A hora chanante no Parlament Comedy

Desta volta escribo en galego (lugista, eso sí, que inda non tiven tempo de comprar a enésima gramá
Desta volta escribo en galego (lugista, eso sí, que inda non tiven tempo de comprar a enésima gramática normativa e teño que tirar da variante de Lugo) porque como non é un idioma verdadeiramente oficial (xa que non ten o mesmo estatus xurídico que o castelán, para ledicia do PP), resulta máis discreto. Tal e como está a cousa escribir en galego eche igual que falar baixo (falar baixo, pisar leve, que dicía o mestre Vinicius de Moraes para enfatizar a discreción dos velorios). E, total, para o que teño que decir, tampouco é cousa de andar a berros.

Inda se fora eu gracioso como Feijoo... Mira que estivo simpático o jicho co tema do cambio do fuso horario nunha intervención no Parlamento. O líder popular preguntoulle a Touriño se no próximo pleno, que comezaba as 10, unha parte do goberno ía chegar puntual e a outra, as 11. Home, os do BNG piden que sexa unha hora menos (como en Canarias, oh), así que, en tal caso, estarían as 9. Vai ser mellor non cambiar nada porque a estes do PP non lles da a cabeza para botar estas contas. ¡Home, hai que facer unha resta! E eles o que saben é sumar. Que llo pregunten ó Telmo Martín. En fin, que Feijóo fixo rir a esgalla, e todo retransmitido en directo por internet dende a web do Parlamento, que mesmo parecía unha canle de R, a Parlament Comedy en plena "Hora chanante".

Tantas risas e logo din que diminuiu en España o consumo de cannabis. E que conste que non o digo polo PP, que ten á fronte un trío serio e formal como o Acebes-Zaplana-Rajoy que seguro que nin fuman, nin beben, nin andan con mulleres. Logo estivo fino o Rajoy, como sempre, na sesión do control do Congreso, controlando ó ZP, que non o deixan en paz co proceso de idem. "Le pido (a ZP, claro) que inste a la Fiscalía para que actúe con celo y contundencia contra ETA", dixo (isto púxeno en castelán porque non me pega ó Rajoy falando galego).

Aí, aí. Con celo e contundencia. Como fixo Pinochet en Chile, que a deixou mellor do que estaba, segundo outro destacado pepeiro: Don Manuel. Máis lixeira sí que a deixou, como uns 3.000 tipos máis lixeira, e por riba revitalizando un sector económico tan tradicional como o funerario. Menos mal que temos ó Fraga para abrirnos os ollos sobre a verdade da historia ¡Quen mellor que o noso expresidente para analizar unha dictadura! Non hai como saber de primeira man do que se fala.

Por iso os interesados fan preguntas nos Parlamentos aos que saben. Claro que hai preguntas e preguntas. Algunhas van para premio, como a do nacionalista Francisco Rodríguez, que espetou: "¿Qué resortes va a emplear el Gobierno para que los civiles se levanten obligatoriamente cuando escuchen el himno de España?" (esto vai en castelán porque foi así no orixinal, que a Paco sí que lle pega falar galego: de feito o que non lle pega e falar castelán). Toma preguntiña. En Madrid, cando o BNG fai calquera cousa, o normal é que resposten "que lle dean", así que que lle dean un premio a un do Bloque na capital xa é para tirar foguetes. Inda que sexa por unha conachada coma esta. Porque pola xestión dos incendios do verán non ían dar premio ningún.

En fin, vou ir parando de oubear, que se me ven tanta graza igual contrátanme de guionista para o vindeiro discurso de Touriño.