Derradeiro debate parlamentario sobre o estado da nación galega: ¿fin de ciclo?

Alberto Núñez Feijóo. / Conchi Paz
Alberto Núñez Feijóo. / Conchi Paz

A eficiencia non foi a virtude primordial dos gabinetes habidos dende 2009 e tampouco distinguiu a xestión dos homes e mulleres que encabezaron as distintas áreas gobernamentais.

Derradeiro debate parlamentario sobre o estado da nación galega: ¿fin de ciclo?

A eficiencia non foi a virtude primordial dos gabinetes habidos dende 2009 e tampouco distinguiu a xestión dos homes e mulleres que encabezaron as distintas áreas gobernamentais.

O presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, acometeu o derradeiro debate parlamentario sobre o estado da nación buscando desesperadamente a conexión co seu electorado, ofrecendo agasallos coma quen abre o período de rebaixas comerciais. Era previsíbel: os síntomas de desacougo no seu partido son tan evidentes que non se poden agachar. Os comicios locais do 24 de Maio provocaron unha situación moi preocupante para o PP: só goberna nunha das sete cidades galegas, perdeu a maioría en concellos simbólicos e unicamente xestiona a Deputación da Ourense (e para iso mediante un clan familiar que actúa cun elevado nivel de autonomía).

A súa pretensión de que a economía galega presenta un diferencial positivo a respecto da española carece de credibilidade. A evolución seguida polos principais índices macroeconómicos demostra que a recuperación circula a unha velocidade mais lenta que a media estatal. De pouco valen as “boutades” presidenciais sobre a presunta superioridade da Facenda galega a respecto da catalana (a repetida consigna:”Galiza paga, Catalunya pide”) cando a opinión maioritaria da cidadanía non acompaña os diagnósticos optimistas que se emiten dende San Caetano.

Un dos activos mais propagados polos seareiros de Feijóo é a grande capacidade xestora exhibida polas súas equipas e o nivel de eficiencia demostrado na administración dos recursos públicos. Neste aspecto tamén existiu unha frase para as hemerotecas: ”estamos facendo mais con menos”. Non mais co mesmo, que xa sería moito. Non. Con menos: a excelencia que só acadan os grandes executivos das principais multinacionais. Se tal hipótese fose certa, por qué pasa agora de 8 a 10 consellarías? Por qué restablece a separación entre Medio Rural e Pesca  e por qué segrega Ordenación do Territorio e Medio Ambiente do anterior departamento no que figuraban con Infraestruturas e Vivenda?

Non. A eficiencia non foi a virtude primordial dos gabinetes habidos dende 2009 e tampouco distinguiu a xestión dos homes e mulleres que encabezaron as distintas áreas gobernamentais. Ocorre, poren, que a ficción segue cabalgando no relato dos fans mediáticos do presidente: por qué case non se reparou no despropósito que significa o cambio de responsabilidades de Beatriz Mato? Atopámonos ante unha conselleira omnisciente, que está capacitada para pasar de Traballo e Benestar a Ordenación do Territorio e Medio Ambiente sen que se note a mudanza? Tan baixo está o listón de esixencia neses ámbitos temáticos?

A lóxica utilizada por Núñez Feijóo para realizar os nomeamentos circulou por camiños diferentes dos sinalados na propaganda.Dende os primeiros momentos, o baixo perfil político dos seus acompañantes buscaba realzar o seu propio labor e neutralizar calquera tentación de opacar o seu liderado. Agora, ante as serias preocupacións explicitadas por unha boa parte dos seus rexedores municipais, corrixe parcialmente o seu criterio anterior e decide compartir o último ano da lexislatura con tres representantes do poder local do PP. Por qué non o fixo antes? Porque aínda non lle vira as orellas ao lobo.

O tratamento da corrupción é outro termómetro para medir o crédito político do máximo dirixente do PPdG. En todas e cada unha das operacións xudiciais abertas na Galiza nos últimos anos, aparecen involucrados cadros relevantes deste partido. Non estamos, xa que logo, ante episodios anecdóticos ou ante “catro mazás podres” nun cesto limpo. A prevención e a contundencia forman parte da retórica habitual pero tampouco acadan os niveis rexeneradores esixíbeis á primeira formación política galega. Cesar a Mª Xosé Bravo resulta, sen dúbida, adecuado pero serve para agachar a tolerancia con Roxelio Martinez (que leva encausado case 9 anos) e a pouca dureza practicada con Louzán (imputado na mesma operación “Patos” e premiado cun posto de asesor no grupo popular da Deputación para que non teña que regresar ao seu posto de conserxe no Concello de Ribadumia).

No debate celebrado no pazo do Hórreo comprobouse que un dos argumentos mais recorrentes que vai manexar Feijoo para buscar un novo triunfo electoral ten que ver co panorama que presenta a oposición, excesivamente fragmentada e sen liderados consistentes. De feito, a menos dun ano da convocatoria electoral, estamos ante unha situación inédita na historia recente da política galega: aínda non se coñecen as formacións que van comparecer na cita do vindeiro outono e as persoas que van encabezar as respectivas candidaturas.

Xa se sabe que, en moitas ocasións, as eleccións non as gaña a oposición senón que as perde o goberno. Antes de que remate 2016, saberemos se Feijóo acada a vitoria por demérito dos demais.

Comentarios