Tres razóns para o cambio político galego (e III)

Ana Pontón. / Mundiario
Ana Pontón escribe no libro de firmas de Cooperativas Lácteas Unidas (Clun). / Mundiario
Con Ana Pontón Galiza ten a oportunidade de comezar a ser un país moderno, de poñer en marcha unha acción de goberno transformadora, de ter á fronte da Xunta de Galicia unha muller que posúe a intelixencia, a dignidade e a coraxe política necesaria para defender os intereses galegos sen pedir permiso a Madrid.
Tres razóns para o cambio político galego (e III)

Miña avoa Lola, que naceu en 1902, con once anos xa traballaba cun raño nas terras axudándolle a súa nai, que seu pai pasou case toda a súa vida navegando no Golfo de México, facendo algúns cartos, primeiro para construír unha casa en Ortigueira xa antes de casar e despois para ir mercando pouco a pouco terras de seu, ferrado a ferrado. E miña avoa traballou aquelas terras todas desde que era unha nena até que con oitenta e pico de anos non puido máis. Toda a vida labrando a terra rego a rego, arrincando as malas raíces coas mans, coidando do gando, da familia, lavando a roupa no río, segando no trigo, que non había home que lle gañara, carretando feixes de herba, levando cestas de froitos na cabeza á praza e ás feiras, andando a pé quilómetros e quilómetros… E coma miña avoa as mulleres todas deste país, labregas e peixeiras, xeración tras xeración, durante centos de anos. Miña avoa e aquelas mulleres todas merecen que por fin no século XXI haxa unha muller da súa estirpe labrega á fronte do goberno deste país. Sería o maior recoñecemento que se lles podería facer a milleiros e milleiros de mulleres galegas que non tiveron outra vida máis que traballar de sol a sol, sen saber o que é un día de descanso en oitenta anos.

E logo están esas outras mulleres rebeldes, valentes, comprometidas, cheas de coraxe, erguendo a bandeira da xustiza e das liberdades, sendo as primeiras nas Irmandades da Fala, no Seminario de Estudos Galegos, nos partidos políticos e nas organizacións sindicais clandestinas… Foron as mulleres que sufriron a barbarie do 36 e a represión fascista, que lles asasinaron os homes e os fillos, que se tiveron que repoñer a tanto horror e tanta dor para sacar adiante a súa familia, convivir cos asesinos dos seus compañeiros ou coller un barco cara o exilio talvez para nunca regresar. Falo de Amalia Bóveda e de Amada García, de Syra Alonso e de Mariví Villaverde, de María Miramontes ou de María Casares. A súa entrega á causa de Galiza e da democracia e o seu enorme sacrificio humano non poderían ter mellor homenaxe que que unha muller de hoxe presida este país para que as liberdades e os ideais que elas abrazaron se transformen por fin na construción dunha nova Galiza, dun país novo, nun cambio político verdadeiramente transformador, feminino e feminista.

Están tamén todas aquelas mulleres que foron pioneiras na utilización e na defensa da lingua galega, na Universidade, nas letras, na medicina, na investigación científica, nas artes, na arquitectura, no deporte, na empresa, na avogacía, na vivencia plena da súa sexualidade.., as mulleres que puxeron os alicerces dun país diferente e moderno, mulleres como Rosalía de Castro, Xohana Torres ou María Xosé Queizán, como Juana de Vega, María Luz Morales ou María Barbeito, como Manuela Barreiro, Antonia Ferrín Moreiras ou Ángeles Alvariño, como Irene González Basanta, Marcela ou Elisa, como Carmen Arias, Amparo Alvajar ou Antía Cal… A obra, a vida e a memoria de todas estas mulleres ninguén a pode honrar e homenaxear mellor na Galiza de hoxe que outra muller que se mire cada día nese inmenso e luminoso espello que conforman todas elas.

Mulleres que ocupan un lugar na historia e milleiros e milleiros de mulleres anónimas que seguen a se erguer cada mañá para exercer a docencia, a medicina, o coidado das persoas doentes ou das persoas dependentes, a xestión das súas pequenas e medianas empresas, a condución dun taxi, dun autobús ou dun camión, a atención ao público na administración, nun supermercado, nunha cafetería ou nunha tenda, a investigación científica nun laboratorio, a explotación dunha granxa, o marisqueo nas nosas rías, a dirección dunha película, o traballo de actriz ou de bibliotecaria e outras moitas actividades profesionais, ás veces lonxe dos seus, noutros países, ás veces aquí e aló en condicións discriminatorias e mesmo sufrindo violencia machista. Mulleres de xeracións varias, de status sociais diferentes, que erguen a economía e o país e soñan cada día cun futuro mellor para elas e para os seus.

Nós non vemos nos anos vinte do século XXI, 90 anos despois de que as mulleres puidesen exercer o seu dereito ao voto, como se pode visualizar mellor o cambio político en Galiza que poñendo por primeira vez na historia e cun grande respaldo social unha muller da categoría humana e política de Ana Pontón na Presidencia da Xunta de Galicia, unha muller que recolleu de todas as mulleres que a precederon a súa forza e o seu orgullo de ser muller para devolvérllelo nunha aposta decidida por un novo país no que as mulleres todas poidan ter outra vida e sexan tamén protagonistas da historia. Esa será, sen dúbida, a mellor foto que podemos ofrecerlle ao conxunto da sociedade galega, a España e ao mundo do cambio político galego, a demostración máis clara de que este país entra definitivamente noutro tempo histórico e noutro século.

Visita de Ana Pontón a Cooperativas Lácteas Unidas (Clun). / Mundiario
Visita de Ana Pontón a Cooperativas Lácteas Unidas (Clun). / Mundiario

O goberno galego non pode continuar nas mans dunha dereita que vai a cabalo dunha extrema dereita que reivindica os valores do máis puro franquismo. Somo moitas as persoas, cada vez máis, que acreditamos no futuro deste país e que pensamos que con Ana Pontón Galiza ten a oportunidade de comezar a ser unha nación moderna, de poñer en marcha unha acción de goberno transformadora, de ter á fronte da Xunta de Galicia unha muller que posúe a intelixencia, a dignidade e a coraxe política necesaria para defender os intereses galegos sen pedir permiso a Madrid. @mundiario

Comentarios