Somos Nós

É o momento de recuperar entre todos unha nova autoestima para poñer a Santiago no século XXI competindo coas principais capitais internacionais.
Rúa do Villar, en Santiago. / Xurxo Lobato
Rúa do Villar, en Santiago. / Xurxo Lobato

Di Bjarke Ingels, o premiado arquitecto dinamarqués, que “se a cidade non encaixa no modo de vida que queremos, temos que cambiala nós” e polo tanto temos que ser conscientes en todo momento do noso poder e responsabilidade. Como candidato á Alcaldía de Santiago estou convencido que son a vontade, a iniciativa e a enerxía os motores que modernizan as cidades.

Desde o primeiro momento estamos traballando na construción dun programa de goberno que ten como meta irrenunciable que Santiago sexa na próxima década un referente mundial en políticas urbanas. O deseño desta planificación de goberno requirirá moitas horas de traballo e a colaboración das persoas máis capaces pero, sobre todo, o compromiso dos que de verdade cren nas posibilidades inesgotables da nosa cidade.

Se consigo a confianza maioritaria dos veciños, moitos estades lendo este artigo, dígovos que vou construír un Santiago que avance, que sexa protagonista e líder do seu futuro. Temos que recuperar a vangarda, esa é a clave, necesitamos ideas vivas e novos proxectos que poñan a Compostela en marcha. Unha cidade próxima, na que poidamos confiar, pensada para as familias, desde os rapaces máis novos ata os maiores que queren volver a aproveitar o seu tempo e o seu espazo. Unha Compostela máis humana e máis sensible. Unha cidade creativa, que necesita unha profunda transformación capaz de atraer emprego intelixente e de calidade e aproveitar así as forzas das novas economías.

Un Casco Histórico e unhas rúas do Ensanche que teñen que aspirar a unha vida urbana máis intensa: cafés, tendas, restaurantes, música, teatros, museos. Volver ao centro urbano repensado para as familias, espazos infantís saudables e máis comunidade.  O meu goberno liderará unha revolución nos barrios co obxectivo de potenciar a súa identidade a través da calidade de vida, a saúde e o deporte, dinamizando a súa actividade económica, fomentando a atracción de talento a estes lugares emerxentes.

E só dependerá de nos, porque hoxe temos uns dirixentes ao fronte da cidade cun proxecto completamente esgotado, que xa deu aos composteláns todo o que tiña que dar, e que demostrou nesta último mandato que non tiñan nin novas ideas nin novas forzas. É o momento de recuperar entre todos unha nova autoestima para poñer a Santiago no século XXI competindo coas principais capitais internacionais. E teremos, teredes, unha oportunidade única nas vindeiras eleccións municipais onde a decisión limitarase a dúas propostas: resignación, desgana e pasado fronte a vangarda, enerxía e futuro. Depende de nós. @mundiario

Comentarios