A TVG alcanza máximos históricos este Nadal

Marta Darriba. / Mundiario
Marta Darriba. / Mundiario

Dobrou o share da seguinte televisión competidora ao obter un 26,4% na faixa máis importante do día. Obtivo o pico máximo de cota durante o Land Rober Tunai Show, cun 38,3%.

A TVG alcanza máximos históricos este Nadal

A TVG foi a canle elixida maioritariamente para acompañar os galegos e galegas nestas datas festivas tan especiais. Así, as xornadas de Noiteboa e Nadal, Televisión de Galicia contou cunha cota media en ambos días de 13,9%, mentres que na faixa do prime time a cota acadou un 17,3%, segundo informa a TVG. No conxunto do día, a TVG superou o seguinte competidor nacional en 2 puntos de cota (Antena 3, 11,9%), mentres que, no prime time a distancia co seguinte competidor foi de 5,3 puntos de cota (La1 e Tele 5 cunha cota media ambas do 12%).

Entre as canles autonómicas, a canle pública galega tamén se fixo co liderado nos días 24 e 25 de decembro, tanto no conxunto das xornadas coma no prime time.

A TVG salienta as audiencias do día 24, en que acadou unha cota de pantalla de 17,8% no conxunto do día e un 26,4% na faixa de prime time. No Total Día sobrepasou o seguinte competidor (Antena 3, cun 11,8%) en 6 puntos de cota, mentres que no prime time a canle máis próxima (Antena 3, 12%) tivo 14,4 puntos de share, é dicir, que superou en máis do dobre a 2ª canle con maior audiencia na faixa máis importante do día.

Segundo datos de Kantar Media, a empresa que elabora os informes diarios de audiencias, a TVG fíxose o día 24 cos 7 primeiros programas dos 10 máis vistos da xornada: Telexornal Mediodía 14.30 (175.000 persoas de audiencia media e 29,1% de cota), Telexornal Mediodía 15.00 (167.000, 25,9%), Telexornal Serán 21.00 (153.000, 30,3%), Land Rober Tunai Show (153.000, 30,3%), Telexornal Serán. Avance (109.000, 18,8%), Coma un Allo (109.000, 16,3%) e Galicia Noticias (103.000, 24,8%).

O día de Noiteboa, a TVG tamén contou co minuto de ouro en Galicia, ás 15:05 horas, durante o Telexornal Mediodía 14:30, en que concentrou a 215.000 espectadores. Tamén acadou o pico máximo de cota de pantalla ou share de todas as canles ás 24:52 h. na emisión do Land Rober Tunai Show, cun 38,3%. Pola súa parte, na xornada de Nadal, a TVG mediou unha cota de 10,4% no conxunto do día e de 11,7% no prime time.

Para a TVG é salientable tamén a boa audiencia do día 22 de decembro, día da Lotaría do Nadal. A TVG acadou nesa xornada un 12,6% no conxunto día, o Telexornal Mediodía  un 26,8%, e o Especial Lotaría un 13,6%. @mundiario

A TVG alcanza máximos históricos este Nadal
Comentarios