Como é ser mozo no medio rural de Galicia?

Una persona joven.
Una persona joven.
Un punto de partida para a búsqueda de voces variadas que tomen a palabra para falar da súa vida no rural: cal é a realidade futura do territorio que imaxinan os mozos e mozas que viven na Comarca da Ulloa e cal a que desexan para a mesma?
Como é ser mozo no medio rural de Galicia?

Podemos abordar tamaña cuestión dende unha óptica máis ou menos materialista. Sendo como é o discurso que media actualmente no imaxinario dos mozos e mozas, parece cumpriría máis facelo dende a primeira das opcións. Pero pensemos que ao mellor partimos dun erro de base. Mágoa a de pechar un camiño reflexivo xa na primeira liña!

Os adolescentes teñen (creo que xa debo admitir a superación da barreira) unha lóxica da utopía e da individualidade que pode resultar perigosa pensando nas zancadelas que estarán por vir; pero que non deixa de ser unha boa arma contra as cuadraturas dos círculos. Pode que aspiraramos a ter unha vida coma a dos personaxes de Disney noutra época e que aspiren a tela coma a dos personaxes de Instagram na actualidade; pero teñen tamén aínda a capacidade para non crer nos camiños unilaterais e non son parvos. Porén, emerxe na súa lóxica outro perigo, actualmente, e que está moito máis ligado ao contexto socioeconómico que á etapa do desenvolvemento: a búsqueda de inmediatez e a búsqueda de garantías.

Coido que estas dúas cuestións poden, a día de hoxe, perxudicar máis o posible debuxo deses camiños, que os adolescentes imaxinan puideran ser vividos no rural, que meramente o produto que se quere conseguir ao final dos mesmos; que alteran, en maior medida que o fai o interese material, o relato que guía a un adolescente á hora de facer o camiño; e que son, en definitiva, os dous elementos do caldo máis perniciosos e contrarios á posibilidade dunha boa simbiose entre as novas xeracións e o medio rural como espazo para o desenvolvemento dun proxecto de vida. Porque ocorre que, no medio rural galego, estas dúas máximas (inmediatez e garantías) se relacionan con algunhas características profundamente idiosincráticas que, entendo, deben afectar dalgún xeito. En cada caso, por un motivo distinto. O que sucede é que ben analizadas, ao mellor, permítennos una nova visión moito máis positiva sobre un futuro no rural. Discutamos sobre elas, entón. 

A emigración é algo que non nos soa estraño e do cal temos referentes familiares inmediatos. Emigrar, para nosos pais, era sinal de moita máis garantía para ter un futuro que quedar na casa familiar

Eu nacín nos noventa. Evidentemente, os actuais mozos naceron xa un pouco despois pero atrévome a dicir que, a excepción dos máis benxamíns, non nos debemos atopar tan distantes. Os nosos pais e nais proveñen aínda dunhas xeracións acostumadas a emigrar. Meus pais emigraron a Suíza e os doutros compañeiros e compañeiras dos oitenta e noventa a outros lugares de Europa ou a cidades da península con máis tecido empresarial: caso de Barcelona ou Bilbao. Sexa como for, a emigración é algo que non nos soa estraño e do cal temos referentes familiares inmediatos. Emigrar, para nosos pais, era sinal de moita máis garantía para ter un futuro que quedar na casa familiar.

Ao mesmo tempo que non podían ocultar esa posibilidade, sumábase á mesma a garantía que en principio supuña o estudo. Pero ollo, una cousa levaba á outra: o estudo íate conducir a abandonar a aldea. Qué pasou con nós? Todo iso truncouse, efectivamente, porque de repente minguaban e cambiaban os nichos de mercado ao mesmo tempo que os nados a finais dos oitenta e dos noventa saiamos rindo licenciados das facultades. Non nos mentiran, pero era unha mentira a efectos prácticos. Pasa ás veces. Resultado: se unha das garantías fallaba, había que recorrer á outra. Au revoir, daddys! Moitos idiomas (non precisamente o galego) e pés en Lavacolla.

O problema vai a máis cando tampouco nese segundo foco de garantías hai estabilidade e moito menos esa boa calidade de vida da que nos falaban. Sexa como for, destruidas totalmente as garantías prometidas, pode abrirse para moitos mozos e mozas, mal que ben, unha nova oportunidade para reconsiderar onde tecer futuro. Pode, e de feito sucede. 

Pero aínda teriamos que ir máis atrás: coa aprendizaxe desta nosa xeración, cumpriría deixar a antiga cantata e interpretar una nova que xa advirta que os primeiros pasos poden ir orientados a non marchar, en troques de sair e volver escaldado. Entra en xogo o feito de que nas aldeas agora hai moitos coches e menos presión social. Isto fai cincuenta anos ao mellor era máis complexo, ao igual que vivir a vinte quilómetros do teu traballo (coa contaminación diaria que iso supón, é certo) ou teletraballar.

