Accidente en Santiago: RENFE, a atención ás vítimas e o centralismo radial

Primeros momentos tras el descarrilamiento del tren en Santiago.
Imaxe do descarrilamento do tren de Santiago, pouco despóis do accidente.

As causas e as consecuencias do accidente do Alvia aínda manteñen a atención dos medios de comunicación; mentres, RENFE instala en Madrid a Oficina de Atención ás vítimas.

Accidente en Santiago: RENFE, a atención ás vítimas e o centralismo radial

O xa famoso libro de Germá Bel, “España, capital París” leva por subtítulo a cualificación de Madrid como a capital do Estado radial. Si, xa sei, Germá Bel é un sedicioso catalá e para el todos os males radican na corte do Reino. Con todo, Óscar Pazos, un vigués pouco sospeitoso de ser un perigoso nacionalista, acuñou na súa obra “Madrid es una isla” o concepto de hipercapitalidade. Modestamente, pretendo recoller estas achegas para expoñelas nun exemplo gráfico como foi o accidente ferroviario do pasado 24 de xullo en Compostela. E non me vou referir a responsabilidades na traxedia, nin especular sobre sistemas automático de freado ou sobre inauguracións apresuradas. Quero fixar a atención sobre o que entendo que é o principal desta lamentable situación: as vítimas.

O 1 de agosto toda a prensa galega en formato papel acollía anuncios de RENFE-Operadora, dependente do Ministerio de Fomento, nos que daba conta da apertura dunha oficina de atención ás vítimas do accidente. Unha oficina que ten a súa sede física en, …, Madrid.

Dá igual que a maioría das persoas falecidas ou feridas foran galegas.

Dá igual que aínda haxa xente ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Dá igual que a propia compañía indicara que, ao efecto de iniciar os trámites derivados da cobertura do Seguro Obrigatorio de Viaxeiros, a propia RENFE-Operadora sinalara que o ten contratado coa aseguradora Allianz, e que as persoas afectadas poden dirixirse á Oficina Provisioria de Allianz na estación de Santiago.

Dá igual que recollida de equipaxes e de pertenzas persoais das persoas afectadas no devandito accidente debera facerse na Comisaría da Policía Nacional de Compostela.

Dá igual que o accidente estea a ser investigado por un xulgado compostelá.

Todo isto dá igual. A oficina, na que se pretende dar de forma integral tanto información como atención para facilitar a realización dos distintos trámites, así como calquera dúbida ou consulta que poda ser necesaria, como información para desprazamentos, cobertura do seguro, …, tiña que estar en Madrid. Unha demostración de insensibilidade, que só denunciou Compromiso por Galicia, é que resulta un expoñente claro e ferinte do que significa o centralismo como exemplo práctico. Madrid como insultante capital total, como hipercapital do Estado radial, mesmo para momentos como este. E teño o convencemento de que en ningún momento as mentes privilexiadas de RENFE pensaron que estaban a facer o incorrecto. Simplemente vaille no sangue, no seu ADN, na súa identidade.

A construción da realidade española actual e do seu concepto de Estado viaxou primeiro polas estradas alá polo século XVIII, para continuar polos camiños de ferro e logo pousarse nos aeroportos. Si, todos sabemos onde fica o quilómetro cero; mesmo podemos apreciar o valor simbólico desa residencia. Quen máis e quen menos sabe que a Red Nacional de los Ferrocarriles de España naceu co franquismo (1941) e acentuou o papel de Madrid como a medida de todas infraestruturas españolas.

Pero non toda a culpa é deles. Tamén o é do Goberno galego que non atende á súa xente nun momento tan delicado coma este e permite que o fagan desde Madrid, con todas as molestias que iso implica. Un Goberno que se inhibe nunha cuestión así, non é merecente de gabarse de estar ao servizo da cidadanía. E non falo simplemente de máis autogoberno; non falo de darse a valer na construción do AVE; non falo de reclamar as competencias en materia de trens de proximidade, algo que a Generalitat asumiu en 1979 ou o Goberno vasco desde 1982, ou comunidades de maior rango constitucional que a galega teñen desde 1986 (Comunidade valenciana) ou 1994 (as Illas Baleares). Falo de sentido común e solidariedade para coa nosa cidadanía. 

En 1933 Castelao denunciaba nas Cortes republicanas que “o ferrocarril galego ten unha longa historia que sangra inxustiza”. Tráxica realidade 80 anos despois, quizás con outro significado máis duro, porque falamos de vítimas. Falamos de persoas.

Accidente en Santiago: RENFE, a atención ás vítimas e o centralismo radial
Comentarios