Canto máis ten que subir o prezo da vivenda para asumirmos que é un problema?

La vivienda, un sector en dificultades. / Qimono en Pixabay
A vivienda, un sector en dificultades. / Qimono en Pixabay
Galicia precisa dun goberno que mire o actual prezo da vivenda dende a perspectiva da súa función social e dos problemas reais que cada vez máis xente padece.
Canto máis ten que subir o prezo da vivenda para asumirmos que é un problema?

Dende o 2016 até este mes de agosto de 2022 o prezo da vivenda en aluguer incrementouse en Galiza nun 25%. En apenas 6 anos pagamos, de media, 1.120€ máis ao ano segundo os datos oficiais ofrecidos polo Observatorio da Vivenda de Galicia, dependente da Xunta. Esta cifra aumenta substancialmente nas cidades, e así na Coruña e Vigo, por exemplo, os alugueres custan 1.693€ e 1.473€ máis ao ano, respectivamente. 

Segundo varios portais inmobiliarios o aumento do prezo do alugueiro foi aínda maior.

Se tomamos as cifras que manexan dende portais como El idealista, o aumento do prezo da vivenda en Galiza dende 2016 até a actualidade situaríase no 47,17% . Pasamos de pagar 5,3 € o m2 a 7,8 € m2, o que para un piso de 100 m2 suporía pagar 3.000€ máis ao ano. 

Un problema confinado ao entorno doméstico 

Os datos oficiais revelan, en todo caso, un problema grave de aumento desorbitado de prezos que debería facer saltar as alarmas da Consellería con competencias en vivenda polo enorme impacto que isto ten nas posibilidades de acceder e pagar unha vivenda para milleiros de galegos e galegas. Porén, o silencio é absoluto. 

Mais esta falta de preocupación por unha cuestión tan importante para as economías domésticas vai máis alá de San Caetano. En xeral, os principais medios e instrumentos de xeración de opinión pública danlle escaso espazo a este tema. Se contrastamos esta suba de prezos coa suba de prezos ligada á enerxía apreciamos axiña que o tratamento informativo é moi desigual. 

Se ámbolos dous problemas, enerxía e vivenda, supoñen neste momento dous dos principais vectores de absorción de rendas para as familias, mentres o primeiro é obxecto de debate político, o segundo pasa desapercibido na palestra pública e, cando as hai, as novas limítanse maioritariamente a amosar datos e pouca análise das causas ou das consecuencias reais para a xente. 

Causas e consecuencias da suba de prezos

Até 2008 viña alimentándose no sector inmobiliario a burbulla principalmente en torno á vivenda en réxime de compra. Pero a partir da crise e da xestión que dela se fixo, produciuse unha perda de poder adquisitivo e unha maior incapacidade de endebedamento das familias, o que provocou que para grandes sectores da poboación o acceso en réxime de compra deixase de ser unha opción. 

A partir de aí xa sabemos que pasou: o sector inmobiliario redirixiuse cara ao mercado de alugueiro e reorganizouse para procurar a extración de maior rendemento baixo esta fórmula, ben sexa mediante aluguer residencial ou vacacional. 

Deste xeito, a crise inmobiliaria de 2008 non se resolveu, senón que se desprazou cara ao mercado de alugueiro. Isto tivo consecuencias, tamén, sobre os umbrais de accesibilidade á vivenda. Como sabemos as rendas máis baixas ou aqueles colectivos onde existe unha maior precariedade laboral, son sectores da poboación que acceden á vivenda en maior medida mediante o réxime de aluguer. Por iso o aumento dos prezos do aluguer estase a cebar especialmente coa xente máis pobre, coa xente máis precarizada e coas persoas máis vulnerables. 

Xa que logo, o fondo do problema radica en que a función social da vivenda está desdebuxada en favor de intereses que impoñen unha comprensión do parque inmobiliario exclusivamente como un campo no que investir capital excedente, e que se organiza para alimentar sucesivas burbullas inmobiliarias das que obter o maior beneficio. 

A burbulla de prezos, un problema a resolver 

Por iso é chave rachar esa dinámica e facer o alugueiro accesible. Para iso, os distintos gobernos, e nomeadamente a Xunta por ser a máxima competente na materia, deberan asumir que este aumento dos prezos é un problema ante o que hai que tomar medidas. No entanto, o actual goberno do PP asume como algo positivo o incremento de prezos, xa que o observa apenas dende a mirada dos rendistas. Así o demostraron cando hai uns meses votaron en contra no Parlamento de Galicia ante unha iniciativa do BNG na que pediamos, precisamente, asumir esta escalada de prezos como un problema que require de medidas.

Precisamos dun goberno que mire o actual prezo da vivenda dende a perspectiva da súa función social e dos problemas reais que cada vez máis xente padece. O aumento continuado e acumulado do prezo da vivenda é xa insoportable. @mundiario

Comentarios