Non debera ser preciso ser heroes nin heroínas para vivir no rural

Quizáis se deixaramos de relacionar vida no rural con emprendemento, única e exclusivamente, e comezaramos a entender que hai que buscar xeitos de que as persoas que non queren emprender valoren a posibilidade de buscar estabilidade tamén no seu lugar de orixe, sería posible que as garantías que buscaban fóra do noso territorio de orixe comezaran a velas nel. Non debera ser preciso ser heroes nin heroínas para vivir no rural. Busquemos de xeito pragmático e, por que non, estratéxico e racional, tamén realista e democrático, a maneira de que esas garantías roubadas, ou postas noutra galaxia, poidan estar nesta. 

E non soamente falo de que esta reflexión se deba favorecer cando unha xa está ás portas de ter que tomar decisións e camiños ipso facto. Non. A cuestión sería que no proceso de formación dos adolescentes, falo de formación regrada e non regrada, estas expectativas e discursos teñan presencia. Parece o único xeito de reverter a simpleza da diagnose que xeralmente se fai arredor de desenvolver vida aló onde só se ven indicios de decadencia. É esta a idea que ten a xente moza sobre a posibilidade de traballo no rural? Cabería pregúntarllelo de forma directa. Qué tipo de posibilidades entenden que hai no rural á hora de adicarse a un oficio, á hora de ser asalariadas..? Está a cambiar xa a diagnose? Ou segue a ser a dos noventa?

Claro está, podo entender que alguén quixera engadir a estas primeiras garantías a cuestión da boa cobertura de servizos públicos básicos, coma a eduación e a sanidade. Nesa loita estamos: os colexios públicos do rural son espazos nos que a maioría de familias que escolarizan aos seus nenos e nenas atopan un trato personalizado e un ambiente humano que se vende nos mellores spots televisivos de centros de ensinanza privada e urbá (slogan que quixera ver eu traducido na práctica); e a perda de médicos e médicas de atención primaria combátese con esa lóxica comunitaria que non sempre aparece. Tempo ao tempo. A necesidade fai a loita. Porque, dende logo, algo non cadra. Ou se pretenden desmantelar de todo os territorios rurais a nivel de sanidade e educación; ou mellorará incriblemente rápido o servizo de transporte público neles (cuestión que, ainda asi, non resolvería o problema); ou os desprazamentos en vehículo privado se manterán, custe o que custe. 

Seguimos teimando en centrarnos no terceiro sector sen entender que somos primario ou primeiro

Doutra banda: a cuestión da inmediatez. Ten moito que ver co dito anteriormente, en realidade. Para unha persoa moza, tal e como está o panorama laboral nas zonas rurais: ou ben emprende e acepta que o camiño vai para longo, con risco incluso de non ir para ningures; ou ben acepta traballos do terceiro sector, nomeadamente, mal remunerados e cunhas condicións laborais, por dicilo de xeito suave, pouco ortodoxas. Quizais isto suceda porque seguimos teimando en centrarnos no terceiro sector sen entender que somos primario ou primeiro. E sen entender que ese sector sempre, sempre, será preciso para manter a cidade, para respetar e coidar o territorio, e para manter e coidarnos a nós mesmas.

A ninguén se lle pasa pola cabeza que, coa cantidade de negocios pequenos que pechan ano tras ano en comarcas coma a nosa, debera ser promocionable, incluso obrigatorio (co que actualmente detestamos esta palabra), o paso de explotacións e mesmo oficios que xa están funcionando ás novas xeracións? E falo de xeito regrado, habitual, que haxa renovación en cada gremio, coma se volveramos, para imaxinalo de xeito máis claro, aos inicios dunha hipotética burguesía municipalista rural. Puidera existir isto acaso? Por qué pechan? Porque non hai clientes. Por qué non hai clientes? Porque marchan buscando traballo. Entón, se temos un círculo vicioso, por qué non tratar de rompelo? 

A análise feita non é en absoluto novidosa pero convén recordala de cando en vez. Velaquí un posible primeiro paso para a loita contra a cuestión da heroicidade, mesmo sabendo de sobra que gandeiros, gandeiras, zoqueiras, barbeiros... poderían recibir esa mesma adxectivación. Pensemos na inmediatez que pode haber en tránsitos deste tipo, e non en tránsitos onde hai que reinventar todo ou construir dende cero. Non todo ten por que conlevar crear cousas novas. Outro punto da idiosincrasia popular do rural galego é a reciclaxe entendida como uso constante de elementos que puidera parecer que quedan en desuso. É a lóxica da pobreza? Pode ser, pero tamén a da intelixencia.

Outra pregunta que cómpre poñer enriba da mesa é a relacionada co díxome díxome que pulula arredor das aspiracións que a xente moza busca no traballo, do seu marxe de tolerancia ás características do traballo e incluso, se queremos chegar á raíz da cuestión, de que visión ten a xente moza sobre o traballo. Hai que ter traballo a toda costa? É frustrante perder o traballo? Son moi frustrantes algún tipos de traballo? A mala xestión da frustración implica o medo directo a enfrontarse a ela?

