TVG é a canle máis vista en Galicia, seguida por Antena 3TV e TVE

Ana Celia Vázquez Fran López Iglesias. / Mundiario
Ana Celia Vázquez e Fran López Iglesias. / Mundiario

A Radio Galega tamén incrementa a súa audiencia, segundo o Estudo Xeral de Medios publicado este mércores. O programa informativo das mañás, o ‘Galicia por diante’, liderado por Xosé Valiñas e Kiko Novoa, duplicou a súa audiencia

TVG é a canle máis vista en Galicia, seguida por Antena 3TV e TVE

A TVG lidera as audiencias de televisión en Galicia cunha cota de pantalla do 13,8% no período de luns a domingo, segundo a primeira onda do Estudo Xeral de Medios feita pública este mércores. Televisión de Galicia é a canle máis vista en Galicia, seguida por Antena 3TV e TVE. O outro gran medio da CRTVG, a Radio Galega, tamén rexistra progresos, segundo informa a corporación que dirixe Alfonso Sánchez Izquierdo.

Televisión de Galicia lidera tres faixas do día: a faixa matinal, de 08:00 h a 13:30 h, cun 13,8%, que inclúe o informativo “Bos Días” e “A Revista”; a sobremesa, de 13.30h a 17:00 h, que inclúe o informativo “Galicia Noticias”, o “Telexornal Mediodía” e os programas de entretemento da tarde, cun 22,4%; e na faixa da noite, de 20.00 h a 04.00 h da madrugada, que inclúe o “Telexornal Serán” e a programación de prime time, cun 12,4%. En total, a TVG lidera 16 das 24 horas do día, todas elas en horario de máximo consumo televisivo.

Por días da semana, cómpre salientar as audiencias do venres, cunha cota do 17,6%, que no caso do prime time, que se corresponde co “Telexornal Serán” e o programa “Luar” sobe ata o 19,7%. De luns a venres, o incremento foi de 3,3 puntos de cota, o que significa un incremento de audiencia no total día do 29,5%, sendo a Galega a canle que máis medrou.

Progresos na Radio Galega

A Radio Galega tamén incrementa a súa audiencia, segundo o Estudo Xeral de Medios publicado este mércores, chegando aos 133.000 oíntes de luns a venres. A Radio Galega é a primeira opción que elixen os galegos e galegas entre as radios públicas de Galicia, e a terceira sumando as canles comerciais.

O programa informativo das mañás, o ‘Galicia por diante’, liderado por Xosé Valiñas e Kiko Novoa, duplicou a súa audiencia entre as 09.30 h e as 14.00 h en relación ás cifras publicadas polo EXM no mesmo período do ano pasado. ‘Pensando en ti’ continúa sendo o líder da madrugada radiofónica en Galicia e triplica a audiencia con respecto do mesmo período do ano anterior. Tamén sobe na fin de semana, baixo a dirección de Viti González.

O programa ‘A tarde’, dirixido por Antón Rebollido, cunha proposta de directos por todo o territorio galego, suma 9.000 oíntes cada tarde, e o ‘Convivir’ de Clara de Saa  -de luns a venres ás 21:00 h- medra con respecto á onda anterior. Pola súa banda, os programas especializados consolídanse na faixa da medianoite: ‘Un país mundial’, sobre migración; ‘Arredor de nós’, sobre historia; ‘Efervesciencia’, sobre ciencia, e ‘Lambóns dixitais’, sobre tecnoloxía.

Os informativos da Radio Galega tamén se consolidan como referencia para os consumidores de radio na nosa comunidade. Entre as 6:00 h e as 9:30 h da mañá, o ‘Galicia por diante’, liderado por Xosé Valiñas, suma 44.000 oíntes diarios, e ‘A crónica das dúas’, de Silvia Pereira, duplica a súa audiencia de luns a venres respecto da anterior onda do EXM. Tamén ‘A crónica’, de Manuel Estévez e Luis Ojea, suma novos oíntes. Os informativos da fin de semana, dirixidos por Celia Rúa, tamén melloran as súas cifras, chegando aos 30.000 seguidores os sábados.

O ‘Diario cultural’ chega a máis de 100.000 persoas de luns a domingo, en catro edicións diarias en horarios de máxima audiencia, e tres en directo na fin de semana. Con respecto á anterior onda, prodúcese unha suba notable na edición de mediodía, con 14.000 oíntes máis. Na fin de semana, a edición de nova creación dedicada a contidos alternativos acaba de recibir a proposta para os premios Celtic Media, a primeira  candidatura internacional para a Radio Galega.

O ‘Galicia en goles’ de Xoán Galán é líder na edición matinal e na franxa nocturna centrada na análise e faladoiro deportivo. Segundo o EXM publicado este mércores, consolídase a programación deportiva semanal con tres piares á marxe do veterano ‘Galicia en goles’: ‘Zona mixta’, de Carlos Alonso, que continúa crecendo na faixa das 15 h;  á noite, con ‘Ao contraataque’, de Pedro Pablo Alonso, que é líder de audiencia os domingos; e na fin de semana, co ‘Convivir deportivo’ de Alfonso Pardo, que centra a temática na perspectiva social do deporte e o servizo público .

O ‘Galicia por diante fin de semana’ segue consolidando o seu público e a suba de audiencia na edición dominical tradúcese en 6.000 oíntes máis que na onda anterior. Tamén manteñen a fidelidade do seu público os programas especializados en pesca ‘Mar de Ardora’; en agro, ‘Ferrado e medio’, ou en cine, con ‘Sala 5’.

No que atinxe ao humor, o programa ‘Déitate’ sobe tamén nas noites do sábado e do domingo con relación a onda de novembro; e tamén o ‘Como que non?’, dirixido por Carlos Tresandí, incrementa case nun 30% a súa audiencia con respecto a novembro.

A canle especializada Radio Galega Música subiu tamén un 26% de oíntes con respecto a hai un ano, entre luns e domingo, segundo o Estudo Xeral de Medios.

En resumo, as emisoras públicas de Galicia suman (Radio Galega e Radio Galega Música) 147.000 oíntes de luns a domingo, 8.000 máis que no mesmo período de 2018, o que supón unha suba de preto dun 6%. @mundiario

Comentarios