Sen medo
Os diarios de Rafael Chirbes comezan en abril de 1984 cunha frase brutal, conceptual, só escribe “sensación de provisionalidade” e a partir de aí arranca. Esa sensación de non estar facendo, vivindo ou sentido as cousas ao ritmo axeitado.
Sensación de provisionalidade é todo o contrario a arriscar sendo rompedor ou estar na vangarda, é a preclaridade do erro. Comer unha sopa con garfo, algo non vai ben.
Escoitar e observar aos dirixentes nacionalistas en Santiago é un exemplo parecido. Trasládante a hai vinte ou trinta anos, con arengas en branco e negro, completamente alonxados do dinamismo e pluralidade que hoxe hai en Compostela.
Só son 6 de 25 pero gobernan e falan sen a humildade de recoñecer que nunca ningún goberno tivo menos apoio popular na historia de Santiago. Sensación de provisionalidade.
Nestes primeiros cen días vivimos tamén todo o contrario, a fin de semana do 16 e 17 de setembro Compostela foi creatividade, risco e futuro. Coincidiron dous festivais que marcan o camiño a seguir, o Wos Festival e o Holanola Fest.
Iván e Martín traen dende hai tempo nas súas propostas unha forza que adianta o paso. Teñen a enerxía xeracional de querer cambiar as cousas e unha sensibilidade 100% compostelá, isto é, vangarda, paixón e modernidade. Por aí si podemos reconstruír esa idea de Santiago como torre de Babel e cóctel multicultural, acolledora e sedenta de novas experiencias. Abramos aínda máis as portas, sen medo. @mundiario