En todos estes casos, había dúas circunstancias coincidentes: a explícita invocación da importancia dos temas que se sometían ao veredicto das persoas integradas nos respectivos grupos e a reiterada petición da máxima participación por parte de todos os sectores concernidos nos debates abertos.

Cal é a explicación desa notábel distancia entre o escenario desexado e a realidade finalmente constatada? A falta de coñecer outras hipóteses que se podan formular dende os propios protagonistas, cabe pensar que os abstencionistas quixeron delegar nas persoas que fixeron efectivo o seu voto as decisións sobre os asuntos que figuraban na axenda das diferentes citas grupais. A pesar da solemnidade dos chamamentos realizados, unha parte significativa das persoas convocadas declinaron exercer a opción da participación directa.

Até agora, a  corrente dominante na opinión publicada podía ficar resumida neste xuízo valorativo: os procesos electivos internos mediante votación directa da afiliación constitúen unha opción desaconsellábel porque exteriorizan unha división que sempre resulta penalizada polo corpo social. A competencia interna era vista como unha debilidade da organización afectada mais que como unha fonte de fortalezas de cara á concorrencia electoral.

No territorio mediático, as cousas teñen mudado notabelmente. As prácticas de elección directa por parte das forzas políticas xa non se consideran como episódicas excepcións que confirman a regra da designación polos órganos directivos formalmente constituídos ou, sen eufemismos, polo líder da formación correspondente. A perda de confianza nos partidos hexemónicos do sistema político está a provocar unha revisión gradual do “modus operandi” tradicionalmente implantado nunhas forzas que convertían en letra morta as prescricións contidas no propio texto constitucional.

Preferir o método da selección participativa sobre a fórmula da designación indirecta non significa postular ningunha caste de fe laica no acerto automático das decisións adoptadas pola base afiliada das organizacións políticas. A historia recente está chea de casos prácticos que revelan a diferenza entre a máxima lexitimación democrática que outorga un procedemento de elección directa e a virtualidade do resultado derivado da aplicación de tal procedemento. A condición necesaria non ten por qué ser suficiente garantía de éxito.

 A democracia nos partidos políticos é un menú con varios pratos. O dereito a votar directamente debería ser un deles. Pero tamén hai outros e non menos importantes. Por exemplo: a transparencia na xestión ordinaria da vida interna. Ou tamén:a existencia dun ambiente favorábel á xestación e debate de novas ideas e proxectos. Reducir o exercicio democrático ao procedemento seguido na toma das decisións empobrece o alcance e a calidade do mesmo.

Comentarios