Alguén achacará que limitamos a análise ao eido laboral. Advirto entón que seguimos falando de valores ligados ao laboral, non soamente do laboral en sentido estricto. Se falamos de cultura, de ocio e de sinerxias nos intereses comúns, amais de rescatar o discurso da contaminación provocada polos coches ao ir á cidade ver una obra de teatro, cómpre ter presente que tamén nos espazos rurais  se están a desenvolver novas propostas culturais e están a nacer colectivos que poñen sobre a mesa temas e eidos de investigación-acción ben interesantes. Cando menos, falo da Comarca da Ulloa, onde me insiro. Quero dicir con isto que quizáis o problema hoxe en día non estea tanto no ocio ou no ámbito cultural, senón nas dinámicas máis ligadas á vivenda e ao traballo e sobre todo no relato que se constrúa con respecto ás mesmas, como veño sinalando.

A cultura do aluguer nas zonas rurais é moito máis escasa que nas urbes e a idea popular de que todo o mundo do rural ten una casa é moitas veces máis unha utopía que unha realidade

Falando de vivenda, a cultura do aluguer nas zonas rurais é moito máis escasa que nas urbes e a idea popular de que todo o mundo do rural ten una casa é moitas veces máis unha utopía que unha realidade. As casas están caendo, arranxalas é custosísimo para un mozo ou moza que queira independizarse, por moito que nos boten o sanbenito de que temos moitas axudas públicas. A demagoxia escoce ás veces. E, xa non só pensando en quen se vai, senón tamén en que puidera chegar, a merca dunha casa é complexa polo mesmo motivo e a maiores por un engadido: hai casas que están en máis de seis mans (as herdanzas e as partixas son un ingrediente digno de analizar). 

É evidente, pois, que o baleiro poboacional non ten unha causa soamente vexetativa, ten unha causa vinculada coa migración que se relaciona co xeito de vida que asociamos ao entorno urbano e rural e ás oportunidades que entendemos que eses dous espazos nos ofrecen. Algunhas das ideas que pululan nesa visión e nesa etiquetaxe poden estar sesgadas, outras non tanto. O certo é que a lectura simplista da que partimos, na cal debuxabamos a posibilidade de que os valores da inmediatez e das garantías eran inconcebibles no rural e totalmente seguros na urbe, parece entrar en profunda crise; pero o problema é que adoecemos dun novo paradigma interpretativo que poidamos poñer en práctica, que nos axude a restructurar o esquema. E a iso vou. Non obstante, preciso un derradeiro ingrediente.

No rural, ao igual que en calquera ámbito no que se queira reforzar unha sensación de pertenza, de confianza e de posibilidade de ilusións e futuro, precisamos referentes. Precisamos mans amigas. Precisamos ver que outros moitos e outras moitas o fixeron xa e están aí para acompañarnos e lembrarnos que non é difícil, que mesmo é pracenteiro. Comezo a pensar que xa os temos, pero en todo caso non é suficiente se non se tece de forma aberta a todos e a todas unha rede de visibilización que combata eses prexuízos, perigos e dificultades que durante tanto tempo nos foron inculcados con boa vontade.

O obxectivo é o de presentar e abrir un repositorio de entrevistas onde vaiamos coñecendo de xeito pragmático pero tamén humanista, historias de vida de mozos e mozas

Por iso, o obxectivo con este artigo é o de presentar e abrir un pequeno repositorio de entrevistas onde vaiamos coñecendo de xeito pragmático pero tamén, por que non, marcadamente humanista, historias de vida de mozos e mozas que decidiron ou que están valorando, debido a diferentes motivos, de xeito máis ou menos libre ou consciente, permanecer na Comarca da Ulloa e facer vida no rural do corazón de Galicia. 

Para quen considere que, finalmente, pequei de materialista, un último contiño. O outro día propúxenme visitar algúns lugares da aldea onde me criei, Vilareda (Palas de Rei). Meu padriño, que sabía de tal empeño cunha semana de antelación, pasou co tractor por algúns carreiros, porque xa non se daba transitado por eles. Pero a herba medra moi rápido. E un dos meus favoritos xa volvía ter a herba algo medrada. Un mes despois volvín facer ese mesmo percorrido. A herba xa estaba alteira. Pero gustoume moito empuxala coas miñas botas. Se unha camiña por algúns sitios de Vilareda, e non sabe onde hai camiños e onde non, non vai ser capaz de identificalos. E tampouco vai ser capaz de percorrelos. Ergo, non se vai dar conta de que ao percorrelos se chega a algures. A algún lado que ten un nome, unha historia e un uso.

Pois iso, que creo que o sabemos. Que creo que nos gusta sabelo. Que creo que somos responsables de sabelo e creo que sabemos que somos responsables.Ser ilusa ten o seu grao de perigo e o seu grao de falta de conciencia, pero o seu grao xusto. Ser demasiado realista ten o seu grao de perigo e o seu grao de falta de conciencia. E falo de conciencia colectiva, por suposto, pero tamén de conciencia individual. O acougo e o acubillo que dá apartar as herbas dun camiño que sabes que vai a algún sitio quizais sexa máis difícil de conseguir nas estradas dun ensanche. E o ser humano precisa os niveis axeitados de serotonina e oxitocina para estar equilibrado.

Si, eu acredito. E outras moitas voces tamén. Será un pracer escoitalas. @mundiario

Comentarios