Causas e consecuencias da decisión de Feijóo

Alberto Núñez Feijóo en Soutomaior. / PP
Alberto Núñez Feijóo en Soutomaior. / PP

As contas non cadraban para alguén afeito a gañar as citas electorais dende o 2009 nun contexto presidido pola ausencia de pluralismo mediático e cunha oposición parlamentaria manifestamente mellorábel.

Causas e consecuencias da decisión de Feijóo

Rematadas as reviravoltas mediáticas do “affaire” Feijóo, poden formularse tres conclusións básicas:

1) O presidente da Xunta sempre tivo na súa axenda política a opción de substituír a Rajoy como candidato á Moncloa.Se finalmente non materializou tal propósito foi polas circunstancias concretas que concorreron no momento procesal que requería a súa decisión. O triunfo da moción de censura de Sánchez non estaba previsto na folla de ruta do inquilino de Montepío. Competir agora sen ter garantías de que non lle ía pasar como a Cristina Cifuentes co vídeo do Eroski vallecano (obviamente na versión galega da amizade perigosa con Marcial Dorado) e para presidir un PP estatal condenado a percorrer un complicado deserto na oposición ao novo goberno de Pedro Sánchez, non lle resultou convincente. As contas non cadraban para alguén afeito a gañar as citas electorais dende o 2009 nun contexto presidido pola ausencia de pluralismo mediático e cunha oposición parlamentaria manifestamente mellorábel.

2) A negativa de Feijóo orixinou un custe -aínda indeterminado- para as expectativas do PP no conxunto do Estado.Alimentou unha dinámica de loita polo control interno da organización cos beneficios colaterais que se poden derivar para o partido de Albert Rivera. Por moito que o dirixente galego especule co 2020 como data dun eventual retorno ao escenario sucesorio estatal, semellante retórica non servirá para neutralizar a desconfianza e falta de credibilidade que ten sementado co abandono dunha presenza que moitos militantes tiñan interiorizado nos últimos meses. A mensaxe implícita de “canto pior para o PP mellor para a chegada de Feijóo” non semella axeitada para abrir as portas da rúa Génova e/ou da Moncloa.

3) A decisión do político dos Peares eliminou os potenciais efectos desestabilizadores que provocaría o seu abandono do goberno galego. Obviamente, non é o mesmo acometer o proceso sucesorio no PPdG nun prazo de poucos meses que facelo cun horizonte de dous anos, previo coñecemento dalgunhas variábeis que poden resultar relevantes para tal proceso (resultado das eleccións municipais de 2019, evolución da xestión de Pedro Sánchez, fixación do calendario para as vindeiras xerais...). O presidencialismo fáctico establecido por Núñez Feijóo na última década provocaba unha oportunidade para a oposición parlamentaria e criaba as lóxicas dúbidas e incertidumes na estrutura de cadros do partido que ven hexemonizando as institucións de autogoverno dende hai moito tempo. @mundiario

Comentarios