Enrique Portela: "O modelo actual da Unión Europea ten un futuro moi negro"

Enrique Portela nun certame sobre o Día das Letras Galegas.
Enrique Portela nun certame sobre o Día das Letras Galegas.

Para o responsable de Galiza Nova en Cuntis, a Unión Europea ten que cambiar a súa mentalidade para facer fronte os seus desafíos económicos, políticos e sociais.

Enrique Portela: "O modelo actual da Unión Europea ten un futuro moi negro"

Para o responsable en Cuntis (Pontevedra) de Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, Enrique Portela, estas eleccións ó Parlamento Europeo estarán marcadas polo descoñecemento da propia Unión Europea por parte de sociedade, a abstención de voto e os escándalos de corrupción. Pero tamén afirma que son uns comicios vitais para o futuro de Galiza, xa que é dende Bruselas onde se toman parte das grandes decisións que afectan á meirande parte da poboación galega, como a cota láctea ou a cota de pescas, e que é o momento de que a propia sociedade empece a exixir un cambio de rumbo nas políticas sociais para paliar os grandes problemas actuais como o desemprego, a falta de oportunidades laborais para a mocidade e o envellecemento poboacional. 

- A sociedade cre na Unión Europea?

- Non. Realmente non hai unha crenza do que significa a Unión Europea polo simple feito de que é un ente que queda moi alonxado da realidade das persoas. O obxectivo co que naceu quedouse en borrallas xa que non conseguiu, dende o meu punto de vista, levar a cabo esa igualdade entre todos os membros da propia unión, que era unha das principais cuestión que se pretendía. O exemplo máis claro témolo nas distintas políticas que se aplican dende o ente comunitario, con desigual resultado para os distintos países e rexións, con zonas que saen máis beneficiadas e con outras zonas, como é o caso de Galiza, que se ve perxudicada polas políticas comunitarias.

- Entón, os galegos son conscientes da relevancia que teñen estas eleccións?

- Históricamente, o que marca ás eleccións ao Parlamento Europeo é a alta abstención, sobre todo no caso de Galiza, o que indica un claro distanciamento coa institución. A maior parte da xente descoñece que moitas das cuestións polas cales están preocupados no día a día, teñen o seu punto de decisión en Bruxelas, como por exemplo a cota láctea para o sector agrario ou as cotas de pesca. Por iso son importantes estas eleccións, e por iso é importante conseguir que no Parlamento Europeo haxa unha voz que de verdade mire polos intereses das galegas e dos galegos, e que non só vaia alí a premer un botón.

- Que importancia ten para Galiza poder seguir contando coa representación do BNG no Parlamento europeo?

- Dende o ano 1999, que o BNG conta con escano no Parlamento Europeo, primeiro con Camilo Nogueira e logo con Ana Miranda, púxose voz aos intereses das galegas e dos galegos e tratouselle de buscar unha solución. Púxose sobre a mesa as cuestións do sector gandeiro, do sector pesqueiro; de vital importancia para a nosa terra. E máis recentemente, da man do BNG e de Ana Miranda levouse a Bruselas o problema dos afectados polas preferentes e dos emigrantes retornados. Grazas ao BNG, todas esas persoas tiveron voz en Bruxelas. Como vai defender os intereses de Galiza Villar Mon que non sabe nin a realidade da terra á que di representar? Ou Arias Cañete, que foi un dos máximos responsables da rúina do sector leiteiro galego?

- Afectarán os constantes escándalos de corrupción nas furnas?

- Sí, claro que afectarán. Máis creo que terá unha dobre vertente, xa que moitos cidadáns o que farán será non ir a votar ante a mentira tan manida de que “todos los políticos son iguales”, algo que intentan día sí e día tamén alentar dende o PP e o PSOE. Dende o BNG intentamos demostrar que isto non é así, e de feito presentámonos a estas eleccións cunha campaña totalmente limpa, sen recorrer a ningún tipo de préstamos bancario nin algo parecido, con xente comprometida, que traballa polo país e que está fóra de todo escándalo de corrupción. Por iso, intentaremos que o próximo 25 de Maio, o voto de castigo á corrupción sexa o voto ao BNG, que toda esa xente que está farta de ver casos de corrupción nos medios de información (a pesares de que se intente silenciar a maioría deles) se decate de que a candidatura do BNG é a mellor e a máis firme para loitar contra esa lacra, contra os escándalos de corrupción que no último CIS ocupaban o segundo posto nas preocupacións dos cidadáns.

- Unión Europea, axuda ou obstáculo para o desenvolvemento galego?

