DE BOLINA

OTAN, máis do mesmo: sostenella e non enmendalla, ou non

Jens Stoltenberg, secretario general de la OTAN. / RR SS
Jens Stoltenberg, secretario xeral da OTAN. / RR SS

Rematado o cumio de Madrid da OTAN, o que se sinala é o camiño de incrementar os gastos en armamento e continuar coa expansión territorial desta organización armada.

OTAN, máis do mesmo: sostenella e non enmendalla, ou non

Dúas, ou máis, cuestións previas. A primeira: négome a saber de estratexias nin de tácticas de guerra. A segunda: a invasión rusa polas armas de Ucraína é unha monstruosidade, sen paliativos. Adiántolles que o que quero dicir é que nesta actual situación de conflito -que, parece ser, disque, provoca a suba indiscriminada de prezos, especialmente alimentos e combustibles- os países integrantes da OTAN non son inocentes. E non o son por manteren a dialéctica da necesidade de defensa armada, aínda que sexa fronte a outra parte que tamén cre niso.

Imos cun pouco de memoria. Que é a OTAN?: a maior fonte de consumo de trebellos para matar xente, disfrazada dunha alianza militar duns trinta Estados europeos e norteamericanos, fundada en 1949 como consecuencia, daquela, da división do mundo en dous bloques: comunista e capitalista. Entre as razóns de ser da OTAN están que a ONU, co sistema de vetos, non parecía instrumento suficiente para parar os perigos que poderían emanar, sobre todo da Unión Soviética.

En 1955, para facer fronte á OTAN, creouse o Pacto de Varsovia, que agrupou Estados da órbita soviética. Mentres durou fíxosenos crer na necesidade de manter a OTAN como contrapeso, pero despois das diversas revolucións de 1989 e da disolución da URSS, o Pacto de Varsovia desfíxose en 1991. O razoable sería que a OTAN seguise daquela o mesmo camiño por quedarse sen rivais e sen misión, que se abrise para o mundo un tempo libre do tremendo custe militar desta organización e que se arrincase da Humanidade a dialéctica bélica. Ocorreu todo o contrario e a OTAN seguiu e mantense como a maquinaria castrense mundial máis potente. Un pozo sen fondo. No 2014, pediulles aos socios alcanzar o 2% do PIB en gastos de armamento, e os europeos comprometéronse a alcanzalo en 2024: uns 100.000 millóns de euros, que representan o 51 % do total do gasto militar mundial, dos que España tería que achegar 10.000 millóns.

A OTAN non renunciou ás armas atómicas e, aparte das propias de Francia, Reino Unido e Alemaña, hai despregadas bombas nucleares en bases aéreas de Alemaña, Bélxica, Países Baixos, Italia e Turquía. En 1995, a OTAN atacou aos serbios en Bosnia e en 1999 Kosovo, para parar a limpeza étnica. Sen permiso da ONU.

A fronteira Oeste de Rusia son casi todos países integrados na OTAN
Na fronteira Oeste de Rusia son casi todos países integrados na OTAN

Desde a desaparición do Pacto de Varsovia, incumprindo un acordo non escrito entre Bush, pai, e Gorbachov, a OTAN foi acurralando a Rusia coa incorporación de Bulgaria, República Checa, Hungría, Polonia, Romanía, Albania, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Letonia e Lituania. E aspiran a entrar Bosnia e Herzegovina, Xeorxia, Ucraína, Suecia e Finlandia. Agora mesmo soldados, avións de combate e blindados españois están apostados en Polonia e nas repúblicas bálticas.

Estes días celebrouse en Madrid unha xuntanza de gobernantes empeñados en incrementar o gasto militar e buscar dispor de máis armas que maten máis que as rusas e, en particular, EEUU en manter o liderado militar no interior de Europa a través da OTAN.

Imos coas preguntas: existiría o perigo soviético, a pasada guerra fría, a carreira armamentística, Europa nuclearizada, exércitos innecesarios e sobredimensionados, inversións e comercio de armas co conseguinte prexuízo do desenvolvemento socioeconómico, sen OTAN?. E, digo eu, non resultará a OTAN unha ameaza para a seguridade e a paz europea, ao contrario do que se nos di?. Ai que enleada!: nunca é todo branco ou negro. @mundiario

Comentarios