Urxe garantir o dereito a unha vivenda digna a amplas capas da poboación
Un dos asuntos que máis preocupa á cidadanía, sobre todo á compostelá, é o da vivenda. As dificultades para garantir o seu acceso á totalidade da poboación e o esaxerado incremento dos alugueiros provocan continuos fluxos na poboación que se move na procura de mellores prezos e máis facilidades. A ninguén de Compostela lle estraña que haxa tantas persoas compañeiras de traballo que residan nos concellos limítrofes e que se sintan santiaguesas da cabeza aos pés. Mais houbo un momento en que se viron obrigadas a marchar polos prezos abusivos do mercado inmobiliario.
E o PP, a través do presidente substituto Alfonso Rueda, acaba de realizar unha obscena manobra propagandística ao anunciar a dotación de 1.800 vivendas para a próxima lexislatura. Faino despois de 14 anos en branco da Xunta de Galiza nesta materia. Seguro que todxs acreditamos en que nada ten que ver o anuncio co feito de estarmos en campaña electoral e a un ano de sermos chamadas ás urnas para as eleccións galegas.
Compostela é un dos concellos con máis problemas de acceso á unha vivenda a prezos razoábeis. Se o PP lle deu as costas a Galiza nos anos que leva de mandato, practicando nos últimos meses unha vergoñenta campaña de propaganda, non foi menos escandalosa a falta de atención a Santiago de Compostela que desde as vivendas de Belvís, do tempo o bipartito, non viu outras vivendas de protección oficial. A vivenda é, por outra parte, unha peza chave para dinamizar a economía local, para aproveitar e conservar o patrimonio inmobiliario existente co fin de gañar habitantes en Santiago de Compostela, de incrementar a calidade de vida e de impulsar o crecemento demográfico.
O PP prometeu 870 novas vivendas de promoción pública no anterior plan de vivenda de 2015-2020. Finalmente adxudicou menos de 40 en todo ese período.
O alugueiro, un problema que afecta especialmente a xenta nova
Desde 2016 o aluguer aumentou na Galiza un 25%, o que implica que a poboación galega paga de media 1.120 euros máis cada ano. A pesar da demanda de 750 persoas solicitantes rexistradas para conseguir vivenda pública en Santiago, a Xunta tan só ten previsto construír 60 vivendas. Ademais, os prezos do alugueiro tamén se incrementaron de maneira esaxerada. O alugueiro subiu en Compostela nos últimos anos unha media anual de 1348.8 euros, case un 30% máis que en 2014, o que afecta especialmente a xente nova.
O PP prometía no programa electoral de 2016 rehabilitar 1500 vivendas co programa Rexurbe e no programa de 2020 comprometíase a chegar a 3000 vivendas rehabilitadas. Mais foron palabras efémeras, pois como denunciou recentemente a deputada do BNG, Alexandra Fernández, no último informe publicado apenas había 10 inmóbeis rehabilitados. As promesas de comezar a realizalas agora tópanse co escaso orzamento e, sobre todo, coa máis escasa execución do orzamento comprometido para esta finalidade. Porque ao longo de 2021 deixaron sen gastar o 70% do orzamento previsto.
O BNG ten medidas concretas
Ante un PP que ten completamente paralizada a promoción de vivenda pública, o BNG ten medidas concretas, a nivel galego e a nivel municipal, para reverter a situación.
A primeira, axudas ao aluguer para a mocidade, tendo presente que o Bloque xa propuxera destinar 2M€ nos orzamentos de 2022, unha cantidade e proposta que foi rexeitada polo Partido Popular. Propoñemos tamén que as axudas do bono alugueiro mocidade se concedan tendo en conta o número de persoas que comparten vivenda e que se atenda a realidade de pisos compartidos, habitual entre a xente moza.
A segunda das propostas pasa por crear un parque de vivenda pública en aluguer que achegue a Galiza á media europea, en que a vivenda pública representa un 9,3% do total. Fronte a esta cifra, no caso galego situámonos en menos do 1%, como leva denunciando Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, que insiste en aumentar a porcentaxe de vivenda pública en alugueiro até un mínimo do 5% do total construído.
A terceira medida consiste nunha bolsa de vivenda para estudantes, importantísima en concellos como o de Compostela, en que xa se veñen producindo nos últimos tempos deslocalizacións de alumnado da USC cara a concellos da contorna.
A cuarta medida fundaméntase na mobilización de vivenda baleira e contención de prezos. Galiza ten un 18% de vivenda baleira; só en Compostela, estamos en 9500 vivendas baleiras, unha cantidade insoportábel nunha cidade do tamaño da capital do país. Para afrontar esta situación, o BNG propón medidas impositivas, que fagan aflorar a vivenda ao mercado libre, contribuíndo a un aumento da oferta e un descenso dos prezos; e tamén medidas de axuda á rehabilitación e de mediación por parte da Xunta para que parte desas vivendas se redirixan ao aluguer a prezos accesíbeis.
Outra proposta xira arredor da facilidade de acceder a unha vivenda. Neste sentido, o BNG propón que o Estado ceda á Xunta todas as vivendas que a SAREB teña na Galiza e que se sexan aptas para uso residencial. Serían xestionadas desde a administración galega e isto permitiría contar con máis pisos para atender a enorme demanda do Rexistro de Demandantes de Vivenda. É unha medida de xustiza social que debería de estar xa efectivizada.
Un plan de dinamización de vivenda baleira
Desde o BNG de Santiago apostamos por crear un plan de dinamización de vivenda baleira co obxectivo de destinala a aluguer para que a mocidade poida independizarse e para que a xente poida dispoñer de fogar en Compostela e fixar aquí a súa residencia, en vez de trasladarse a concellos limítrofes ou pensar en emigrar por falta de vivenda e de condicións laborais estábeis.
Tamén é preciso reforzar os investimentos para rehabilitación e acondicionamento de vivendas antigas, co fin de gañar confortabilidade en canto a illamento térmico, insonorización, accesibilidade e eficiencia enerxética que son necesarios para mellorar a calidade das vivendas e adecualas aos requirimentos actuais.
Catorce anos despois de gobernos da dereita na Galiza, urxe pasar páxina se quixermos contribuír a garantir o dereito a unha vivenda digna a amplas capas da poboación, que non debe sentir a presión de se ver encamiñada a abandonar o lugar en que decidiu habitar ou en que residirá temporalmente por cuestións laborais ou de estudos. @mundiario