¿Un debate sen Quintana?

Resulta moi interesante a formulación que fai Anxo Quintana sobre o que son realmente os debates electorais. Moit
¿Un debate sen Quintana?
Resulta moi interesante a formulación que fai Anxo Quintana sobre o que son realmente os debates electorais. Moitos pensabamos que eran unicamente un combate de gravatas de moda e estudados cortes de pelo, unha coreografía tipo wrestling entre varios bustos parlantes que se ameazan, desafiantes, axitando uns folios con estatísticas incomprensibles realizadas por un bolseiro que aínda non controla demasiado ben o Excel. É dicir, que moitos pensabamos que eran cousas dos políticos. Pero resulta que non, que, en realidade, son un dereito dos cidadáns.

“Os cidadáns teñen dereito a escoitar e ver aos líderes políticos presentar as súas propostas”, dixo Quintana, e engadiu: “Creo que os partidos políticos estamos obrigados a debater. Non pode ser unha elección nosa, é unha obriga democrática e por iso sempre asistín aos debates aos que se me convocou e así o vou facer nesta campaña”.

Estas declaracións veñen ao caso polas estrañas manobras que se produciron na órbita do PP e do PSOE para diluir ao BNG e facer un debate entre PP e PSOE, coma se o Galicia fora bipartidista. Se alguén quere cambiar o sistema político deste país, que teña polo menos a decencia e a valentía de dicilo abertamente (D. Manuel tivo a coraxe de manifestar no seu día con todas as letras que a el o que lle ía era o modelo norteamericano de demócratas frontre a republicanos). Pero mentres haxa unha representación parlamentaria más ampla, o criterio para a realización de debates parece claro. Se hai catro forzas, un debate a catro, se hai dous, a dous, se hai tres, a tres. Sobre todo cando dous das tres conforman goberno e a outra é a oposición. Saltarse este criterio sería unha tomadura de pelo para os cidadáns. O que na miña casa se chama “unha carallada”. E é que, como ben di Quintana, os debates non son para os políticos, senón para os cidadáns. E o desprezo que demostran cara a unha parte nada desdeñable da cidadanía aqueles que pretenden un debate a dúas bandas é, sinxelamente, intolerable.

Como Núñez Feijóo é un bo orador, un político con facilidade para argumentar e con capacidade de convicción, convenlle debater con quen sexa, porque en calquera caso, polas súas características e a posición do seu partido como alternativa de Goberno, ten máis que gañar que que perder. Touriño, como “O Presidente” conciliador que aspira a ser, non pode negarse a un debate con todas as forzas representadas no Parlamento. E Quintana xa deixou clara a súa postura participativa. Así que a aposta é segura: ten que haber debate a tres.

¿Un debate sen Quintana?