- Na teoría debería de ser unha axuda, pero no práctica é un obstáculo en moitos aspectos. Por exemplo, non é normal que as Illas Feroes teñan unha maior cota de pesca de xarda que Galiza, que é unha auténtica potencia mundial neste aspecto, e á cal se lle poñen continuas trabas á hora de buscar caladoiros, como sucedeu coa frota galega en Mauritania. O que debería de servir coma un estímulo, realmente funciona coma un obstáculo.

- O modelo actual da Unión Europea ten os días contados?

- Tanto coma os días contados non, pero si ten unha serie de desafíos políticos, económicos, sociais e xeoestratéxicos moi importantes, e que de non facer fronte a eles cun cambio de mentalidade e de ideas, o modelo de Unión Europea tal e como se coñece hoxe en día ten un futuro moi negro.

- Con case a metade da poboación activa de Cuntis en paro e unha baixada da poboación, cara onde vai o futuro do municipio? Cales deberían ser os cambios para mellorar?

- Pois o futuro é moi negro, co principal problema de que actualmente a poboación do municipio está por debaixo dos 5.000 habitantes, o cal terá repercusións nas subvencións e axudas que se poidan recibir dende os organismos autónomo e estatal, xa que contaremos con menos recursos. Ademais, contamos cunha poboación moi envellecida, coas cargas sociais que iso conleva, e co agravante de que a metade da poboación activa do municipio atópase en paro, especialmente grave no caso do desemprego xuvenil, con taxas que roldan o 60%. Como solucionar isto? Pois poñendo a funcionar os recursos cos que contamos, xa que Cuntis ten un polígono industrial que está paralizado, sen legalizar, e por tanto as empresas non se poden instalar nel e non se crean postos de traballo. Non serve con anunciar que unha empresa de caucho se vai instalar na vila cando non hai nada asinado nin nada acordado, e de momento o único caucho que vimos en Cuntis foi o do campo de herba artificial no que se gastou máis dun millón de euros en lugar de atender ás instalación deportivas coas que xa contamos e que se atopan abandonadas por parte do actual goberno, como son as pistas de atletismo. Ademais tamén temos un centro de día paralizado, que xunto co servizo social que pode prestar nunha poboación moi envellecida e con numerosas familias pasando enormes dificultades para facerse cargo dos seus maiores, tamén é un xerador de postos de traballo. Non imos a aumentar a poboación nin crear postos de traballo co “Parque de los Aromas” nin vivindo nunha verbena constante. Ou se toman medidas, ou como xa fixeron moitas veciñas e veciños de Cuntis, haberá que emigrar como fixeron os nosos avós.

- E a nivel galego, cales son as necesidades básicas actuais?

- O problema esencial é o paro. Máis de 250.000 parados, un desemprego xuvenil por encima do 55%, unha poboación envellecida e unha sangría demográfica, onde nos últimos anos máis de 50.000 mozas e mozos tiveron que marchar de Galiza para labrarse un futuro ante a falta de oportunidades. Xunto con isto é necesario parar os recortes en sanidade e en educación. Non é de recibo que se pechen prantas de hospitais ou que por exemplo as xentes da contorna de Pontevedra se teñan que desprazar a Santiago para realizar algún tipo de proba médica só porque lles da a gana de recortar en servizos básicos.

- Pode conseguirse unha mellora?

- Claro que se pode conseguir, pero non a curto prazo, e sempre que se comecen a tomar medidas dende xa. Non hai un segundo que perder cando temos máis de 100.000 persoas en risco de pobreza, cando hai moitas familias que teñen todos os membros da súa familia en paro e incluso sen recibir ningún tipo de prestación. Estes gobernos deberían de comezar a pensar nas persoas, e se non o queren facer, que se vaian e deixen sitio aos que si pensamos todos os días na xente deste país.

- Por qué gran parte da clase política impón os intereses empresariais aos dos cidadáns?

- Porque pertencen todos aos mesmo grupo, a un lobby que o único o que lles importa é o seu enriquecemento persoal. É a súa base social, e buscan beneficiar a esa base para conseguir manterse no poder. Porque se levou a cabo o rescate aos bancos e aos grandes banqueiros mentres se permite que estes boten ás persoas das súas casas? Porque forman parte da súa casta. Non lles importan as persoas mentres teñan os petos quentes e cheos de cartos. Pero por iso é importante sinalar que non todos os políticos son iguais, hai xente como Ana Miranda que mira polos intereses das persoas e que se preocupa de levar os problemas das persoas de Galiza ao que agora é o máximo organismo de representación.

