Se Feijóo sabe ceder, proba que pode pactar

Hai novo decreto do galego á vista e persiste o rexeitamento frontal do PSOE e do BNG. A posición dos naci
Se Feijóo sabe ceder, proba que pode pactar

Hai novo decreto do galego á vista e persiste o rexeitamento frontal do PSOE e do BNG. A posición dos nacionalistas estaba descontada e a dos socialistas semella ser clave na defensa do idioma. Nestas circunstancias, o PP e o presidente Feijóo seguen estando lonxe de resolver o conflito que eles mesmo crearon durante a campaña electoral, hai xa máis de un ano. Feijóo comprometeuse daquela, ante o seu electorado, a dinamitar o edificio da normalización lingüística que se construíra paseniñamente no Parlamento galego dende 1983. Facíao en nome dunha suposta “imposición” do galego, da que responsabilizaba o bipartito, e pretendía levantar no seu lugar un novo campo de xogo, outras regras, para darlle a última palabra ás familias. As urnas autorizárono a tomar a iniciativa na medida en que lle deron a maioría dos escanos no Hórreo, pero esa maioría foi exigua. Iso obrígao, en boa lóxica democrática, a pactar coa oposición os asuntos de país, e a lingua é con certeza un deles. De momento, transcorrida unha cuarta parte da lexislatura, o presidente da Xunta non foi capaz de saír da zona cero na que converteu o marco de convivencia entre as dúas linguas oficiais en Galicia. Ten a sociedade tan dividida como o seu propio partido.

A teor das reaccións suscitadas polo anteproxecto do chamado “decreto do plurilingüismo”, a fractura segue intacta. O divorcio entre o Goberno e os axentes sociais é se cadra maior ca antes. Por máis veces que o conselleiro de Educación repita que tivo en conta as opinións dos discrepantes, as institucións e os colectivos que se fixeron escoitar nos últimos meses seguen sen verse en absoluto representados no proxecto. Por se fose pouca a contestación que hai na rúa e a distancia que separa o PP de socialistas e nacionalistas, a división prendeu tamén no PP. Calquera paso atrás na desgaleguización do ensino subleva os sectores máis proclives a Galicia Bilingüe nas cidades de Vigo e A Coruña. Á inversa, calquera fuxida cara a diante dana aínda máis a lingua propia de Galicia e supón profundar a ferida social, distanciarse da oposición e subir a temperatura da crispación que xa callou entre as asociacións de pais, os sindicatos, os profesionais do ensino e as distintas plataformas a prol do galego.

Se o galego é de todos, como dixera neste periódico o escritor Agustín Fernández Paz, o seu lugar no ensino debe ser tamén un acordo de todos. Feijóo pode recuperar o consenso coas ferramentas que todo presidente da Xunta ten ao seu alcance. Hoxe, iso só parece posible no marco do Parlamento e co Plan Xeral de Normalización Lingüística como punto de referencia. Ese documento foi o último sinal de unanimidade das forzas políticas na Cámara, e a el cumpriría volver neste momento tan delicado. Imponse, por sensatez, retirar ou negociar o anteproxecto de decreto, sandar a ferida aberta na sociedade galega no último ano e empezar de novo. A zona cero debe converterse nun punto cero onde reiniciar o diálogo. Se Feijóo sabe ceder –e algo xa cedeu– proba que pode pactar. Hai partido.

Se Feijóo sabe ceder, proba que pode pactar
Comentarios