“Semella que non somos un socio preferente”, dille Yolanda Díaz ao PSOE

A voceira de Galicia en Común no Congreso sinala tamén que “hai certo ruído por parte do PSOE que non axuda, efectivamente, á negociación” e que están "todo o día nunha especie de bucle”.
Yolanda Díaz. / TVG
Yolanda Díaz. / TVG

“O trato que se nos ten dado é inxusto é incorrecto”, afirmou a voceira de Galicia en Común no Congreso, Yolanda Díaz, entrevistada por Ana Celia Vázquez no ‘Bos días’ da TVG, dous días despois de que Unidas Podemos enviase un documento ao PSOE con propostas programáticas e de competencias que posteriormente o partido socialista considerou inviable. A voceira insistiu en que “o que estamos pedindo xustamente é retomar o diálogo”, e dixo estar “convencida de que non pode haber outro escenario máis que a negociación”.

Yolanda Díaz engadiu que “semella que non somos un socio preferente”. Sinalou que “hai certo ruído por parte do PSOE que non axuda, efectivamente, á negociación” e que están "todo o día nunha especie de bucle”.

“Estivemos todo o verán calando, escoitando o que eles e elas dicían de forma reiterada nos medios de comunicación”, dixo, e considerou que a situación actual “é incomprensible”. “Ao señor Sánchez gustaríalle gobernar só, pero para gobernar so hai que ter maioría absoluta”, indicou, e recordou que “nin Unidas Podemos regala votos gratis nin ninguén en política fai iso”.

A voceira de Galicia en Común no Congreso declarou que o presidente de Goberno en funcións “está cometendo un risco forte”, pois “xa estivo 34 meses durante a investidura errada sen negociar non só connosco, senón con ningunha formación da cámara”, e insistiu en que ir cara ao escenario dunhas novas eleccións é unha “grande irresponsabilidade”.

“Creo sinceramente que a xente non quere unha repetición electoral”, aseverou. Ademais, lamentou que “o señor Sánchez aínda non chamou nin parece que queira nomear un equipo negociador”. Na súa opinión, “a xente quere diálogo e quere formacións políticas diferentes”, e “o que quere a cidadanía española, como está demostrando, é non volver ao século XX”. Tamén asegurou que o que a cidadanía espera dun goberno é “rigor e seriedade”. @mundiario

Comentarios