- Segundo as políticas sociais, cal cres que será o futuro a curto e medio prazo de Cuntis?

- En Cuntis non temos unha política social acorde coas características da nosa poboación. E para explicarme volvo a poñer o exemplo do Centro de Día, que se atopa entre silveiras e demais matogueiras, sen que se faga nada para poñelo a funcionar, cando temos unha poboación moi envellecida e sería dunha gran utilidade para moitas familias que durante o día teñen que facer números para ver como coidan aos seus maiores, ou que teñen que desprazarse a centros de día doutras localidades, co conseguinte gasto que iso conleva.

- E nos eidos económico e medioambiental?

- Máis do mesmo. Só hai que dicir que se leva sen aprobar un novo orzamento dende hai tres anos, cos problemas que iso conleva para o desenvolvemento de políticas no municipio. Hai que priorizar o gasto e comezar a mirar polas veciñas e os veciños. No eido mediambiental temos tamén un problema prioritario, as verteduras que en ocasións se producen ao Río Galo e que repercuten na calidade da auga do municipio así coma no rico ecosistema que temos arredor deste.

- Sendo o sector primario un dos principais motores de Galiza, por qué se está deixando morrer?

- Hai dous datos que destacan a importancia do sector primario en Galiza aínda hoxe en día: somos unha das principais potencias pesqueiras do mundo e un dos principais produtores de leite do mundo. Casualmente trátase de dous sectores moi supeditados ás políticas europeas, con numerosas trabas para poder pescar ou para producir leite, cunhas cotas lácteas e pesqueiras que son abusivas coa nosa terra. Por iso é necesario ir a Bruxelas e decirlles quén somos e que nos deixen vivir do noso, que temos moitos recursos e moi importantes.

- Como sería posible unha mellora? Podería ser real?

- Unha mellora podería darse dende o momento en que as políticas favorecesen ás persoas. Se o que se pretende é que formemos parte da Unión Europea, pois que nos traten coa importancia que temos, que deixen de prexudicarnos no reparto das axudas, e o que é máis importante, que estas cheguen aos que máis as necesiten. Por exemplo, que as axudas da PAC cheguen aos verdadeiras agricultores, campesiños e gandeiros, e non se queden en mans de intermediarios nin especuladores que montan sociedades e cooperativas falsas. Pero non só no sector agrario. Só fago unha reflexión. Como é posible que Galiza que é un dos maiores produtores de enerxía eléctrica do mundo, os seus cidadáns sexan dos que máis paguen pola luz? Pois hai que ir a Bruxelas, a Madrid e a onde faga falta e dicirlles que isto ten que cambiar e que merecemos un trato moito mellor.

- Sabemos coidar o nosos patrimonio natural e cultural?

- Aínda nos queda moito que aprender neste sentido. E para explicarme vou poñer un exemplo que sucedeu en Cuntis. Hai algúns meses, maquinaria do Concello nunhas labores de limpeza dunhas cunetas, arrasou con parte dunha mámoa, feito que foi denunciado por un compañeiro, Diego Torres. Cal foi a resposta que se deu dende o Concello? Pois que o meu compañeiro Diego se inventara a existencia desa mámoa, que alí non había nada e que eran todo invencións súas. Esa mámoa esta rexistrada en Patrimonio. Creo que con iso deixo ben claro cal e a situación actual á hora de coidar e tratar o noso patrimonio.

- Que decisións políticas fixeron máis dano a Cuntis?

- Vémonos afogados polo conxunto de decisións que se toman a nivel local e a nivel galego. É importante reactivar o pobo enseguida, porque senón a sangría demográfica seguirá aumentando, ao igual que os problemas. Debemos de prestar atención aos nosos mozos e mozas, ver cales son os seus principais problemas, se dispoñen dos medios e recursos necesarios para asistir ao colexio, para pagar o comedor escolar, para mercar o material. Os nosos maiores, que teñen que pagar os medicamentos, facer fronte á baixada das pensións, á perda do seu poder adquisitivo, sufragar cada vez cunha maior asiduidade á parte baixa da pirámide de poboación. Pero para cambiar a situación é necesario comezar xa, non esperar un minuto máis, e deixarse de tanta festa que puntualmente traen escasos beneficios ao pobo, e comezar a mirar polo día a día da xente de Cuntis, que vemos como se pechan establecementos porque as PEMES están afogados polas políticas que se están a levar a cabo.

Enrique Portela: "O modelo actual da Unión Europea ten un futuro moi negro"
Comentarios