A protección de persoas denunciantes de casos de corrupción, tamén en Galicia

Parlamento de Galicia. / Mundiario
Parlamento de Galicia. / Mundiario
O anteproxecto de lei crea a Autoridade Independente de Protección do Informante, que deberá de ter correlato no ámbito autonómico.
A protección de persoas denunciantes de casos de corrupción, tamén en Galicia

Unha xa longa lista de casos de corrupción teñen minado de forma intensa o noso sistema institucional e a confianza na acción política, con prácticas instaladas, parece as veces que de forma estrutural, tanto no ámbito empresarial como no sector público. Novamente, recentes escándalos na compra masiva de máscaras pola covid-19 en Madrid, comisións para organizar importantes finais futbolísticas, incluso casos de espionaxe, son “prácticas” que seguen esixindo unha actuación xudicial contundente contra a corrupción e un marco regulatorio que incorpore as mellores experiencias dos países e institucións máis avanzados na materia. 

Os sucesivos barómetros do CIS veñen situando sistemáticamente a corrupción e a fraude coma un dos principais problemas que existen en España. A pesar das sucesivas crises económica e sanitaria, no último barómetro deste pasado mes de marzo, xa iniciada ademáis a invasión de Ucraína por Rusia, este problema segue situándose na posición 11, moi por riba de cuestións tan trascendentais para a vida diaria coma poden ser a calidade do emprego, a vivenda, o medio ambiente ou a inseguridade cidadá. Lóxicamente sitúanse como primeiras preocupacións, a propia crise económica, o paro e a sanidade.

Nos datos de Transparencia Internacional España, o noso país mantén unha posición intermedia entre os países UE (13 dos 28 Estados membro) no Índice de Percepción da Corrupción no sector público, tras avanzar positivamente algunhas posicións.

Por outra parte, na última Memoria 2021 da Fiscalía Xeral do Estado, os datos que presenta a Fiscalía Especial Contra a Corrupción e a Crimininalidade Organizada, indican un continuo incremento de procedementos penais incoados (761 no ano 2020, 746 en 2019 e 678 en 2018). A ONU ten destacado como o Foro Económico Mundial cifra o custo da corrupción nun 5% do PIB global, uns 2,6 billóns de dólares. Segundo o Banco Mundial, as empresas e as personas pagan máis de un billón en sobornos cada ano.

Durante a pasada lexislatura do Parlamento de Galicia, tivemos a ocasión de debatir en 2017 na Cámara autonómica diversas iniciativas que trataban de impulsar novas políticas na loita contra a corrupción. Este paquete de medidas comprendía varios instrumentos, como o necesario réxime de protección das persoas denunciantes de prácticas de corrupción, a regulación da actuación dos Grupos de interese (Lobbies), a promoción dos pactos de integridade na xestión pública para mellorar a transparencia e a participación, a incorporación das recomendacións da Comisión Europea para avaliar os riscos de fraude na xestión dos fondos UE ou a supresión do réxime de aforamento dos deputados e deputadas nunha necesaria actualización do noso Estatatuto de Autonomía, cuestión esta última que sí recibiu o apoio de toda a Cámara. Sen embargo, as outras medidas non recibiron o apoio necesario para avanzar en Galicia na calidade do noso sistema institucional.

Po iso, resulta do máximo interese a aprobación o pasado 4 de marzo por parte do Consello de Ministros do Anteproxecto de Lei que regula a protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción, necesaria transposición da Directiva (UE) 2019/1937, coñecida como Directiva Wistleblowers (en referencia á tradición da policía británica de facer sonar o silbato ante unha conducta delituosa) e que establece un sistema de protección que inclúe tanto ao sector público coma o privado.

O whistleblowing, de gran acollida xa no plano internacional, vese agora reflectido en España, en necesaria conexión cos modelos de cumprimento normativo (compliance) introducidos no artigo 31 bis do Código Penal coa reforma operada coa Lei Orgánica 1/2015, precepto que posibilita a exención de responsabilidade penal das persoas xurídicas que adopten un modelo eficaz de prevención de riscos penais.

Con esta norma, calquera ciuadán e cualquera funcionario público poderá denunciar as operacións, subvencións e adxudicacións sospeitosas que coñeza no seu ámbito laboral ou profesional, debéndoselle ofrecer unha protección real e efectiva ante calquera represalia no dito ámbito, incluído o seu entorno se fora necesario.

Establece a obriga de dispoñer de canles internos de información tanto para as persoas físicas coma xurídicas que conten con 50 ou máis traballadores, estando tamén obrigados os partidos políticos, sindicatos, organizaciones empresariais, así como as súas fundacións, sempre que xestionen fondos públicos.

No sector público, terán que contar con sistemas internos de información todas as Administraciones territoriais e institucionais, as Universidades, as corporacións de dereito público e as sociedades e fundacións públicas; tamén a Casa Real, os órganos constitucionais e as institucións autonómicas análogas. O anteproxecto de lei crea a Autoridade Independente de Protección do Informante, que deberá de ter correlato no ámbito autonómico.

Cando este anteproxecto de lei reciba a súa aprobación parlamentaria, considerando o seu carácter de norma básica, deberá de aplicarse necesariamente tamén en Galicia, sen máis excusas. @mundiario


O autor foi deputado do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia.

Comentarios